Manifesto pola liberdade de investigar nas Comarcas de Cotobade, Cuntis, Deza e Tabeirós-Terra de Montes

O dereito a saber e a liberdade de investigar nas nosas comarcas



Diante das denuncias presentadas contra os historiadores Dionisio Pereira  (Cerdedo) e Alfredo González Ruibal (Soutelo de Montes), os/as historiadores/as e investigadores/as das comarcas de Cotobade, Cuntis, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, queremos manifestar a nosa repulsa pola persecución que está a cometerse con aqueles que pretenden recuperar a memoria histórica do pasado franquista na nosa zona. Amparándose na defensa do dereito ao honor dos represores e das súas familias, trasladouse ao ámbito xudicial un debate que debera permanecer no marco historiográfico no que naceu. Na nosa opinión, os tribunais non deberían ser competentes para determinar a certeza da verdade histórica, posto que non é obxectivo dos historiadores atentar contra a honra privada de ninguén divulgando as investigacións verbo do labor público dun personaxe histórico. Por iso queremos facer as seguintes consideracións:

1.- É contraditorio que primeiro se impuxera a distancia no tempo para falar friamente sobre feitos tan terribles coma os acontecidos hai máis de 70 anos, retardando o seu tratamento até a desaparición das xeracións vivas que sufriron ou cometeron estes actos, e agora, unha vez que son estudados, se esixa a presenza abondosa destes protagonistas para permitir ditas investigacións: isto, só tería sentido si se pretendera determinar a inocencia ou culpabilidade dos autores dos delitos co fin de impoñerlles unha condena – cousa que nunca se fixo – e que sería a única circunstancia que, logo, permitiría aos historiadores apuntar nomes de represores sen medo a represalias xudiciais. Se os historiadores só puideran citar a aqueles que teñen unha condena firme pola perpetración, instigación ou xustificación de actos represivos, atopariámonos con que se lles estaría a tapar a boca por completo, posto que polas características propias do réxime ditatorial xurdido tras o golpe de estado acontecido en 1936, é evidente que non hai ningún caso deste tipo, pois o franquismo non só non perseguiu e condenou eses feitos, senón que os promoveu e os premiou.

2.- Os gobernos municipais da nosa comarca que non actualizaron o seu nomenclátor ao contexto do actual sistema democrático, son cómplices desa concepción equivocada do franquismo como Estado de Dereito e dos franquistas como benfeitores asépticos de obras ou servizos para os nosos concellos. É lexítimo honrar por igual a calquera figura histórica do pasado, por moi discrepante que sexamos do seu ideario, polo feito de que favorecera certos intereses locais, mais non é de recibo situar como referentes públicos a aqueles que tiveron como ideoloxía precisamente prohibir, perseguir, e mesmo eliminar aos que non pensaran como eles, pois con isto estariamos a promover como exemplares comportamentos incompatibles cos valores democráticos que hoxe teñen obriga de difundir as corporacións municipais.
3.- Preocúpanos que se queira avalar a persecución dos historiadores ao identificalos como perturbadores da convivencia e paz social da nosa comunidade. Este argumento que serviu de coartada de sanción no pasado, é especialmente falaz e dramático neste caso, porque ademais de partir do suposto reaccionario de que a ignorancia nos fai máis felices, culpabiliza as vítimas e aos que lles poñen voz, por incomodar a concordia da veciñanza ao narrar uns feitos que lle sacarían as cores aos seus autores, se viviran.
Por todo isto, amosamos a nosa solidariedade cos historiadores denunciados e solicitamos o sobresemento dos procedementos xudiciais iniciados contra eles e a adopción de reformas xurídicas que eviten a inseguridade coa que traballamos os investigadores do franquismo.

Asinantes:

Carme Hermida Gulías (Forcarei, Profesora da Universidade de Santiago), José Luís Barreiro Barreiro (Forcarei, Profesor da Universidade de Santiago), Manuel Blanco Rivas (Forcarei, Escritor e xornalista), Mª Nieves Soutelo Vázquez (A Estrada, Historiadora), Paulo Porta Martínez (A Estrada, Investigador e profesor), Anxos Sanmartin Rei (A Estrada, Investigadora e profesora), Xosé Luna Sanmartin (A Estrada, Escritor), Xacobe Bastida Freixedo (A Estrada, Profesor da Universidade de Oviedo), Xosé Manuel Martínez Oca (A Estrada, Escritor), David Otero Fernández (A Estrada, Escritor), Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, Investigador e profesor), Manuel Pereira Valcarcel (A Estrada, Escritor), Manuel Rei Romeu (A Estrada, Investigador e profesor), Susana Camba Castro (A Estrada, Historiadora), Miguel Louzao Outeiro (A Estrada, Escritor e profesor), María Dolores Camba Castro (A Estrada, Historiadora e profesora), Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, Investigadora e profesora Universidade da Coruña), Xosé Manuel Maceira Fernández (A Estrada, Investigador e profesor), Carlos Solla Varela (Cerdedo, Escritor e profesor), José Antonio Meixueiro Rey (Cerdedo, Investigador), Serafín Fontenla Fernández (Cotobade, Investigador), Emilio García Lorenzo (Cotobade, Investigador e profesor), Matías Rodríguez da Torre (Silleda, Investigador e profesor), Alberte Maceira Balboa (Silleda, Investigador), Xulio Carballo Arceo (Silleda, Investigador e arqueólogo), Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez (Silleda, Investigador e profesor), Manuel Igrexas Rodríguez (Lalín, Investigador e profesor), Chus Pato (Lalín, Poeta), Celso Fernández Sanmartín (Lalín, Escritor), Antonio Presas García (Lalín, Investigador e profesor), Gonzalo Navaza Blanco (Lalín, Escritor e profesor), Mario Pereira Fernández (Lalín, Investigador e profesor), Carlos Negro (Lalín, Escritor e docente), Xosé Vázquez Pintor (A Golada, Escritor e profesor), Marcos Seixo Pastor (Cuntis, Investigador e profesor), Heitor Picallo Fuentes (Cuntis, Escritor e ilustrador), Alfonso Magariños Sueiro (Cuntis, Historiador e teólogo), Xosé Mª. Rodríguez Durán (Moraña, Escritor e xornalista), Reis Camiña Castro (Moraña, Coordinadora Revista “A Taboada”) e Xosé Casal Porto (Moraña, Investigador)

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986