“A pesares do drama vivido, para algúns
o ‘exilio exterior’ foi incluso unha especie de sorte”

 



Anxo Porto Ucha

- Sr. Porto, este novo libro "Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo" segue, en parte, as mesmas pautas do anterior "Historias de Vida" : recoller testimonios en vivo e directo daquelas persoas, familiares ou amigos, que ainda lembran as atrocidades daquelas épocas. Por que este método de traballo?

Trátase, en boa parte, de dous libros distintos. Nunha entrevista que se me fixo en A PENEIRA, en 2003, anunciaba compromiso de continuar co estudo cuantitativo e individualizado dos mestres e mestras depurados, a nivel provincial. Había que volver aos Boletíns Oficiais, aos distintos Arquivos (Central do Ministerio de Educación e Xeral da Administración, en Alcalá de Henares; da Guerra Civil, en Salamanca; Intermedio da Rexión Militar do Noroeste e da Zona Marítima do Cantábrico (Ferrol), Histórico Universitario de Santiago, Histórico Provincial, da Deputación...). Unha das finalidades da miña investigación é elaborar a nómina das mestras e mestres da provincia de Pontevedra depurados naquel entón, coa construción dunha base de datos; ata agora vou polos 1.850, entre mestras e mestres "nacionais" (coa oposición aprobada), interinos, substitutos, alumnos-mestres do plano profesional, etc. Pero, dada a aceptación que tivo o libro anterior e o valor desta metodoloxía, decidimos incorporar novas "Historias de vida".

- Vde. prantexa no seu libro que existiron dous tipos de exilio: o interior e o exterior. Cal dos dous considera causou máis sufrimento? Por que?

- O exilio exterior está xa mais estudado. A pesares do drama vivido, para algúns foi incluso unha especie de sorte. Carmen de Zulueta apunta en Caminos de España y América (2004) que para ela o exilio non foi unha desgraza, senón unha sorte, "un golpe del destino que le permitió, sobre todo, aprender muchas cosas". Eu centro a miña atención no segundo tipo, "o exilio interior", a miúdo en relación co anterior. Os dous causaron gran sufrimento para os que o experimentaron. Pero o segundo tivo uns efectos ás veces máis perniciosos, entre eles a segregación social. Destácao moi ben Xosé Manuel Beiras no limiar desta publicación.

- Por que, entende vde., o réxime franquista se asañou tanto cos ensinantes?

- O castigo non foi soamente "punitivo", senón "preventivo". O sentido da depuración era destruír o labor escolar republicano, acabar co laicismo, coa coeducación, coa democratización da ensinanza e con toda innovación pedagóxica; é dicir, substituír un sistema educativo por outro. Morente Valero precisa en La Depuración del Magisterio Nacional (1997) que a depuración, ademais de castigar as condutas, serviu para axustar o perfil ideolóxico do profesorado á nova escola que se pretendía implantar. E, dalgún xeito, conseguírono. A involución foi total.

- ¿Cal sería a situación do ensino de España hoxe de non mediar esta atroz represión nos docentes?

- - Podemos dicir que en España a contemporaneidade en educación comezou en 1876, cando Francisco Giner de los Ríos e os seus amigos fundaron a Institución Libre de Enseñanza (a ILE). Soamente atendendo ao traballo que realizaron aqueles hormes e mulleres, pode entenderse a modernización que sacudiu a educación durante as tres primeiras décadas do século XX. É curioso que a ILE naceu e morreu produto de dous procesos depuradores: xurdiu como consecuencia das chamadas "cuestións universitarias" nos derradeiros tempos do período isabelino, e desapareceu coa represión franquista. ¿Cal sería a situación hoxe de non mediar esa atroz represión? O historiador non pode prever o futuro. Pero estou seguro de que, en aspectos como a finalidade educativa baseada na formación humana, o valor da moral, o concepto de escola pública como eixe de vertebración social, a escola comprensiva, a escola neutra, o papel dos pais e nais no ensino, atención aos idiomas, supresión de exames, xogo educativo, etc., etc., teríamos avanzado bastante. O proxecto emancipatorio que a pedagoxía da ILE encerraba, a liberdade, o laicismo, a educación entendida como un dereito irrenunciábel de todos, o respecto á conciencia do mestre e do neno... son valores, en definitiva, que é necesario continuar reclamando e defendendo.

 

Unha das finalidades da miña investigación é elaborar a nómina das mestras e mestres da provincia de Pontevedra depurados naquel entón...

O sentido da depuración era destruír o labor escolar republicano, acabar co laicismo, coa coeducación, coa democratización da ensinanza e con toda innovación pedagóxica

Anxo Serafín Porto Ucha, historiador