“Para reducir riscos laborais temos que habilitar o Instituto da Seguridade Galego”


Ricardo Varela, conselleiro de Traballo

Texto: Antón Fernández. Fotos: Diego Giráldez
O cambio de ano recibiu ao novo goberno da Xunta pasados os seus primeiros cen días de mandato. Algunhas Consellerías xa deron a coñecer cal vai ser a súa liña de traballo para este 2006. Desde A PENEIRA quixemos que os propios protagonistas comezaran a dar contestación aos problemas que máis preocupan aos cidadáns. Ricardo Varela, Conselleiro de Traballo, atendeunos despois dunha visita ao Concello de Mos onde asistiu á presentación do Plan de Acción Global para o Emprego. Na entrevista  o Conselleiro non eludiu falar de temas tan delicados como a precariedade laboral, a seguridade no emprego ou a relación cos empresarios e os sindicatos galegos .


- Coa toma de pesesión dos novos conselleiros, houbo moitas queixas referidas ás condicións nas que se atopaban os distintos departamentos e aos seus compromisos orzamentarios. Nese senso, ¿como atopou a Consellería cando chegou?

- Non soi moi amigo de facer unha análise do traballo de outros, xa o fixemos na oposición. En calquera caso, dende o punto de vista da xestión económica da Consellería, é razoable e non atopamos problemas, como houbo noutras consellerías, de compromisos presupostarios que hipotecaran boa parte do traballo a facer durante os próximos meses. Si é certo que dende o meu punto de vista a organización e o deseño de distintas políticas, como poden ser a de formación, ou a de incentivos á estabilidade, ou as políticas en relación coa seguridade, son manifestamente mellorables e a iso adicaremos os próximos tempos.

- Logo dos cen días de cortesía que se lle dá a todo novo goberno, e unha vez estudiada a fondo a situación galega, ¿que medidas se teñen pensado adoptar para corrixir eses defectos ou outros?

- Sería un pouco extenso entrar polo miúdo en estratexias laborais, xa que cada unha delas daba para facer un documento propio, pero en principio e para tratar de definir a situación, é posible facer un esbozo. Temos que facer un esforzo de información centrado fundamentalmente en aproximar as demandas ás ofertas, porque se estivo producindo nos últimos tempos unha formación que non se correspondía co que o mercado de traballo estaba reclamando e polo tanto temos que axustar moitísimo eso, e para iso estamos facendo unha análise de demandas e mercado. Tamén temos que mellorar moito para que os servizos públicos de emprego, as oficinas do inem, operen con eficacia na intermediación. Hoxe estamos traballando no entorno do 11% intermediando entre empresarios e traballadores nas demandas de traballo e iso non ten moito sentido nunha administración que debería ocupar a maior parte dese espazo. Tamén temos que traballar en mellorar as condicións de seguridade dos nosos traballadores, e iso require dun plan especial de seguridade, dun plan global para a seguridade no país, e require da posta en marcha dunha nova institución, dun novo organismo para a seguridade do emprego en Galicia que queremos que saia do consenso entre empresarios e sindicatos na mesa de diálogo social.

- Hai unha cuestión que cada día a sociedade demanda máis, que é a solución definitiva á precariedade laboral.

- É un problema que temos hoxe enriba da mesa. Estamos nunhas taxas moi por riba do que sería normal en función da causa que orixina o contrato. É dicir: ten que haber unha temporalidade porque hai contratos que nacen con ese condicionante, e estou pensando, por exemplo, nalgúns traballos na hostalaría que son de tempada, en determinadas actividades relacionadas co agro que son de tempada, en determinadas actividades do sector servizos que son temporeiros, e polo tanto o contrato é así, pero eso ten que estar limitado exactamente a esa causa do contrato que se podía fixar arredor do entorno do 15 ou do 18 por cento, que é onde se podía fixar a cifra de temporalidade na contratación en función do tipo de contrato. A partir de aí eu penso que teríamos que ser capaces de reducir esa temporalidade.

