Actualizado ás 09:15
14 de maio do 2008

Eu xa non me atopo nun sitio coma ese
Xoán Bernárdez Vilar *

Parto da suposición de que a asociación "pro israelí" á que se refire Ramón Muñiz debe tratarse da "Asociación de Amizade Galiza-Israel", acerca da cal debo dicirlle que nos seus estatutos non se fala tan só do dereito do pobo de Israel a existir, senón tamén do que teñen os palestinos a ter o seu propio estado. A "Asociación de Amizade Galiza-Israel", á que me gabo de pertencer, non é, pois, como afirma no seu artigo, unha entidade "favorable exclusivamente á parte israelí", aínda que haxa quen o pense así.
Estou completamente de acordo con vostede en que calquera nacionalista debe de sentirse "antimperialista, anticolonialista, e defensor da liberación dos pobos asoballados". Esas deben de ser as súas principias angueiras. En troques xa atopo moito menos fundamentada a súa afirmación de que Israel sexa un pobo deshumanizado e opresor, mentres que o palestino, "desestructurado, desfeito, humillado, empobrecido, desesperanzado e sen máis axuda que a dos seus propios remedios", teña nesta escena o papel de "víctima", correspondéndolle a Israel o de "verdugo". Coma moito, tal vez se poida admitir que hai cousas boas e cousas malas tanto por parte de uns coma de outros.
Supoño que a través das miñas palabras estará a advertir que tamén son nacionalista. E sono dende hai moito tempo. Tanto que, sendo aínda moi novo, seguía abraiado canto estaba a acontecer en Terra Santa, agardando que chegara a paz, e que, con ela, os dous pobos puidesen liberarse da tutela británica. Por iso, cando a ONU decidiu, en novembro de 1947, dividir o país, conferindo aos xudeus as terras da súa propiedade, e aos árabes as súas, pensei que, por fin, chegaba o remedio para aquela situación. Fora este un labor sumamente laborioso, aínda que non perfecto, xa que deixaba a algúns árabes na parte israelí, e os cen mil xudeus da Xerusalén occidental, ademais de algúns outros pequenos enclaves, na árabe. Mais abría un camiño á esperanza.
Desgraciadamente, como é sabido, na noite do 14 para o 15 de maio de 1948, momento no que os británicos abandonaban Palestina, e era declarado o estado de Israel, os exércitos de seis países árabes atacaron a este coa descarada intención de borralo do mapa. E o mesmo aconteceu despois, nas guerras de 1956, 1967 e 1973.
Porén, ningunha de tales confrontacións resolveron nada, xa que a tensión continúa, e a paz parece aínda lonxe. Evidentemente Hamás e Hizbullah están a xogar ben as súas cartas, e cos seus "mártires" suicidas, e cos seus escudos humanos conseguen que haxa quen pense que son eles os coitados, mentres que celebran no medio de grandes amosas de ledicia os atentados que cometen os seus seguidores. Mais tampouco debemos de esquecer que contan con moita máis axuda que esa dos "seus propios remedios". Porque están a recibir diñeiro, moito diñeiro, aínda que non o dediquen a hospitais, medicinas ou a axudar ao seu pobo, senón que, por medio del conseguen que os medios fagan alarde dunha descarada e parcial publicidade ao seu favor. Hamás e Hizbullah están armados "ata os dentes", e os seus mísiles, os seus foguetes, e os seus obuses, e tiñan que vivir e durmir en bunkers e refuxios. Por moitas voltas que se lle pretenda dar á situación, Israel, para sobrevivir, non ten máis remedio que tomar medidas que lle permitan defenderse dos seus inimigos. Tampouco se pode negar que existen xentes, dunha e outra banda, que están a traballar pola paz e por acadar acordos. Mais seriamos necios se pecharamos o ollos e pretendésemos ignorar que unha grande parte dos árabes segue aferrollada a aqueles tres "non" da súa Conferencia de 1967 en Khartum: "non negociar", "non á paz", "non recoñecer a Israel". Qué futuro se pode agradar de semellante actitude? Sinceramente, penso que non é ese o camiño. Que existen outros, demóstrannolo os decisivos acordos de paz que con Israel firmaron despois Exipto e Xordania.

Agora ben, a miña posición a este respecto xa deixou de ser "chocante". Xa non milito no BNG. Xa non me atopo, pois, "nun sitio coma ese". Despois de dez anos nas súas filas, dinme de baixa voluntariamente hai un ano. E non só pola súa irracional postura en contra da existencia de Israel, senón porque me alentou, primeiro, o feito de que algúns dos seus dirixentes sinalasen, como modelo a seguir, o do tiránico réxime do Irán, e arrepiáronme despois os seus ¡viva Palestina!, que, para min, foron tanto como se aprobaran o terrorismo árabe que está a abanear o mundo: Torres Xemelgas, Metro de Londres, Estación de Atocha, Restaurante "El Descanso" de Baraxas, bombas en Casablanca, Alxer, Exipto, Líbano e Irak, ou canto está a acontecer no Sáhara, por citar nada máis que algúns casos dos últimos anos. Cousas que me convenceron de que non estaba no lugar axeitado.

* Xoán Bernárdez Vilar é escritor e Licenciado en Xeografia e Historia


Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986