|
Ramóm Pinheiro, director artístico de
Ouvirmos
Ramóm Pinheiro (Vigo, 1975) é investigador e
músico. A partir das súas experiencias no eido
musical funda en 2002 Ouvirmos S.L, a primeira
editora especializada en documentación musical
galega. Esta iniciativa foi creada para recuperar,
dignificar e divulgar o importante patrimonio
músico-cultural que nos conforma como comunidade.
Un proxecto tan importante que descubre día a día
verdadeiras obras de arte agachadas polo tempo.
Texto
e fotos: Antón F. Escuredo
Como xurdiu un proxecto tan singular como Ouvirmos?
Eu en concreto levo moitos anos traballando no
terreo da música, máis ben no ámbito tradicional e
folk. Por outra parte son historiador e
investigador con anos dedicados a pequenas
produccións. Despois de varias experiencias fúnme
facendo unha perspectiva de recuperación do
patrimonio a xeito de aposta empresarial xa que
forma parte do noso entorno a nivel europeo e a
nivel de estado. Temos exemplos como o catalán ou o
andaluz aínda inexistentes aqui, cando contamos cun
patrimonio musical realmente basto e importante para
a música tradicional precisamente por ser unha
sociedade pouco industrializada.
Aínda que na actualidade hai moitas iniciativas de
colectivos de recuperación pasan máis ben pola
socialización da xente, polo disfrute, son máis ben
culturais. A dimensión empresarial, profesional
estaba ata hoxe totalmente inédita. Hai iniciativas
que recuperan festas históricas cara ao turismo, que
tratan o patrimonio natural, pero centradas no
patrimonio musical somos
os primeiros.
Temos no proxecto a unha segunda persoa moi
importante: Xosé Manuel Aldea. É unha persoa moi
disciplinada, que ten unha colección discográfica
especializada en rexistos fonográficos galegos. Se
ben non é o único que facemos, a recuperación destes
rexistros si que foi central para a posta en marcha
do proxecto e é polo que máis se nos coñece. A día
de hoxe abrímonos a unha serie de servizos musicais
tanto na dirección do patrimonio como a profesionais.
Xenera un modelo inédito de empresa que, por outro
lado, vemos que é posible.
Que dificultades atopades para realizar o voso
traballo?
O noso traballo é cento por cento recuperación
histórica. Interésanos tres fontes fundamentais de
documentación: a fotográfica, dámoslle moitísima
importancia ás ilustracións, os textos, escribiuse
moito dos artistas cos que nós traballamos, e os
rexistros fonográficos, os discos que deixaron
gravados. Na época da que falamos, 1900-1920,
gravaban nomes moi concretos de cada cidade.
As compañías que gravaban eran de fóra e estaban
interesadas, sobre todo, nalgunhas formacións que
logo podían vender á emigración. Na colección "A
Tiracolo" estamos a recuperar os primeiros 50 anos
de producción que son as de soportes fonográficos de
78 rpm. É un proceso moi lento e arduo de
identificación dos artístas, localización das
familias, en casos extraordinarios, como o de "Cántigas
e Agarimos", formacións que siguen vivas na Galiza.
Interésanos traballar tamen con traballo de campo
pero, en todo caso, é outro proxecto con outros
investigadores e outro discurso.
Como realizades a dixitalización?
Ata hai ben poucos anos era un proceso inédito.
Ninguén se podía imaxinar que tiveran interese este
tipo de materiais. Era costoso a restauración
dixital porque hai poucos estudos en Europa
(Londres, París) vencellados a centros
especializados principalmente. Máis cerca tíñamos as
iniciativas da Biblioteca Nacional, o Centro de
Antropoloxía de Lisboa ou a empresa Fonotron que
recupera flamenco en Sevilla.
Nós apostamos moi decididamente sabedores do
patrimonio importante que ten a música galega.
Apostamos por buscar alianzas, convenios ou mesmo
axudar a formar xente aquí porque nos sentimos moi
carentes en todo o sector. Hai xente, profesionais
pero segue sendo norma que a xente teña que marchar
fóra a traballar ou formarse. É unha situación
límite de medios ou mesmo económica.
Este tipo de especializacións son difíciles de afrontar para un estudo.
Nun primiero momento, hai xa cinco anos
aproximadamente, Pablo Barreiro, xefe de producción
da Radio Galega, entendeu perfectamente o proxecto e
fixo unha aposta importante desde o estudo número 5
da emisora cunha inversión importante para mercar os
programas necesarios. Adquiriu a formación que
seguramente xa tiña de xeito teórico pero que entón
aplicou tamén a nivel práctico co convencimento de
que o traballo vai máis alá do meramente técnico. É
unha restauración patrimonial que se tería que
equiparar á dos canteiros de Poio, por exemplo.