- Pero para iso tamén habería que contar co goberno central.

- É certo que iso ten un vector de lexislación de ámbito estatal que ten que operar sobre eso, que é a lexislación contractual, pero tamén é certo que nós podemos traballar dende a nosa administración e dentro das nosas competencias no fomento da estabilidade. E para iso estamos traballando na modificación das liñas que incentivan a contratación e a estabilidade.

- Un segundo problema, e que por desgracia está moi de actualidade porque onte mesmo, nesta zona, morreu un canteiro no seu primeiro día de traballo, é o da seguridade laboral. Fálase da creación dun Plan de Prevención de Riscos Laborais. ¿Como está ese tema?

- Creo que non era o seu primeiro día de traballo, senón o primeiro nesa empresa. Parece ser que xa tiña experiencia, porque do contrario sería outra preocupación, xa que ás veces a falla de experiencia ten unha relación directa coa sinistralidade. Neste caso parece ser que xa tiña experiencia no sector e que era un traballador que coñecía perfectamente o traballo que desempeñaba. Pero en calquer caso está claro que non é asumible por ninguén, nin polo colectivo, nin pola familia, nin pola empresa, e moito menos pola Consellería de Traballo, que se poda producir un accidente e que quedemos de mans cruzadas. Temos que habilitar sistemas de seguridade moito máis eficaces e para iso, na Consellería imos fortalecer as medidas de control e de inspección, imos fortalecer as medidas de promoción da seguridade, e imos fortalecer as medidas de formación en relación coa seguridade. Todo iso esperamos que teña un marco global que sexa o Instituto da Seguridade Galego, que naza da mesa de diálogo social e do consenso entre empresarios e sindicatos. 

Nas fotografías: distintos momentos da entrevista e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, xunto ao Delegado de Traballo en Pontevedra, PedroBorrajo, a alcaldesa de Mos María Jesús Escudero e o Concelleiro de Educación, Formación e Emprego de Mos , Gerardo Alonso, durante a presentación do Plan de Emprego no Centro de Desenvolvemento Local deste municipio pontevedrés.

 

“Atopei unha moi boa disposición tanto por parte dos empresarios como dos sindicatos”

- Un dos piares fundamentais de calquera política de creación de emprego é o sector empresarial. A nivel galego ¿que receptividade atopou vostede nos seus encontros co sector empresarial?

- Atopei unha moi boa disposición tanto por parte dos empresarios como dos sindicatos. Imos ver agora como se concreta iso en acordos que necesariamente teñen que xurdir da mesa de diálogo social; necesitamos eses acordos, os necesitan os empresarios, os necesitan os sindicatos e os necesita Galicia, polo tanto eu espero que haxa unha posición moi positiva poir parte de empresarios e sindicatos e desde logo prodúceme unha enorme satisfacción cando vexo colectivos de empresarios, como é aquí o caso de Mos, implicados directamente e en primeiro lugar en crear actividade, iniciativa empresarial, e despois en colaborar coas institucións, como é neste caso o Concello, para que a inserción dos traballadores nas súas empresas sexa o máis cualificada posible a través dunha formación axeitada, e polo tanto é un factor importantísimo de implicación dos empresarios colectivamente no desenvolvemento do futuro dunha zona determinada de Galicia e do conxunto de Galicia. E por iso, un acto como o de hoxe é para felicitarse.

- ¿Unha das liñas básicas de traballo da Consellería cos empresarios podería ser a través de plans como o de hoxe?

- Si, si, indubidablemente. Nós estamos propiciando e ampliando os concertos e os acordos con empresas e con colectivos de empresas de cara á inserción de mulleres, de cara á inserción de colectivos que teñen dificultades de inserción, como poden ser os discapacitados, de cara ás medidas de seguridade... Digamos que a suma de acordos con colectivos de empresarios determinados pode dar un mapa global satisfactorio para Galicia.