"‘Quen non sinta interese pola guerra e a mentira é que non está neste mundo’’


Susana Rei, creadora

Susana Rei traballa en galego dende Valencia. Ven de presentar en Berlín, e ten pendente facelo en Lisboa e Nova
Iorque, o seu documental “Cousas de Kulechov”. Ademais publicou o libro-cd “Martiño e o mar” no que participa
Manuel Rivas. Contundente defensora das ideas que reflexa nas súas obras, pensa que as utopías poden ser realidades.

Antón Fernández

-Un libro-cd é algo pouco habitual. Como xurdiu a idea?
Dun xeito natural. Primeiro compuxen un primeiro tema que quedou no caixón. Despois saiume unha historia que comecei a ilustrar. Púxenme en contacto con músicos e amoseilles o meu traballo. Encantoulles. A seguir entraron no proxectos persoas como Manuel Rivas. Foi moi duro: todo nun ano e medio con viaxes desde Valencia que é onde vivo. Penso que é arriscado facer este tipo de proxectos. No meu caso tiven que adiantar os cartos e facer a promoción.

-E ademais presentas estes días o teu documental...
Si. “Cousas de Kulechov” é en realidade unha chamada de atención sobre a manipulación da información polos grandes poderes sobre a maior montaxe: a guerra. É un falso documental a partir de imaxes da realidade galega. Fixen un percorrido antropolóxico a través das festas e outro a través de temas de actualidade como os incendios. Despois o experimento consistiu en montar as imaxes captadas e postas baixo o argumento dun ataque a Galiza por parte dun exército invasor. Procuraba poñer ao espectador diante da mentira dun conflito bélico inexistente. Lembro que se me ocurriu unha mañá vendo as bateas na ría de Vigo. Por un intre pensei nelas coma nunha flota de guerra. Daquela fotografieinas e pensei logo en facer o documental. Penso que é unha idea que lle ten que interesar á xente. Quen non sinta interese pola guerra e a mentira é que non está neste mundo.

-En ambos casos fixeches ti case todo o traballo. Coidas que o público terá doado acceder a el despois?
É o tema máis crudo, sobretodo en Galiza. Desde fóra, como é o meu caso que vivo na emigración, unha é máis conciente. Os galegos non cremos moito en nós mesmos. Fáltanos o orgullo do noso. Non podemos competir nunca coa industria americana nin coa europea, por exemplo. Trabucamonos no enfoque. Temos que ser diferentes comezando pola temática. Non podemos facer películas de tiros. Hai que tratar os temas dun xeito universal, sen ser localista.

-Teñen tanto poder os medios de comunicación?
Penso que si. A prensa debería ser independente e non o é. Temos o caso do boicot do PP a un xornal de Madrid. Cando Aznar nos convocou a unha manifestación polo atentado do 11-M empregou a prensa. Outro caso é o de Iraq. Os medios chaman “terroristas” á resistencia pero son incapaces de chamar “xenocida” a Bush.

-Vives en Valencia. É certo que a situación sociolíngüística é semellante á galega?
É moi similar. O catalán foi prohibido e reprimido como o galego. Tampouco, coma nós, tiveron unha burguesía con personalidade que defendera a lingua. En Valencia o PP creou un conflito artificial que tenta diferenciar o catalán do valenciano cando filoloxicamente sabemos que son a mesma lingua. É unha esquizofrenia. Hai unha dereita no poder que defende unha lingua que non fala e unha esquerda que tenta por a lingua no seu lugar. Aqui pasa o mesmo.

-Participaches nos videos prohibidos de Ja en tenim prou...herdeiros de Hai que botalos. Cóntanos.
Si. Fixémolos entre moitos colectivos cidadáns. O PP pediu á xunta electoral que prohibira a súa proxeccción e deulle a razón. Aínda así conseguimos que o xornal Levante, o de máis tirada de Valencia, distribuira 50.000 copias nunha edición. Ademais baixase de balde da rede polo que axa todo o mundo o coñece. Nós denunciamos esta situación porque somos cidadáns, non partidos políticos que buscamos o poder. A estas alturas de século aínda hai censura..

 

“... se me ocurriu unha mañá vendo as bateas na ría de Vigo. Por un intre pensei nelas coma nunha flota de guerra.”