Actualizado 09:26
20 de novembro

galiza

Touriño remata co debate sobre un adianto electoral e afirma que "esgotarei a lexislatura" porque "non hai debilidade nin inestabilidade"
Di que cumpre o compromiso, matizado para non coincidir coas europeas

redacción



Pérez Touriño

"Esgotarei a lexislatura, non haberá adianto electoral". Con estas palabras, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quixo frear as especulacións e ruxerruxes que durante os últimos meses aludían á posibilidade de que os comicios galegos celebrásense xa este outono. Toma esta decisión, asegurou nunha intervención en Monte Pio, polo "compromiso" cos cidadáns e porque "non hai emerxencias, debilidades nin circunstancias de inestabilidade que aconsellen a súa revisión". De feito, defendeu en todo momento que "hai liderado, hai estabilidade e hai confianza" no Goberno, o que permite "encarar con realismo o inmediato futuro".

Descartado o adianto, eludiu dar unha data para as eleccións autonómicas, fundamentalmente porque "non me vexo na obriga", aseverou. O que si sinalou, é que o seu compromiso de esgotar mandato ten un matiz, que é a "modificación necesaria para evitar que as nosas eleccións coincidan cos comicios europeos", o que apunta que se podería manter a data de marzo, unha das opcións que se barallan para non coincidir en xuño coa campaña da UE e para que "cando Galicia fale, se fale exclusivamente de Galicia".

O presidente aludiu ao seu poder para decidir e fixar a data da convocatoria de eleccións, pero afirmou "solemnemente" que unicamente utilizará tal competencia que lle outorga a lei en función "dos nosos intereses como país", e non como "instrumento de vantaxe política". Neste sentido, tamén sinalou que aínda que "podo equivocarme nalgunha decisión", esta sempre estará tomada porque é o que "considero mellor para Galicia", onde espera ser presidente "moito tempo".

Así mesmo, apelou á "lealdade" e á normalidade para que os debates políticos se concreten en afrontar "vos retos de futuro" de Galicia, máxime tendo en conta o "momento de especial dificultade económica". Opta, pois, porque o debate político "non se vexa condicionado pola proximidade dun falso debate electoral".

Precisamente sobre a discusión pública xerada en torno a un posible adianto electoral, o presidente galego sinalou que "será curioso ver a rectificación" dos que dixeron "moito sobre o presidente da Xunta e a súa capacidade de decisión". Así, confiou en "ver esa rectificación" e criticou en alusión ao Partido Popular que incluso dicindo estes que o Goberno galego non funciona, "non querían un adianto electoral. É curioso e paradóxico".

En todo caso, o presidente galego non negou que durante o último mes estivo escoitando "moi diferentes criterios" sobre un posible adianto electoral. "Todo o mundo falou", explicou, se ben finalmente a "a miña decisión no fondo sempre a tiven clara". Preguntado sobre se a súa decisión era un modo de demostrar liderado, Touriño definiu como "absurdo" pensar que un presidente da Xunta teña necesidade de facer un exercicio destas características.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986