Actualizado 09:26
20 de novembro

galiza

O 52% dos galegos aproba a actuación do Goberno da Xunta de Galicia
- O presidente Touriño é o líder mellor valorado, obtendo 5,49 puntos de media.
- Só o 1,2% dos galegos considera ó Goberno de Galicia o máximo responsable da actual situación económica.

redacción


O Secretario Xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, presentou un novo informe do estudo de Clima Social de Galicia que realiza o seu departamento, en concreto, o correspondente aos meses de xuño e xullo de 2008.

Como dato máis destacado, o Secretario Xeral indicou que "os galegos seguen a dar mostras de confianza na acción do goberno autonómico", xa que o 52% aproba a actuación do Goberno da Xunta de Galicia.
Respecto da situación económica, as respostas reflicten un aumento na preocupación dos galegos sobre a situación económica, xa que o 57,6% cre que a situación xeral é mala ou moi mala, pero esta porcentaxe descende a un 26% cando se fala da situación persoal.

O primeiro problema sinalado polos galegos é o "desemprego", que continúa a ser o máis destacado para un 31,5%, seguido do "atraso económico respecto do resto de España" para o 13,9% e, "as baixas retribucións salariais, a carestía da vida..." para o 10,1%.
O Secretario Xeral de Análise e Proxección comentou que "con carácter xeral, as institucións saen peor valoradas en comparación coas valoracións reflectidas no estudo do trimestre anterior, froito do lixeiro empeoramento do clima social". Sen embargo, destacou que o Goberno Autonómico de Galicia, continúa sendo unha das institucións mellor valoradas polos galegos xunto cos concellos.

A valoración positiva desta institución autonómica vese proxectada sobre a súa actuación política. Pois a maioría dos galegos aproba a actuación do Goberno da Xunta: un 52%, fronte a un 35,5% que a desaproba. Por outra banda os galegos aproban a actuación do Goberno central nun 41,8% fronte a un 46,9% que a desaproba.

Neste informe do Clima Social de Galicia correspondente a xuño e xullo de 2008 recóllese, ademais, unha análise máis pormenorizada da actual situación económica e os seus efectos. Dita análise revela que o 41% dos enquisados manifesta que son os mercados internacionais os que teñen máis responsabilidades na actual situación económica, fronte ó 22,3% que responsabiliza ao Goberno de España e o 1,2% que apunta ao Goberno da Xunta de Galicia. Sen embargo, e a pesar da situación económica actual, o 60,4% dos galegos afirma non ter feito variar os seus plans ou hábitos de vida.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986