Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:07
12 de febreiro

eleccions estatais ´08

O BNG quere que monforte volva converterse “en nó ferroviario de referencia en Galiza”
A candidata nacionalista, Paz Abraira, propón a creación dunha rede de ferrocarril de cercanías que una as distintas vilas da provincia de Lugo con “máis frecuencias” e “conexións áxiles e útiles” dende Monfote tanto co resto de cidades galegas como con Sarria, Lugo, Ourense, Quiroga e O Barco O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, afirma que “a batalla do ten na comarca de Lemos vai ser a dos servizos” e reclama para Monforte un tren mixto que sirva tanto para pasaxeiros como para mercadorías para que Monforte sexa “o punto de partida de todas as mercancías que saían de Galiza cara a Meseta vía Ponferrada”

Redacción/Lugo

O Bloque Nacionalista Galego proponse lograr “que Monforte volva converterse no nó básico de comunicación ferroviaria de Galiza que foi no seu momento”. No transcurso dunha conferencia sobre Os logros e os retos do nacionalismo galego no Estado, celebrada no salón de actos do Centro da Terceira Idade de Monforte, diante de máis dun cento de persoas, a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Paz Abraira, e o actual portavoz do BNG en Madrid, Francisco Rodríguez, destacaron que o tren é para o BNG “unha aposta de futuro para Monforte”.

A candidata nacionalista, Paz Abraira, lembrou que en Monforte chegaron a traballar no sector ferroviario unhas 7.000 persoas e insistiu na necesidade da “revitalización do ferrocarril” como “elemento fundamental para o despegue económico da comarca”. Neste sentido, a cabeza de lista do BNG destacou a “importancia vital do porto seco” e a “posición privilexiada de Monforte no mapa ferroviario galego”. “A principal vía de saída de mercadorías de Galiza será a través de Monforte e Ponferrada”, destacou Paz Abraira, e iso, dixo, “é algo que Monforte ten que aproveitar nos vindeiros anos”.

Paz Abraira, que defendeu o “un ferrocarril que sirva para o transporte tanto de mercadorías como de pasaxeiros”, propuxo a creación dunha rede de ferrocarril de cercanías entre as principais vilas da provincia de Lugo. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, afirmou que “a provincia ten as características apropiadas para que funcione un tren de cercanías de Monforte a Sarria, Lugo, Ourense, Quiroga e O Barco”. Paz Abraira indicou que esta proposta do BNG é “unha aposta polo tren e polas comarcas do interior” e destacou a capacidade do ferrocarril para a “vertebración da provincia”. Reclamou, neste sentido, “mellores servizos, máis frecuencias e conexións áxiles e útiles” tanto para as comunicacións interiores dentro de Galiza como para as conexións coa Meseta e insitiu na necesidade tamén “dunha modernización dos convois, dos máis vellos de todo o Estado”.

“A verdadeira batalla será a dos servizos”

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, destacou, pola súa banda, que “o debate sobre o ferrocarril para a provincia de Lugo non é só o da chegada do AVE” porque “de pouco vale que os AVE atravesen a provincia camiño da Coruña se non paran en ningún sitio e, polo tanto, non dan servizo ás distintas poboacións”. Por iso, insistiu, “é preciso que a batalla do tren non sexa só un debate de infraestruturas, senón tamén de servizos”. Francisco Rodríguez indicou que a liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ponferrada é das máis “abandonadas” de todo o Estado e defendeu a súa “utilidade” para o tráfico de mercadorías, reclamando un “tren mixto” para esta liña.

Lograr a chegada do AVE antes de que remate esta lexislatura

Pese a centrarse na creación dunha rede de cercanías e no tráfico de mercadorías, Francisco Rodríguez e Paz Abraira non quixeron deixar de referirse tamén ao AVE e afirmaron que “para Monforte é prioritario que o AVE esté operativo a máis tardar no ano 2012 tanto para a conexión con Ourense como coa Coruña para garantir por unha banda a conexión con Madrid e por outra a articulación co resto das cidades galegas para que Monforte non quede relegada nas previsións da chegada do tren de alta velocidade igual que pasou coa rede de autovías”.

 

A utilidade do BNG en Madrid

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, destacou a “capacidade de interlocución demostrada polo BNG en Madrid na lexislatura que remata” e explicou que o BNG logrou incrementar os Orzamentos do Estado en 200 millóns de euros (30 millóns de euros no ano 2006, 62 millóns de euros no ano 2007 e 104 millóns neste ano 2008). “Galiza, grazas ao peso e á presión do BNG en Madrid, pasou de recibir o 6% dos Orzamentos do Estado no ano 2004 a ter hoxe o 8%, máis de 2.000 millóns de euros para este ano 2008”, destacou Francisco Rodríguez.

Francisco Rodríguez, que leva dende o ano 1996 como portavoz do BNG no Congreso, insistiu na súa intervención na “utilidade do BNG en Madrid” e afirmou que “o obxectivo desta volta é acadar representación no Congreso pola provincia de Lugo para que os cidadáns de lemos teñan un interlocutor directo en Madrid a través de Paz Abraira e de Severino Rodríguez”. O alcalde monfortino figura de número dous na candidatura do BNG ao Congreso.

Paz Abraira explicou que o Bloque Nacionalista Galego aspira a lograr nas vindeiras eleccións de marzo representación por primeira vez no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo. “Queremos incrementar a representación nacionalista en Madrid porque máis forza do BNG en Madrid é máis forza de Galiza no Estado”, resumiu a candidata do BNG pola provincia de Lugo. “É hora que Lugo teña por primeira vez un deputado do BNG no Congreso para levar alí os problemas de comarcas como Lemos. E os cidadáns de Monforte tedes a garantía de que teredes liña directa en Madrid a través de Severino Rodríguez”, prometeu.


Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986