Actualizado 10:15
5 de setembro

lingua e educación

Garantese a competencia lingüística nas dúas linguas

Redacción



Sánchez Piñón

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, asegura, en relación as modificacións introducidas no decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que o decreto “foi consensuado ata o último momento con todos os grupos parlamentarios”; ao tempo que afirmou que esta normativa “garante a competencia lingüística do alumnado nas dúas linguas oficiais de Galiza en todas as etapas educativas”.

A máxima responsable da Administración educativa afirmou que o novo decreto de ensino en galego “non conculca os dereitos constitucionais do individuo, recolle as consideracións do Consello Consultivo e está avalado por informes xurídicos”. Ademais, Sánchez Piñón indicou que o “reflicte o establecido no Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento en 2004, consensuado polos 3 grupos políticos, cando desempeñaba o Goberno da Xunta de Galiza o PP”. “Este Plan establecía nos distintos apartados das ensinanzas educativas que se garantise, como mínimo, que o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”, subliñou Sánchez Piñón.

A conselleira de Educación indicou que o decreto “está elaborado en base ao consenso alcanzado en febreiro entre os tres grupos e mellorado coas achegas do Consello Consultivo de Galiza en canto a unha maior garantía da competencia lingüística do alumnado nas dúas linguas oficiais”. “Precisamente, para garantir este obxectivo e atendendo suxerencias do Consultivo”, a conselleira sinalou que ao final de cada etapa educativa, a Administración educativa engadiu un apartado que destaca garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Neste senso, Sánchez Piñón sinalou que a “Administración educativa incorporou un punto no que a Consellería avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará un seguimento dos seus resultados co obxectivo de garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galiza”.

Respecto á redacción do artigo 13, que indica que nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas modificacións oral e escrita, a conselleira de Educación indicou que o departamento que ela dirixe “tivo en conta informes emitidos con anterioridade sobre esta mesma materia polo Consultivo de Galiza”.
Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986