Máis da terceira parte das adegas de Galiza etiquetan algúns dos seus viños en lingua galega para incrementar o seu valor engadido
redacción

A identificación dos viños elaborados nas cinco denominacións de orixe (D.O) galegas –Valdeorras, Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e Rías Baixas— cos territorios de Galiza nos que se cultivan as castes de uva autóctonas e que tanto marcan as súas propiedades é esencial para as adegas da comunidade, que representan o 11% do PIB galego.
A terceira parte de todas as industrias etiquetan as marcas que comercializan en lingua galega.
“O galego no mundo empresarial é rendible”, subliñou o pasado 18 de marzo a presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, no acto de presentación da campaña ‘Deixa que o viño fale’ no Parlamento de Galiza, tras destacar a relevancia da “alianza estratéxica entre as adegas e a nosa lingua”.
A iniciativa promocional, impulsada pola Consellaría do Medio Rural e a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística, pretende reinvidicar a lingua de Rosalía nun eido, o agrario, no que conta cunha “importancia histórica, valor cultural e proxección de futuro”, como destacou o presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xabier Monteagudo.
“Multiplicamos por dous o número de adegas que etiquetan en galego desde 2003”, asegurou. A súa organización acumula vinte anos de historia a prol da incorporación da lingua aos ámbitos institucionais e xurídicos de todo tipo. Tamén impulsou o seu uso no mundo económico e empresarial, a través das asociacións ‘Galiza Empresa’ e, agora, co Foro Enrique Peinador. Segundo lembrou Monteagudo, o galego dálle aos viños un “plus de calidade, reforza o seu vínculo con Galiza e a súa singulariedade”.
Nesta liña expresouse o vicepresidente da adega Martín Códax, Ramón Barral, quen se referiu ao “orgullo” dos viticultores cara o clima, as castes autóctonas e os solos que tanta pegada teñen nos viños; á “tradición” que, amais de conformar unha expresión cultural, foi fonte de riqueza e emprego; e á “innovación” que supón a entrada dos viños galegos en mercados de todo o mundo.
“Viño e lingua levan moitos anos camiñando xuntos”, asegurou tras citar unha chea de palabras e conceptos recurrentes no eido vitivinícola galego, que son únicos. É o caso do lagar, os socalcos, as castes treixadura, albariño ou godello, entre outras. “Martín Códax naceu e creceu en galego”, sinalou para engadir que a aposta pola lingua propia “é un plus para xerar imaxe de marca global”. Ao xuízo de Barral, “máis que unha opción é unha esixencia”.