Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:15
5 de xaneiro

eleccions xerais ´08

Paz Abraira reclama en Chantada competencias plenas en materia agrícola “para que as decisións sobre o noso sector do viño se tomen en Galiza e non en Madrid”
A candidata nacionalista afirma que “moito mellor lle iría aos viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra se todas as decisións se tomasen en Galiza, en vez de en Bruselas e en Madrid”, e acusou á ministra de Agricultura, a socialista Elena Espinosa, de “non exercer como galega en Madrid”

Redacción

A candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Lugo nas vindeiras eleccións do día 9 de marzo, Paz Abraira, reclamou nun acto en Chantada, acompañada do portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, “competencias plenas en materia agrícola “para poder tomar dende Galiza as nosas propias decisións en sectores tan importantes como o do viño”. “Moito mellor lles iría aos viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra se as decisións se tomasen en Galiza en vez de en Bruselas ou en Madrid”, afirmou Paz Abraira.

A candidata nacionalista reclamou que os plans de mellora e promoción de cada unha das cinco denominacións de orixe existentes en Galiza (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Rías Baixas e Ribeira Sacra), se fagan en Galiza e non en Madrid, porque “aquí corremos moito menos risco de equivocarnos porque coñememos mellor que ninguén o noso sector, os nosos problemas e necesidades e a maneira de resolvelos”. Paz Abraira destacou que a transferencia a Galiza de todas as competencias agrarias, unha medida que figura no programa electoral do BNG e que a cabeza de lista pola provincia se comprometeu a defender a partir do 9 de marzo no Congreso, “sería algo importantísimo para a comarca de Chantada”, que conta con unhas 1.000 hectáreas de viñedo, boa parte delas dentro da denominación de orixe Ribeira Sacra, porque “permitiría á Xunta de Galicia ter capacidade de decisión sobre cuestións como manter ou levantar as limitacións á plantación de viñedos”.

Paz Abraira, afirmou no acto de precampaña celebrado no Hotel Mogai de Chantada, que os problemas da provincia de Lugo non os vai resolver nin o PP de José Manuel Barreiro, que dixo, “é o mesmo PP conservador e reaccionario de sempre só que travestido de renovación”, nin tampouco “galegos á española coma Pepe Blanco ou Elena Espinosa” que “cando chegan a Madrid mesmo se esquecen de exercer como galegos”. A candidata do BNG puxo como exemplo a actuación da ministra de Agricultura, aceptando a reforma do sector do viño aprobada no pasado mes de decembro pola UE e que perxudica aos viticultores do noso país ao romper a diferenciación entre viños de mesa e de calidade, o que perxudica de xeito moi especial ás denominacións de orixe galegas.

O mesmo que para o viño pediuno Paz Abraira para o leite: “competencias plenas e un reparto de cota láctea que non perxudique aos nosos gandeiros”. Destacou o puxante sector cooperativista existente na comarca de Chantada, cunha cooperativa “líder na zona centro de Galiza”. A candidata nacionalista destacou a aposta da Consellería de Medio Rural para que Chantada sexa unha das primeiras comarcas onde se implantará o Banco de Terras.

Axilizar as conexións con Monforte e Lalín

A candidata nacionalista falou tamén de infraestruturas e defendeu a necesidade de que o BNG obteña a partir de marzo representación no Congreso pola provincia de Lugo e sexa “deterninante” en Madrid para poder “condicionar as políticas do Estado en beneficio dos cidadáns galegos”. Así, considerou prioritario para a comarca de Chantada a “axilización” das comunicacións tanto con Lalín como con Monforte e o Barco a través do desdobramento do corredor Lalín-Chantada e da construción da autovía A-76.

No acto interviu tamén a portavoz do BNG en Carballedo, Asunción Gómez Neira, e o tenente alcalde de Chantada, Ildefonso Piñeiro, que destacou o “futuro dos sectores produtivos da comarca” e a “aposta do BNG polos produtos ecolóxicos como unha das posibilidades de crecemento económico” en sectores como o da cereixa, o da castaña ou o da mazá. Explicou as xestións que está a realizar o BNG para que a sidrería asentada no polígono industrial de Chantada “poida ampliar as súas instalacións e non teña que marchar da localidade”.

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986