“Cando falamos de memoria histórica é
tamén para contar as historias silenciadas”

Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica. Presenta a súa primeira novela Cardume, Premio Xerais de Novela 2007. Logo dunha etapa en Barcelona, decidiu volver a Galiza. Decidiu cambiar de vida, falar consigo mesma, dialogar coas súas pantasmas. Dese proceso nace unha historia que narra a época da pre-guerra na cidade de Vigo, a súa cidade natal.



Rexina Vega

-Que é Cardume?

-Cardume é unha novela sobre a memoria, sobre a recreación da memoria e sobre a posibilidade de que nós sexamos os pais dos nosos pais. A posibilidade de contar a historia para facer que a memoria conforme un presente, se nós recordamos e recreamos aos que xa non están a parte de nós, estamos recreándoos e cambiando o pasado e facendo un futuro diferente. Esa é a idea, dialogar co pasado para facer outro presente e outro futuro.

-A literatura como memoria resistente?

-Si, a idea é esa. Resistente por varias cousas, a idea de non perder, a literatura é a que fixa, a que da transcendencia, a que pode conxelar, a que pode facernos pervivir; e por outra parte tamén a literatura é a que pon as cousas no seu sitio, eu creo nese poder terapéutico da literatura para poñer as cousas no seu sitio. Neste caso, por exemplo, cando falamos de memoria histórica é tamén para contar as historias silenciadas. Historias que debían ser contadas ou infamias que precisaban ser ditas.

-Como xorde a idea de crear Cardume?

-Isto ten que ver cun cambio de vida. Eu tomei unha decisión radical. Realmente mudei, saín de Barcelona, volvinme para Galiza e movéronse as miñas pantasmas. Necesitaba recrearme a min mesma. Decidín a maternidade, decidín volver ao meu país, entre todas as cousas que eran desexos adiados, desexos que non acababa de colmar na miña primeira xuventude, e decidín afrontalos, coller o toro polos cornos. E dicir vou a probalo, quero escribir.

-Que supuxo para ti recibir o Premio Xerais de Novela do 2007 coa túa primeira novela? Como afrontas agora a escrita dunha segunda?

-Realmente foi unha sorpresa absoluta, e de feito, é excesivo para min que cunha primeira novela pase isto. Para min era un triunfo xa o feito de poder poñerlle o punto e final a un texto, e que ese texto se tivese por si mesmo. O feito de levar un premio non entraba nos meus cálculos, non cría nesa posibilidade e polo tanto todo isto é algo que me desborda, non ten unha calificación. O que si teño é unha sensación moi agradable de sentir que paga a pena que eu siga por este camiño. Teño moitisimas ganas de escribir para saber que é o que podo dar, xa que isto é un primeiro ensaio. Teño moitisimas ganas de descubrirme como escritora, independentemente das circunstancias: se vas recibir un premio, se aos lectores lles pode gustar ou non; pero significa que paga a pena que faga ese esforzo de seguir escribindo, de descubrirme.

caradentro...

- Un libro
- `El año del cometa´ de Álvaro Cunqueiro.

- Unha rúa
- Praza Sant Felip Neri, en Barcelona.

- Un recordo
- O ver o sol de verán unha mañá ao espertar cando tiña cinco anos.

- Un segredo
- Ummm! Os segredos non se contan.

- Unha cidade
- Unha cidade invisible, que tivese unha mestura de Galiza e Catalunha, será fantástica, unha mestura entre Barcelona e Santiago.

Rexina Vega, escritora