Actualizado 09:26
20 de novembro

A falta de valentía de Rajoy ante o perigo

Con motivo das vindeiras eleccións autonómicas galegas, que tocan en xuño de 2009, tenme pasado pola cabeza escribir un artigo que humoristicamente titularía así: "Hai que votar ó PP para salvar a Rajoy". Porque a vida política do dúas veces perdedor ante Zapatero está en perigo. E as próximas eleccións en Galicia, Euskadi e Europa van ser, segundo recoñece un gran sector da propia dereita, un test ou proba para o seu líder.

Pero Rajoy non o recoñece así, pois en entrevista concedida a Europa Press, resumida polos xornais o pasado 25 de agosto, afirma, tan campante, que as devanditas eleccións non van ser ningún test para el, nin se as chegase a perder o PP se ten por que reabrir ningún debate sobre o liderado neste partido, pois el non se presenta como candidato en tales comicios. Di literalmente: "Las elecciones gallegas son una cosa, yo no me presento a ellas y tampoco a las vascas". Ante tan covardes afirmacións, decidín facer este outro artigo, preguntándome se a perda das eleccións galegas lle afectaría a Rajoy ou non.

Se o PP de Galicia tivese un grao de autonomía suficiente para facer unha política galega adaptada á realidade deste país, podiamos estar de acordo coa devandita afirmación de Rajoy, e non lle diriamos que é responsable do resultado electoral. Pero como a política que o PP aplica en Galicia é, practicamente, a mesmiña cá que dirixe Rajoy para o resto de España, el tamén é responsable, evidentemente, do seus resultados electorais na nosa terra.

Coa súa actitude, Rajoy quere estar por encima da política que el creou, cando nin o propio Deus está por riba da súa obra. Precisamente, do seu compromiso co creado provén o concepto de "divina providencia" que teñen os cristiáns, e que consiste en crer que Deus nunca abandona as súas criaturas, aínda que ás veces o pareza, pois nestes casos dise que Deus "escribe dereito con liñas tortas".

En cambio Rajoy, por temor ó fracaso, non se responsabiliza da súa propia obra. Para quitar a cóbrega do burato, ou sexa, para asumir os fracasos electorais da súa política, bota man dos seus clons que ten en cada Comunidade autónoma. En Galicia bota man de Feijóo, candidato á Presidencia da Xunta polo PP. Pero se Feijóo gañase, quen sairía beneficiado sería Rajoy, por ser o xefe. Polo tanto, Rajoy só anda ás maduras, non ás duras.

Por iso os candidatos do PP á Presidencia das Comunidades autónomas deberían ser máis libres e prudentes se queren que non os pique a cóbrega, e deixar de defender nas súas campañas electorais as políticas españolistas que Rajoy, para a súa gloria persoal, predica desde Madrid para toda España, como é a de promover o castelán coa intención de asoballar as outras linguas españolas.

O pobo galego, coma se durmira ou fora parvo, sempre sacrificou os seus intereses para soster un político galego en Madrid á fronte da política nacional. Por exemplo, Calvo Sotelo, introdutor do fascismo en España; e o gran ditador Francisco Franco Bahamonde; e o seu exministro e agora demócrata Fraga Iribarne; e outros persoeiros galegos merecedores de igual aprecio e mención.

E na actualidade, Galicia ten en Madrid como gran valedor a Rajoy á fronte do PP nacional, de quen todos sabemos o moito que se desvive pola defensa da nosa terra, á que ten demostrado tanto amor usando sempre a súa lingua e defendendo os restantes valores galegos, como o demostrou coa súa brillante xestión no caso do accidente do Prestixe.
Pero alá Rajoy cos seus candidatos, e cos galegos que votan a súa política españolista para sostelo como líder nacional, por creren que desde Madrid vai defender Galicia máis do que a leva defendido. Coas súa declaracións a Europa Press, evadindo as súas responsabilidades políticas, quitoume as ganas de escribir o mencionado artigo. Pero a pesar das súas declaracións, que como galego non podo admitir, teño que recoñecerlle que é un político moi precavido. ¡Vaia se o é! ¿Pero valeralle de algo andar só ás maduras para manter o seu liderado?

Espalla esta nova
Documento sin título

M. de Bran ::

*M. de Bran é profesor

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986