|
Victoria Martínez, gañadora do Premio Bouza Brey de
Investigación 2006
Ponteareas saberá un pouco máis da
súa historia de posguerra a través do traballo que
desenvolverá a historiadora Victoria Martínez
Rodríguez (Pontevedra,1966). Doctorada en Historia
Contemporánea pola UNED, esta filla de emigrantes
realizou os seus estudos na Universidad Complutense
de Madrid e ven desenvolvendo o seu traballo
profesional no eido editorial. Agora comezará a
investigar sobre "A muller no franquismo: Sección
Feminina en Ponteareas", traballo polo que acadou o
Premio Bouza Brey de Investigación 2006.
Antón
Fernández Escuredo
- ¿Porque un traballo sobre a Sección Feminina?
- Trateino porque ten vantaxes xa que é un campo
sen explorar.
É moi interesante como aliciente para o
investigador. O problema é que non tes referencias
nin outras lecturas onde acudir. Interesoume como
historiadora especialista en historia contemporánea
que está facendo o doutoramento sobre o período
franquista. Dentro deste período coido que o tema
das dereitas está menos tratado que o das esquerdas.
Neste caso, ademais, a falanxe feminina é a menos
coñecida. Investigar en microhistoria permíteme,
tamén, achegarme máis á realidade das persoas. Saber
como vivían a represión franquista, a política do
fascismo neste caso na vida das mulleres.
- ¿Está abondo tratado este tema?
- Non está moi tratado.
Que eu saiba non hai ningún traballo un pouco
redondo sobre este tema. Nin a nivel de
microhistoria, de zonas máis reducidas como as
comarcas, nin a nivel de Galiza. O único que coñezo
que se achegan son os traballos de Xulio Prada na
súa tese sobre a represión en Galiza. Alí tratou a
sección feminina. Ademais ten algo escrito sobre o
auxilio social en Ourense.
- ¿Que papel xogaba a muller na Sección Feminina?
- A Sección Feminina vai a ser a que se encargue da
formación da muller, mesmo a través dun decreto
franquista. En 1939 Franco encárgalles este
obxectivo. Dedicarase a reclutar mulleres e a
formalas no nacionalcatolicismo. A súa misión é
devolvelas ao fogar, que tiveran un papel de esposa
e nai.
Incidirá, fundamentalmente, no eido da educación e a
beneficiencia. Foi o corpo da muller para logo a
Igrexa pasar a encargarse do espíritu, do aspecto
espiritual.
- ¿Que diferenza había entre a concepción da muller
que tiña a República da que despois tivo o
franquismo?
- Precisamente o meu traballo tratará de situar o
contexto no que xurdiu a Sección Feminina. A
política franquista trata de ser un freo aos
progresos que tiveron lugar na emancipación da
muller desde o século xix. Do mesmo xeito que se
paralizan outras ideas de esquerda tamén se procura
o mesmo no mundo da muller. En realidade é un
aspecto moi interesante do traballo. Situareime no
momento da República para ver que incidencia tiveron
os cambios políticos republicanos, de lexislación
mais sen un cambio de mentalidades en tan pouco
tempo. Estudarei a repercusión mesma que tiveron
estes cambios na vila de Ponteareas, unha zona rural
e cun alto grao de analfabetismo, e se as mulleres
do Condado viviron tan intensamente os cambios do
periodo republicano. En definitiva, ver o grao de
incidencia que houbo na muller e analizar os
diferentes sectores nos que se desenvolvían.
- ¿A Sección Feminina chegou a ter un poder
importante e decisivo dentro da estructura da
Falanxe?
- Si.
Pilar Primo de Rivera estaba nos consellos
franquista así como Saez Bachiller.
Esta última creou o Auxilio Social en outubro de
1936. Logo houbo loitas internas entre ambas gañando
a primeira. Aínda así non deixaban de supeditarse ao
papel que lles daba o home.
-
Nun traballo destas características é tan importante
o traballo de arquivo como o de campo...
