Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

Democratizar, integrar e renovar o PSdeG

O presidente da Xunta e líder do PSdeG expresou a súa satisfacción pola vitoria de Zapatero e o avance do partido en Galicia, o que reforza as opcións dos socialistas de cara ás eleccións do 2009.

Con todo, a sociedade está cambiando máis rapidamente que o partido e o proxecto que encarna. Debilítase a identificación da mocidade, as novas e os novos votantes e dunha parte dinámica e progresista da sociedade cos valores tradicionais do PSdeG, nace a desconfianza respecto do comportamento ético dalgúns dos seus representantes, todo iso agravado pola ausencia de canles adecuadas de participación e de renovación da vida política. Os esforzos de renovación realizados polo PSdeG, ata agora, fracasaron.

Abríronse coas primarias novas canles para a participación política dos militantes e dos cidadáns, pero non terminaron de consolidarse nin no funcionamento interno nin na lexislación electoral. Abordouse timidamente unha substitución xeracional, pero non suficiente para conseguir referentes políticos de futuro. O PSdeG non conseguiu ofrecer á sociedade galega nin un futuro claro nin unha confianza tranquilizadora, nin unha verdadeira ilusión. Ao contrario, unha parte relevante dos cidadáns expresou o seu temor a unha dereita cavernícola e “fascistizante”, máis medo ao discurso de Rajoy, Zaplana e Acebes que esperanza no proxecto socialista dunha Galicia máis aberta, máis tolerante, máis dinámica, máis innovadora, pero tamén, mellor articulada e máis solidaria.

É necesario abrir cambios no funcionamento do PSdeG, para facelo moito máis aberto, transparente e participativo, pero tamén máis integrado e menos sometido a presións e rifas internas de repartición de poder.

Neste novo ciclo a norma debe ser o debate aberto e a participación. Todos e cada uns dos militantes socialistas deben poder pronunciarse sobre as novas propostas á sociedade, sobre o novo modelo de partido e sobre a persoa que encabezará a substitución xeracional e levará as rendas do PSdeG nunha futura etapa. As vellas componendas e equilibrios de repartición de poder non resultan nin válidas nin aceptables.

É imprescindible reafirmar o compromiso da organización cos valores dunha esquerda moderna e plural. O PSdeG debe asumir un proxecto inserido nunha sociedade en permanente tensión cara á igualdade real das persoas. Nunha sociedade de homes e mulleres libres e iguais, na que a prosperidade do conxunto non sexa obstáculo senón incentivo e ocasión para unha maior igualdade real de todos eles.

Un partido socialista forte para que as liberdades e as regras do xogo democrático non acaben por converterse nunha casca oca, encubridora da presenza crecente e o dominio social de poderes non democráticos.

O Partido Socialista ten que estar nesta materia na vangarda democrática. Por iso creo que o reto nos próximos anos é estruturar un novo modelo de partido. Un partido no que os militantes – todos os militantes – poidan exercer os mesmos dereitos que se lles recoñece como cidadáns. Un partido aberto, con novos procedementos internos, que amplíe a base e a participación efectiva dos seus afiliados, porque do contrario non conseguirá medrar e fortalecerse ao non ofrecer maiores oportunidades de influír e participar. Un partido no que se estableza un sistema que permita distintos graos de participación, homologables cos diversos graos de compromiso existentes e segundo sexa a situación de cada cal: votante, simpatizante, afiliado...En definitiva: máis democracia interna, máis participación directa, máis temas sobre os que decidir.

Finalmente desexo incidir sobre a cuestión da democracia interna e as eleccións primarias. Sigo pensando que foron unha mensaxe de valentía, unha faísca de esperanza, unha aposta polo cambio. Ás primarias non son a panacea, seino; son un instrumento máis para acometer o cambio necesario. Sei que hai quen pensa que son un risco; un risco na súa xestión, un risco de exceso de personalización na competencia política. Si, son un risco, como todo cambio o é. P ero un risco compensado con máis transparencia e máis participación, necesarias ambas se o PSdeG quere incrementar a súa credibilidade e conseguir o liderado da sociedade galega.

E supoño que desexa ambas as dúas cousas.

Espalla esta nova
Documento sin título

Óscar Lomba Álvarez ::

* Óscar Lomba Álvarez realizou estudos de Maxisterio, Filosofía e Dereito Económico.

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986