“É un acto de xustiza”

 



Raúl Francés

- Qué supón para o concello recuperar a estes corpos?

- Pois en principio eu creo que é un acto de xustiza, una acto de cariño. Para a xente que estamos aquí a nivel persoal tamén é un acto moi emocionante, porque esta xente sufriu a morte por buscar un mundo novo, un mundo de liberdade, e tiveron que pasar 70 anos para poder ter a xustiza de desenterralos dunha fosa común e poder pór en valor a súa memoria. Eu creo que moitas veces se di que nos concellos os alcaldes temos que ser os alcaldes de todos, e como alcalde do Porriño síntome que estou cunha parte deses todos que necesitaban este acto.

- Debería ser unha labor de cada concello a recuperación da memoria?

- Si, creo que si, que os concellos e as institucións, teñen obrigación, non só por unha cuestión de vontade, de dar resposta a unha situación que quedou escura nun proceso de transición que deixou abertos moitos puntos como este. E isto hai que facelo así, con normalidade, sen maior algarabía, porque estamos falando duns feitos moi dolorosos, de persoas, de familias, de cariños, afectos... Esta cuestión é unha cuestión de xustiza, non é unha cuestión de activistas, duns poucos, senón dunha sociedade que viviu uns momentos tráxicos, moi violentos, de moita represión, de moitas familias que quedaron esfareladas e agora o que toca é pechar esas feridas.

- Non son os únicos fusilados do Porriño...

- O Porriño foi un lugar onde houbo unha represión moi grande, onde houbo un número de mortos de escalofrío. Os historiadores, as familias, as asociacións teñen toda a colaboración do concello para atopalos e recueralos.

- Que o concello colaborase nesta exhumación xa é unha homenaxe... vaise facer outro oficial?

- Sí, hai que pensar en facer unha homenaxe, non só aos cinco que temos aquí senón a toda a axente que naquel momento foi represaliada, que sufriu morte, estivo nos campos de concentración e nos cárceres. Son os nosos veciños e eu como alcalde me sinto moi orgulloso deles. É moi probable que os mellores de entre nós naquela época, os líderes máis cultos, máis preparados, máis dispostos a traballar por unha sociedade máis desenvolvida e máis libre foran os que quedaran nas cunetas.

Esta xente sufriu a morte por buscar un mundo novo, un mundo de liberdade.

Esta cuestión é unha cuestión de xustiza, non é unha cuestión de activistas, duns poucos, senón dunha sociedade.

Raúl Francés, alcalde de O Porriño