Actualizado
Xullo do 2008

Co galego topamos, amigo Sancho!!
Os novos quixotes, Fernando Sabater, filósofo; Carme Iglesias, académica; Gloria Lago, presidente de "Galicia bilingüe" e José Manuel Pousada, vicepresidente, co apoio do PP e de UpyD, teñen declarada unha guerra aberta contra o uso do galego, do catalán e do euskera. Están gastando inxentes cantidades de "medias verdades" para, dín eles, defender o idioma castelán que, a este paso, tende a desaparecer como idioma de comunicación entre os españois. Agárrate Sancho que estes veñen con forza!

Despois de 30 anos desta fraca democracia non fomos quen de darnos unha sociedade asentada, clara nas súas opcións políticas e sociais, vertebrada. Seguimos utilizando calquera disculpa, aínda que sexa unha monumental falsidade, para atacar, non a un sector da sociedade senón, simplemente, ós políticos, ós partidos políticos que non son da nosa corda. Que mellor que disparar co idioma!

O idioma voltuose como unha ferramenta utilísima para este traballo. Aquí non se organizan os cidadáns para informar sobre a situación económica, sobre educación, sobre opcións laborais, sobre os graves problemas da nosa mocidade,...s. Non. Aquí bótase man do idioma porque é un tema sensible e pode dar resultados electorais.
Os grupos afectados pola implantación dos idiomas catalán, éuskara e galego no ensino e nalgunha institución pública móstranse intransixentes coa obriga de que se utilice o galego n os primeiros anos alí onde o galego é, maioritariamente, a lingua familiar. Curiosamente, estes grupos son, politicamente falando, adeptos a prantexamentos conservadores, de aí que, por exemplo, o PP estea apoiandoos, malia que en Galicia fora D. Manuel Fraga quen asinara o decreto de constitución da Universidade da Coruña onde se establecía que a lingua propia da institución sería o galego, en concordancia coa Lei de Normalización Lingüística impulsada por AP en 1983.Hoxe nesa universidade hai división de opinións respecto a este tema.

Sabater ven de prantexar cousas tan peregrinas como que o dereito de calquera cidadán a ser atendido pola Administración na súa lingua de elección (castelán ou galego) non podía implicar que tódolos funcionarios teñan que coñecer as dúas línguas, senón que se debería dispoñer de persoal capacitado para esa función. ¿Este home estará nos seus cabais? ¿Sabe, de verdade, o que está propoñendo?

Están solicitando, se é preciso, un cambio na Constitución e nos Estatutos para dar cabida as súas demandas. Parece que ignoran que o T. Constitucional xa emitiu varias sentencias apoiando a chamada "inmersión lingüística" no caso do catalán. A máis chamativa foi, tal vez, en 1994 respostando a un recurso do abogado catalán, ultraconservador, Estéban Gómez Rovira, de "Adelante Cataluña". O tribunal xustificou a especial e celosa promoción de idiomas diferentes ó castelán. Ademáis de basearse no art. 3 da Constitución que consagra o "especial respecto e proteción" das restantes linguas do Estado, ademáis do castelán, argumentou en base á discriminación histórica que, co obxectivo de converter en único e hexemónico o castelán en todo o Estado, teñen sufrido o catalán, o éuskara e o galego. Conclúe a sentencia asegurando que a inmersión permite corrixir situacións de desequilibriuo herdadas historicamente así como excluir que as ditas linguas ocupen unha situación marxinal ou secundaria.

Outra sentencia do T.C., a 87/1983 afirma que o éuskara como o castelán deben ensinarse con "intensidade", apelando á protección das linguas que consagra a Constitución.

Esperemos que as autoridades correspondentes non entren ó trapo por uns votos máis ou menos.
Espalla esta nova
Documento sin título

GUILLERMO RODRÍGUEZ ::

Guillermo Rodríguez Fernandez. É o director de A Peneira.

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986