Saiu á rúa a nova presentación editorial do semanal A Nosa Terra coincidindo coa celebración dos seus 100 anos de andadura.
O xornal fundado en 1907 como voceiro das Irmandades da Fala e, posteriormente, órgano de expresión do Partido Galeguista, cumpre un século en medio dunha profunda reconversión que vai máis alá dunha mudanza de imaxe na edición impresa.
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López, e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo Romero, asinaron un convenio de colaboración para a realización da campaña ‘Deixa que o viño fale’ destinada a promocionar a etiquetaxe do viño en lingua galega.
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, anunciou a convocatoria, despois de 11 anos, de 440 prazas para o acceso aos corpos de catedráticos de Ensino Secundaria, Artes Plásticas e Deseño e Escolas Oficiais de Idiomas.
O deputado opina no texto da pregunta que "unha nova planificación dos ciclos será un instrumento esencial para reformular e adecuar a FP ás necesidades e potencialidades de Galiza, de tal xeito que se consiga tamén un dos obxectivos do novo goberno de lle dar pulo a esta formación e incrementar o número de alumnos".
A Fundación Via Galego vaille reclamar formalmente ao Ministerio de Industria que se conceda a Galiza un novo múltiplex, para permitir a emisión no noso país das televisións portuguesas en formato dixital. Carlos Callón, como presidente desta Fundación promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, anunciouno nunhas Xornadas sobre Lingua e Usos celebradas na Reitoría da Universidade da Coruña
Breves
Xa está aberta ‘A Liña do Galego’
A Mesa pola Normalización Lingüística pon en funcionamento ‘A Liña do Galego’, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que atenderá consultas sobre dereitos lingüísticos e tramitará queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneren, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantir o dereito a vivir en galego. O presidente da Mesa, Carlos Callón, valora este novo servizo como un "proxecto estrela" desta organización en defensa da lingua. "Coa Liña do Galego, afortalamos o noso obxectivo de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na lingua propia do país", sinala.
Novo curso de formación para o profesorado dos cursos preparatorios do Celga
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un novo curso de formación para o profesorado de galego, que se vai celebrar entre os días 10 e 19 de decembro en Santiago.
O curso está destinado a licenciados en Filoloxía Galega. Terán preferencia quen estean anotados nos gabinetes de normalización lingüística provinciais como solicitantes de formación docente para impartir cursos de lingua galega, e que non recibisen, previamente, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ningún curso de formación. Tamén poden solicitar a asistencia ao curso os licenciados noutras filoloxías ou en Tradución e Interpretación, sempre e cando cursasen materias de lingua galega.