‘Non falamos de trama organizada, pero si dunha actividade encamiñada a facer dano e crear alarma social’


Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural

Guillermo Rodríguez Fernández
A Consellería do Medio Rural adquiriu especial protagonismo ao longo da vaga de lumes sufrida por Galiza durante a primeira quincena do mes de agosto. Todas as olladas se dirixían ao titular desta carteira, Alfredo Suárez Canal, polo quixemos poñernos en contacto con el para que nos dese a súa opinión sobre o acontecido. Este foi o resultado da entrevista.

- Vostede está considerado como un dos pesos pesados no actual goberno. ¿Nalgún momentos lle fallaron as forzas diante da catástrofe vivida?
- En situacións complexas coma as que viviu o país durante 11 días, con algunha xornada na que se rexistaron picos de 300 lumes, cunhas condicións climatolóxicas moi desfavorables e unha actividade criminal desforada, o primordial é concentrarse no control da situación e na coordinación dun operativo o máis eficaz posible. En circustancias semellantes, o traballo para poñer coto á situación vivida despraza calquera outra consideración de tipo persoal.

- A súa consellería é unha das máis importantes, se temos en conta o abandono do medio rural galego. Os últimos lumes, supoñemos, rompéronlle  bastante o programa de acción previsto ¿Qué supuxo esta catrástrofe recente sobre os proxectos a medio e longo prazo?
- A recente vaga de incendios evidenciou o gran déficit en ordenación do monte e políticas forestais que vimos arrastrando desde hai demasiado tempo. É verdade que a Consellaría do Medio Rural empezou a súa andadura coas miras postas en corrixir paulatinamente esta situación, mesmo fomentando o diálogo e o consenso entre todos os axentes dos sectores implicados para tratar de racionalizar os usos produtivos dos montes e dar solución aos seus problemas estruturais. Non podemos deixar de lado, tal e como se viña facendo ata agora, o enorme potencial forestal do país. Neste sentido, a Consellaría do Medio Rural está a elaborar un Plan Decenal para a Reestruturación do Monte Galego, que contempla medidas a curto, medio e longo prazo, coas que se pretenden acadar  unha nova situación estrutural do monte galego e afianzar unha nova dinámica forestal.

- Os cidadáns pregúntanse ¿por que tanto lume en pouco máis dunha semana e agora tan pouco? Vostede ¿que opina? ¿Existen datos fiables que expliquen as verdadeiras causas? ¿Podemos seguir falando de trama organizada?
- Desde a Consellaría do Medio Rural nunca se falou de trama organizada, en todo caso, hai que destacar que a tipoloxía dos lumes da primeira quincena de agosto resulta novidosa se se compara cos incendios rexistrados anteriormente. Falamos dunha actividade incendiaria encamiñada a facer dano e crear alarma social, no sentido de que os lumes se iniciaban en lugares estratéxicos, preto de redes viarias importantes e de núcleos habitados,  con varios focos por incendio e en zonas de difícil acceso para os equipos de extinción, o que dificultaba o traballo do operativo antiincendios e nos obligaba a concentrar os esforzos en protexer as vivendas e as persoas deixando o monte nun segundo plano. Nós non falamos de trama organizada, pero tras os evidentes indicios de intencionalidade na orixe dos lumes, falamos xa desde o primeiro día de actividade criminal, poñendo énfase na necesidade de perseguir e investigar este tipo de delitos e a aqueles que os comenten. Foi precisamente esta actividade incendiaria concentrada en determinadas zonas, unida a unhas moi desfavorables condicións metereolóxicas, con temperaturas moi altas e forte vento do nordés, o que propiciou que se producira a situación de crise vivida entre o 4 e o 15 de agosto. Toda vez que a metereoloxía mudou e, afortunadamente, se produciu un descenso nesa actividade criminal, a situación en canto a número de lumes está agora incluso por debaixo da normal comparada con estos mesmos días en anos anteriores. Sen embargo, non podemos esquecer que a tempada de alto risco de incendios aínda non rematou, polo que temos que seguir alerta e co dispositivo preparado para evitar que a situación se volva a repetir.

- ¿Como están nestes momentos as relacións entre a Conselleria de Medio Rural e os sectores afectados polo lume recente: concellos, labregos, industrias madereiras...?
- En primeiro lugar, vaia por diante o meu agradecemento a todos aqueles que dalgún xeito colaboraron para poñer freo a situación excepcional que nos tocou vivir.  Durante ese período tanto os labregos, aportando tractores e cisternas, como as empresas forestais, con maquinaria pesada, como os alcaldes, que na maioría dos casos, utilizaron  os medios dos que dispuñan,  uniron os seus esforzos aos dos efectivos do Servizo de Extinción de Incendios. Unha vez rematada a crise, desde a Consellaría do Medio Rural estamos a valorar polo miúdo todas as consecuencias, co obxectivo de motivar actuacións decididas para evitar no futuro situacións similares, e para poñelas en marcha contaremos con todos os axentes dos sectores implicados, a través dos foros de diálogo que xa tiñamos establecidos e buscando o máximo grao de consenso posible. Neste sentido, recentemente vén de convocarse e celebararse xa unha ruenión da Mesa da Madeira e en Breve se convocará o Consello Forestal.

- Hai algo que nos parece unha contradicción: por unha banda vostede reivindica, entendemos que con acerto,  unha política de asentamentos poboacionais no rural; por outra banda, a actual  Lei do Chan restrinxe esaxeradamente as posibilidades de poder edificar, aínda en núcleos chamados urbanizables ¿Como entende vostede este asunto? ¿Está prevista algunha intervención para arranxalo?
- Desde a Consellaría do Medio Rural xa temos apuntado en anteriores ocasións á necesidade de cambiar a Lei do Solo para corrixir os desequilibrios que nesta materia se están a producir. Neste sentido, consideramos prioritario unha maior ordenación do territorio que evite a dispersión poboacional pero que garanta a supervivencia dos núcleos rurais.

 





A Consellaría está a elaborar un Plan Decenal para a Reestruturación do Monte Galego.

 

Tras os evidentes indicios de intencionalidade na orixe dos lumes, falamos xa desde o primeiro día de actividade criminal.

 

Non podemos esquecer que a tempada de alto risco de incendios aínda non rematou.