Pasaron moi poucos anos e xa comeza a haber
aficionados, en parte polo noso traballo realizado,
que teñen as súas primeiras experiencias, mercan os
seus primeiros materiais para o estudo e comezan a
dixitalizar. Agora volcar este tipo de soportes a
formato dixital xa se está facendo cun mínimo de
garantías por parte de máis dun técnico aquí. É
certo que o proceso de restauración sonora é
complicado posto que hai que conseguir darlle un son
máis fiel ao documento e que comunique mantendo a
vixencia dos intérpretes. É complicado porque
dalgunha maneira hai que exercer de produtor
artístico mesmo de formacións de cando aínda non
naceras. Eu coido que estamos madurecendo e estamos
a ser xa un referente para as xentes de fóra.
Faltaría a normalización. Falamos moito das igrexas
e os castelos cando o patrimonio discográfico ás
veces é moito máis delicado que os restos
arqueolóxicos da Idade do Bronce. É unha cuestión de
ensino. Os cidadáns debemos esixir ás institucións
acceder a esta información porque nos cambiaría
moitos tópicos que temos sobre a nosa música.
A
vosa colección máis coñecida, “A Tiracolo”, terá 50
traballos. Cales estades a preparar e en que outros
proxectos estades a traballar?
Levamos xa uns anos realizando un inventario de
todas as gravacións de discos de 78 rpm grazas a
investigación nos catálogos das compañías da época.
Por iso poidemos diseñar os 50 números. O certo é
que non os temos localizados todos. Unha cousa é ter
constancia e outro telo fisicamente. Algúns están en
moi mal estado polo que as dificultades son aínda
maiores.
Na empresa temos varias liñas estilísticas. Está a
liña azul, a máis traballada, con grupos de estética
tradicional onde están os coros, gaiteiros, etc.
Destes estamos a traballar para sacar aos coros
Cántigas da Terra da Coruña e o Coro da Ruada de
Ourense cunhas gravacións extraordinarias de 1928
onde atopamos a primeira gravación das Chirimias da
Catedral de Santiago. Logo temos a liña branca na
que xa presentamos a obra do violinista pontevedrés
Manuel Quiroga, que está reservada a un ámbito máis
académico. Ahí estamos a traballar con gravacións
históricas de Andrés Gaos moi pouco coñecidas,
outras de Bal i Gay que localizamos en México e a
Banda Batallón de Ourense que tamén gravou no ano
1928, que foi a primeira banda de música que gravou
na Galiza con repertorio integramente galego.
Despois temos unha terceira liña desta colección que
de cor encarnada. Serán as rarezas, a música popular
e urbana que xa comezan a agromar tempranamente nas
cidades como proto-orquestras ou charangas que non
executan pezas tradicionais nin académicas. Son os
precedentes da música Pop. Inclúen outros
instrumentos e maneiras moi influenciados pola moda
americana e europea. Neste sentido presentaremos un
primeiro traballo dos Irmáns Moreiras que eran dunha
familia de Ponteceso que emigrou a Arxentina e alí
montou un conxunto de acordeóns que foi moi exitoso
durante uns trinta anos de actividade, gravaron
moitos discos e toda a colectividade galega lémbraos
por seren os animadores dos bailes.
Tamén temos en marcha outros proxectos como unha
liña de publicacións de texto, unha colección que se
chama Fotobiografías sonoras nas que seleccionamos
aos "letristas" fundamentais das cancións galegas
desde os anos 60. Xa publicamos un primeiro volume
dedicado a Manuel María e agora estamos a traballar
noutro que tratará de Celso Emilio Ferreiro.
Ademais está a piques de sair o Itinerario Histórico
de Pontevedra que pretende ser unha publicación
orientada cara ao turismo. Foi realizada por
profesionais do sector e vai acompañada dun disco.
Pretende ofrecer outra maneira de descubrir os
cascos históricos galegos a través da música. Hai
que ter en conta que a música está presente en todos
os períodos históricos, xa sexa dentro das igrexas,
nas prazas públicas ou mesmo nos cabarés. Ocupa
todos os ámbitos posibles da vida humana e nos pode
guiar a través da arquitectura, do urbanismo e a
historia de calquera vila.
Por último apostamos pola progresión da nosa música
fóra. En parte pola nosa supervivencia xa que o
mercado galego e case inexistente. Por iso chegamos
a convenios coas grandes distribuidoras mundiais a
través da rede. É unha oportunidade de difundir o
noso patrimonio e, ao mesmo tempo, conseguir que os
nosos músicos cobren os seus dereitos de autor. |