Actualizado
Xullo do 2008

lingua e educación

Unha campaña promoverá a galeguización das etiquetas dos viños con denominación de orixe
A campaña ‘Deixa que o viño fale’ promociona o galego no sector vitivinícola

Redacción



O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López, e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo Romero, asinaron un convenio de colaboración para a realización da campaña ‘Deixa que o viño fale’ destinada a promocionar a etiquetaxe do viño en lingua galega.

Suárez Canal sinalou que “dende a Consellaría do Medio Rural dámoslle alento a iniciativas en defensa do idioma, como as que desenvolve a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, dinamizadoras do proceso normalizador que, de seguro, han servir para fomentar o uso do galego en todos os ámbitos sociais e para dar a coñecer os nosos produtos na nosa lingua”. “Designar os produtos elaborados na terra cos nomes propios do noso idioma contribúe tamén a xerar riqueza, xa que cando a iniciativa empresarial vai da man da cultura propia e incardinada na posta en valor dos nosos produtos ten asegurado o seu recoñecemento polo seu compromiso adquirido co País”, destacou o conselleiro.

Pola súa banda, Marisol López salientou que “para a Secretaría Xeral de Política Lingüística este convenio constitúe un paso máis na concepción transversal da súa actividade. É bo que sexan os empresarios os que mostren que a lingua galega é rendible; e é unha obriga da Administración pública fomentar esta progresiva galeguización do ámbito comercial”. “Supón un orgullo para min presentar estas iniciativas nun marco de colaboración e de unión de esforzos. É unha garantía de éxito e de avances sólidos para a lingua galega”, dixo a secretaria xeral.
Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986