Actualizado 10:15
5 de setembro

lingua e educación

A Fundación Via Galego quere as televisións portuguesas se poidan ver en Galiza

Redacción

A Fundación Via Galego vaille reclamar formalmente ao Ministerio de Industria que se conceda a Galiza un novo múltiplex, para permitir a emisión no noso país das televisións portuguesas en formato dixital. Carlos Callón, como presidente desta Fundación promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, anunciouno nunhas Xornadas sobre Lingua e Usos celebradas na Reitoría da Universidade da Coruña, onde tamén indicou que se dirixirán ao Goberno galego para que realice a negociación correspondente co Ministerio.

A Fundación Via Galego vai basear a súa reclamación na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, un tratado internacional promovido polo Consello de Europa e asumido polo Estado español no ano 2001. Este tratado, no seu artigo 11 parágrafo 2, sinala que se debe garantir a “recepción directa de emisións de radio e televisión de países veciños nunha lingua usada en forma idéntica ou similar a unha lingua rexional ou minoritaria”.

“Nós temos un problema semellante ao de Cataluña, Valencia e as Balears, só que non dunha comunidade autónoma colindante, senón dun Estado colindante. Precisamos ese múltiplex tamén por razóns culturais. O Estado español ten obriga de outorgalo e o Goberno galego debe negocialo”, sinalou o presidente da Mesa e da Fundación Via Galego.


Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986