|
Xosé Manuel Piñeiro, presentador
Acompáñenos é o
novo programa co que Xosé Manuel Piñeiro chega aos
fogares dos galegos para transmitir historias
alentadoras e cheas de optimismo. Nesta nova etapa
compatibiliza radio e televisión, dous medios nos
que se sinte como na casa. Declaradamente showman
admite que se atopa cómodo neste novo rexistro.
Amparo Rodríguez Ojea
-Se
pecha os ollos, ¿onde lle gustaría estar?
-En Canadá ou no Brasil que nunca estiven. Tamén
me apetece Xapón. Gústame moito viaxar aínda que o
avión fáiseme costa arriba. En xeral déixome
sorprender, o primeiro que fago cando chego a un
país ou a unha cidade nova é patear as rúas, entrar
en contacto co día a día da xente, coñecer o seu
ritmo de vida e empaparme da súa cultura. Os
espectáculos, os museos e os monumentos déixoos para
despois. Fíxate, o Louvre visiteino a terceira vez
que estiven en París porque me gusta tanto a rúa e a
xente que sempre lle dou prioridade.
-Radio, televisión, espectáculos...Cal é o medio no
que máis desfruta?
-En todos por igual. Eu son showman desde que
nacín.
-Acaba de estrear programa. Defínao.
-É un programa fantástico para xente fantástica.
É un programa de vida, de compartir moita vida.
-Que ten Piñeiro para dar?
-Sinceridade, emoción e espontaniedade.
-Que lle aporta o seu traballo a vostede?
-O traballo apórtame todo, para mín é
fundamental. Teño a sorte de traballar no que quero,
incluso non me gusta coller vacacións moi
prolongadas, prefiro espacialas. Érgome polas mañás
con ganas de facer radio, de traballar, de facer
algo.
-Cales son os elementos básicos para que un programa
teña éxito?
-É moi difícil de definir. Creo que estar no
sitio axeitado no lugar axeitado é a clave do éxito.
Depende de moitos factores, de orientalo a un
público definido, do horario de emisión, da
competencia... Si por éxito se entende a audiencia,
neste intre hai que fiar moi fino.
-E chegou o cambio... ¿por que Luar sí e Supermartes
non?
-Non se trata de comparar. Penso que Supermartes
cumplíu unha etapa estupenda na historia da
Televisión de Galicia e a un ano e medio vista creo
que rematou no momento que tiña que rematar, nun bo
momento. De Luar penso que sigue tendo sentido un
programa así nunha televisión pública e as cifras de
audiencia así o amosan. Non me gusta falar de
cambios políticos, gústame falar do meu, da miña
profesión.
-De volta na televisión da súa terra, cambiou algo
na súa ausencia?
-Sí, de entrada a estética. Era lóxica unha
renovación e que se cambiase a imaxe corporativa e
creo que sí se fixeron moitos intentos de chegar a
outros públicos e, como todo na vida, uns máis
acertados ca outros. Na televisión hai que estar
experimentando sempre e na radio tamén.
-Cal é o seu papel en Punto Radio?
-Nestes intres, o que se espera de mín na radio
é que faga un programa divertido e participativo.
-En Punto Radio de doce a dúas tódolos días
Protagonistas Galicia SuperPiñeiro. Dalle sorte o de
SuperPiñeiro?
-O certo é que o único que me trouxo este nome
foi alegrías e como nos parecía un bo reclamo
publicitario decidimos conservalo. Estoulle moi
agradecido a Superpiñeiro.
-Que tal neste novo rexistro?
-Moitos se sorprenderon deste novo rexistro, a
mín gústame. Eu disfruto moito do día a día e deste
programa estou disfrutando moito aínda que sí me
gustaría tamén experimentar e seguir descubríndome.
Dende que teño uso de razón estou nun esceario e o
que teño claro é que me gusta traballar aquí.
-En que lle gusta invertir o seu tempo de lecer?
-En estar coa xente, eu son un conversador nato.
Gústame moito charlar, pasear, ir a espectáculos,
viaxar... Vexo televisión porque é a miña obriga.
|