“Eu de música non entendo pero bueno... pouquiño a pouco...”

Modesta, moi modesta. Con 82 anos cumpridos a Señora Carmen acaba de publicar o seu primeiro disco en solitario, “Na flor dos meus anos”, pero aínda así non acaba de crelo. Empeñada en que non entende de música, esta muller é recoñecida como a posuidora dunha das voces máis fermosas non só das Malvela, senón tamén de Galicia. A señora Carmen posúe, a súa idade unha vitalidade que envexan moitas mulleres mozas. A música, recoñece, a rexuveneceu.



A señora Carmen

- Faille ilusión o disco?

- Pois si, eu non quería ao principio porque éramos moitas compañeiras e non me parecía xunto gravar eu e que non gravaran elas, pero agora si, faime ilusión

- Pero seguro que as compañeiras non se ciumaron...

- Eu creo que non, non o seu, iso teñen que dicilo elas...

- Vostede canta dende moi moza, pero non é ata que entrou nas Malvela que comezou a cantar en público, síntese ben sobre o escenario?

- Sí, síntome ben, salvo cando hai escaleras demasiado empinadas para subir ao escenario (risas). Agora un non se move como se movía antes. Pensa que cando empecei, fai dez anos, xa non quería ir porque era vella, imaxínate agora....

- Na flor dos meus anos é o título do seu primeiro disco en solitario, qué tipo de música podemos escoitar nel?

- Eu de tipo de música non te podo dicir, porque eu de música non entendo, pero hai cancións moi fermosas.

- Cal é a que lle gusta máis?

- En realidade gustar gústanme todas, pero sobretodo quédome con música alegre como "Os que veñen de Castela" ou "A Feitura". Dalgunhas cústame lembrar os títulos pero non podo aprender máis na cabeza, non sei como tanto teño. Pensa que tiven que aprendelas todas de memoria.

- Custoulle moito?

- Non, sempre tiven moi boa memoria, argora teño tamén as dos discos de Malvela e a do meu.

- Pensou algunha vez de moza que podería chegar a gravar non un senón tres discos?

- Nin se me pasaba pola cabeza, nin borracha pensaba, nin pensaba cantar tampouco cun grupo, nin sequera de moza, porque co traballo no campo non podería....

- Cando se deu conta de que si, de que ía poder gravar un disco, de que ía saír na televisión, de que a xente a recoñecería pola rúa....

- Niso nunca pensei. Agora si que mirei as parvadas toadas que fixeron, porque metéronme nunha liada... (risas) Eu son moi ben mandada.

- Cómo leva isto da promoción do disco?

- Eu en realidade non quixera promocionalo... Eu dixen que gravar gravaba calquera, algo que sei logo de gravar tres, pero o caso é presentalo, porque de música non entendo... Pero bueno, pouquiño a pouco.

- Disque o da televisión non lle gusta moito...

- As cámaras nunca me gustaron.

- Poderiamos dicir que é grazas a Malvela que vostede se mantén así de moza?

- Pode que ser si, seguro que si, se non estaría na casa e non sairía. Antes ía as excursións pero dende que me operaron do xeonllo xa non saía moito. Seguro que estaría media achochada, non achocharía del todo porque teño rebeldes na casa, pero... Ademais aquí teño moi bos amigos, unha familia

- Que din os seus rebeldes, os netos cando a ven na tele?

- Teño 12 netos e 10 bisnetos. Os pequenos, que son os que están na casa empezan a chamar "Carmen, carmen, carmen", na radio tamén coñecen a voz da nena, é incrible.

 

"...sobretodo quédome con música alegre como "Os que veñen de Castela" ou "A Feitura"

Nin se me pasaba pola cabeza, nin borracha pensaba, nin pensaba cantar tampouco cun grupo, nin sequera de moza, porque co traballo no campo non podería....

Señora Carmen, cantante