- Xa traballei este tema na zona de Vigo. Coido que
desta zona vou a atopar moitas lagoas porque o fondo
da Falanxe está desaparecido en grande medida. Na
posguerra a Sección Feminina foi unha organización
que xerou moita burocracia, todo se rexistra e está
inventariado pero logo vas aos arqivos e hai moitas
carencias. O que é un fondo da falanxe, non existe.
Visitarei arquivos locais e o dos concellos. O de
Pontevedra está moi defectuoso con moitos periodos
de tempo desaparecidos. Despois está o arquivo da
administración, máis a nivel estatal, e logo está a
Fundación Francisco Franco e a Asociación Nueva
Andadura. Ademais conto con que moita xente teña
material informativo, fotos ou carnés, a título
persoal. No proxecto hai unha tipoloxía de
entrevista. Ademais empregarei o fondo do arquivo
oral que existe en Ponteareas, un traballo moi ben
feito que me servirá de referencia. É un apartado
moi interesante porque contactas con xente que o
viviu, permíteche realizar un contacto entre o que é
o mundo documental e o mundo oral.
Pero tamén é interesante porque é un dos baluartes
do franquismo: sempre consideraron unha gran obra do
franquismo a creación da Sección Feminina, polo que
fixo na educación da muller, porque tiñan escolar
de formación, nocturnas, escolas de fogar,
comedores, cociñas de irmandade, campamentos de
verán, coros e danzas... Estaban moi orgullosos desa
obra e será interesante ver o que chegou ao pobo de
todo iso e como chegou.
- ¿Existía algún outro tipo de organización
clandestina de mulleres que non estiveran de acordo
con ese ideario?
- Non o coñezo. Estou buscando bibliografía sobre
ese tema precisamente e sei que hai algún artigo
publicado sobre o feminismo na posguerra, pero aínda
non o lin e o descoñezo.
E descoñezo se existía resistencia a nivel
particular, aínda que supoño que sí. Que moitas
veces era máis doado para mulleres mellor
posicionadas, que as mulleres humildes a miúdo non
tiñan máis remedio que acudir a esa asistencia. Logo
tamén había unha serie de condicionantes para as
mulleres traballadoras, que tiñan que cumprir con un
servizo social para poder acceder a un posto de
traballo, á Universidade.
O que está claro é que unha das características da
política franquista era a de converter á muller nun
ser aillado dentro do fogar, ata o punto de que
había algunhas que participaban nas actividades da
Sección Feminina para poder saír dese aillamento;
era unha forma de contacto social con outras
mulleres.
- ¿Como funcionaba a Sección Feminina en Ponteareas?
- Iso creo que o terei que localizar a través da
historia oral.
O que localicei polo de agora a través da prensa, é
ás persoas que iniciaron a Sección Feminina, a xefa
local, a secretaria e algunha das persoas que
traballaban nos comedores e de aí poderei ver a
procedencia familiar. Normalmente son xente próxima
familiarmente á Falanxe masculina, de familia de
industriais, de clase media... A nivel de arquivo
non puiden atopar o organigrama porque está todo
demasiado deslabazado e é bastante complicado. É un
fondo que parece ser que lles chegou fai pouco tempo
e non está moi completo.
- ¿Algún documento sorprendente ou curioso?
- Recordo algunhas cartas das xefas provinciais a
xefas locais, que tiñan que pasar por uns cursiños
de formación para aprender temas de organización e
estas cousas, comentándolles que a xente non vai ás
clases. Tamén se comenta o baixo nivel educativo das
mulleres, que lles custa atopar cadros para poder
levar a cabo esa labor.
- Se nos trasladásemos a hoxe en día, onde tamén hai
quen se adica a facer cursiños para mulleres, e
salvando as distancias evidentes, ¿atopa vostede
similitudes?
- A verdade é que sí a vexo.
Incluso dende concellos se están facendo cursos para
mulleres e un se pregunta por que esa
diferenciación. E segue habendo asociacións de
mulleres que seguen fomentando certo tipo de
formación. Seguimos nun mundo bastante sexista. A
nivel legal as cousas cambiaron, pero as
mentalidades tardan máis en cambiar. |