‘Cremos que as Ongd´s teñen que profesionalizarse’


Xosé Mª Torres Bouza (Presidente da Coordinadora Galega de Ongd´s)

O Traballo das ONGD´s preséntase como fundamental na actualidade para axudar ao desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo. Aínda que Galiza non está ao mesmo nivel que outros países neste tema, participan na laboura de voluntariado máis de 53.000 persoas. A Coordinadora Galega de ONGD´s
ven de presentar un informe cos datos procedentes dun estudo en profundidade da realidade deste sector. As espectatívas de futuro dependen, en parte, do cambio de mentalidade da nosa sociedade. Do outro lado están as institucións, os propios medios de comunicación.

Antón Fernández Escuredo

Cal é a función da Coordinadora Galega de ONGD´s?
A Coordinadora ten un papel de unión das ONGD´s. De representación diante dos interlocutores sociais: administración, empresarios, sindicatos, cidadanía, etc. Un labor tamén de dar servizo como ofrecer cursos de formación posto que a sociedade demanda que sexamos eficaces. Tamén temos unha laboura de incidencia política xa que falamos cos diferentes partidos para que incrementes anualmente os fondos destinados a cooperación tanto a nivel de Xunta como de concellos. Por último temos un labor de sensibilización con campañas e estudos.

Presentouse o informe sobre as ONGD´s en Galiza. Que resultados presenta?
É un informe que se realizou no ano 2005 con datos das memorias económicas do 2004. Desde aquela mellorou bastante o panorama. Analiza 40 organizacións sobre un total de 100 que están rexistradas en Galiza. As que responderon son, en boa medida, as máis relevantes. Na coordinadora hai, hoxe en día, hai 44 organizacións.
En principio sinalamos que a maior parte das ONGD´s que traballan non noso país xurdiron nos anos 90, dez anos máis tarde que no resto do Estado. Aqui moitas se crearon por iniciativa de entidades non galegas, de Barcelona, Valencia ou Madrid. O 65 % ten como forma xurídica a asociación e un 25 % a fundación. Este informe reflexa que o tecido social que hai en Galiza é moi variado. Hai ONGD´s ligadas á igrexa, a partidos políticos, a sindicatos, a profesionais, etc.
Salientamos que o 50 % das entidades analizadas teñen persoal contratado polo que tamén contan cunha sede física. O número de socios destes organismos era de 53.000 persoas, aínda que se quitamos á Cruz Vermella reduciríanse a 29.000. Neste informe refléxase que hai entidades que apostan polo Comercio Xusto, mesmo con tendas deste tipo de produtos que visibilizan este tema ata en vilas.
En canto ás cotas que pagan os asociados hai unha media de 62 euros, cunha banda que vai entre os 18 e os 300 euros. Ademais xestionan recursos que van en aumento. Aínda así en Galiza a aportación da Xunta representa a máis pequena das comunidades do Estado cun 0,007. Temos o compromiso do actual goberno galego de incrementalo.

Cales son as principais diferenzas entre as ONGD´s galegas e o resto?
A máis importante é a capacidade económica. As ONGD´s que están presentes en Galiza e o seu ámbito é estatal teñen unha capacidade moito máis importante. Das galegas non hai ningunha que chegue aos 500 socios e moitas son de ámbito local polo que os seus recursos son limitados. Están medrando. A diferenza que temos, por exemplo con Catalunya e Euskadi, consiste en que as súas sociedades e os seus gobernos autonómicos están máis concienzados. Aquí aínda hai moita xente que pensa que somos pobres e que non podemos axudar ao terceiro mundo. Hai unha falta de concienzación do ricos que somos. En Galiza dispoñemos dun sistema sanitario que é dos mellores do mundo, aínda que haxa queixas. O sistema educativo tamén. Temos estradas, tren, etc. Ninguén se da conta do que hai polo mundo adiante. Aqui non se morre de fame. Falta concienza porque temos un nivel de vida inferior ao do resto do Estado. No ano 1981 recibíamos axudas neste sentido pero hoxe xa non.

Notouse algún cambio neste tema no novo goberno da Xunta?
Si. No acordo de goberno o PsdeG-PSOE e o BNG comprometéronse a destinar o 0,4 % dos recursos públicos á cooperación internacional. A media das comunidades autónomas destina en torno ao 0,2 %. Algunhas como Euskadi, Navarra, Balears e Castilla-La Mancha destina algo máis pero Canarias ou Murcia non chegan ao 0,1 %. Aqui estaba no 2005 no 0,07 % e sigue estando nesa porcentaxe pero tendo en conta que variaron os orzamentos da Xunta. Para o ano 2007 hai xa previsto un aumento de 3, 5 millóns de euros. Vamos a chegar ao 0,09 %. Hai un impulso e unha concienzación por parte da Xunta xa que se aprobou un Plan Director de Cooperación para catro anos.
Desde a Coordinadora pensamos que tampouco sería beneficioso de repente multiplicar por cinco os recursos. Nin a propia Xunta está capacitada para xestionalo nin para as ONGD´s sería beneficioso.

Que papel xogan os medios de comunicación neste tema?
Os medios de comunicación son un espello onde se reflexa a actuación da sociedade. O problema é que para nós os medios só veñen cando hai desgracias. Fóra facemos colaboración a longo prazo e axuda humanitaria. A primeira é a máis beneficiosa, prexemplo nos sistemas de agricultura ou a construción de postos de saúde. Mais os medios de comunicación só se preocupan de sacar a segunda: cando hai catástrofes naturais ou producidas polo home. A cidadanía pode ter a sensación de que no Terceiro Mundo só ocorren desgracias. Alí tamén hai xente traballando que loita por mellorar as condicións dos eu país.

Que se debería mellorar no funcionamento das ONGD´s para que a cidadanía estivera máis concienzada?
Cremos que as ONGD´s teñen que profesionalizarse. A sociedade esíxenos que sexamos eficientes para non malgastar recursos. Para iso hai que facer estudos, precísase desprazarse aos países do sur, traballar con ONGD´s propias deses países. Non só ten que haber voluntarios, as ONGD´s precisan ter sedes abertas. Temos, ademais, que facer campañas para rematar co vitimismo de que "somos a parte máis pobre de España" que nos impide colaborar con outros.

 

 
A maior parte das ONGD´s que traballan non noso país xurdiron nos anos 90.

 

A diferenza que temos, por exemplo con Catalunya e Euskadi, consiste en que as súas sociedades e os seus gobernos autonómicos están máis concienzados.