|
Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia
Guillermo Rodríguez
Logo de nove meses á fronte do novo Goberno galego,
quixemos manter unha conversa co presidente da Xunta
de Galicia, Emilio Pérez Touriño, para facer unha
breve valoración deste tempo e coñecer como quere
enfilar o futuro dende o despacho presidencial de
San Caetano. Isto foi o que deu de si a conversa.
-Logo de cáseque un ano á fronte da Xunta de Galicia,
¿que foi o que mudou e que aínda non se puido
cambiar respecto ao Goberno anterior?
- É evidente que cando un partido elabora un
programa electoral é porque hai moitas cousas que
pretende cambiar e mellorar, e a nosa aposta,
recollida no acordo que sustenta o pacto de Goberno,
inclúe medidas para poñer en marcha ao longo de toda
a lexislatura. Pero podo dicir que estou satisfeito
do levado a cabo ata o momento, porque penso que se
sentaron as bases do cambio da acción de goberno.
Fundamentalmente podemos destacar, neste sentido, o
marcado xiro social e polo emprego dos últimos
orzamentos xerais da Xunta para 2006. Por outra
banda, cabe destacar os proxectos de lei que serán
levados ao Parlamento este mesmo semestre para
garantir a transparencia en todos os procesos da
administración, como é o caso da adxudicación de
subvencións, a publicidade institucional en medios
de comunicación ou as propiedades dos altos cargos.
E o que máis me preocupa: creo que podo afirmar que
conseguimos poñer no centro da nosa atención os
problemas dos galegos; a sanidade, a educación e o
emprego son as prioridades do goberno que presido.
É evidente que o
Partido Socialista e o BNG se fundamentan en
ideoloxías diferentes, pero en ambos casos con
concepcións progresistas que fan posible unha
aposta común.
- Describa os eixos definitorios da nova acción de
goberno.
- Por enriba de todo, quero primar o seu carácter
social dende todos os puntos de vista. É dicir:
quero que o goberno sexa para a cidadanía e dende a
cidadanía. Así pois, por un lado son fundamentais as
medidas destinadas a cubrir as principais demandas
dos cidadáns, como posibilidades de emprego e acceso
aos servizos públicos en condicións reais de
igualdade, á marxe da situación económica, social ou
territorial de cada quen.
Do outro lado, están as medidas que tomamos para
garantir a transparencia no Goberno e que farán
posible que os cidadáns, saiban en todo momento o
que se está a facer dende a Xunta de Galicia, con
criterios de equidade e igualdade. Así pois, eu
destacaría esta aposta que fixemos, plasmada nos
orzamentos xerais da Xunta para 2006, nos que
adaptamos medidas para dar conta á cidadanía de a
onde vai cada partida. Tamén é moi importante a
iniciativa de publicar en Internet, a partir de
agora, as subvencións e convenios que asine o
Goberno galego. Agora os cidadáns saberán en todo
momento a onde van os cartos da Xunta, que son os
cartos de todos.
Por outra banda, e así o constatan tamén os novos
orzamentos, estamos a facer unha aposta firme pola
modernización de Galicia, porque só traballando
nesta dirección podemos conseguir incrementar a nosa
produtividade, o que nos permitirá ser competitivos
nun mercado globalizado que se vai especializando
progresivamente. Por iso imos facer un investimento
inédito na historia da nosa Comunidade Autónoma na
educación e na innovación.
- Das relacións cos seus socios de goberno, ¿cales
son as cuestións de fondo nas que lle resulta máis
difícil coincidir?
- A xestión diaria das competencias que lle
corresponden á Xunta de Galicia non supón problema
algún. Sempre hai unha posta en común das actuacións
que se van facer para a consecución dos obxectivos
que conxuntamente plantexamos no acordo que sustenta
este Goberno.
É
evidente que o Partido Socialista e o BNG se
fundamentan en ideoloxías diferentes, pero en ambos
casos con concepcións progresistas que fan posible
unha aposta común.
Iso é o que estamos facendo, tal e como nos
encomendaron os cidadáns a través das urnas. E
afirmo con satisfacción que somos capaces de
integrar un goberno único, cun único presidente.
- Unha posible diferencia de fondo no plantexamento
dun novo Estatuto, ¿que consecuencias podería
acarrexar ás relacións do bipartito?
- Dende o primeiro momento no que se empezou a
abordar a reforma estatutaria deixei ben claro que a
miña intención é que os grupos parlamentarios teñan
todo o protagonismo. O Parlamento é a indiscutible
tribuna na que se deben desenvolver os debates sobre
o Estatuto, porque é a institución que representa a
soberanía cidadá e o foro máis axeitado para acoller
as negociacións. Así pois, a miña intención é que o
debate estatutario se desenvolva polos cauces que se
ten que desenvolver. Os cidadáns galegos contan cun
goberno sólido e estable, que deberá seguir
cumprindo co seu deber con independencia das
diferencias de opinión dos distintos partidos. Temos
a obriga de saber diferenciar, e así traballaremos.
Teño o firme
convencemento de que pode ser posible recuperar
o espírito dos Pactos do Hostal que fixeron
posible o Estatuto que hoxe temos.
- Os medios falan de que se o señor Núñez Feijóo
terá as mans libres á hora de negociar o novo
Estatuto, pero ¿vostede non vai estar “pendente” do
que digan dende Madrid?
- O día en que tomei posesión como presidente da
Xunta comprometinme a traballar sempre no interese
do común dos galegos, á marxe das súas preferencias
políticas. A asunción dun cargo coma este implica
poñer por diante de todo o interese dos cidadáns, e
non o do partido.
- Dende a peneira apostamos pola defensa da lingua,
da cultura, da economía e dos costumes deste país.
¿Como vai apostar o PSdeG para que estes sinais de
identidade non esmorezan?
- Cada un dos puntos que acaba de mencionar están
recollidos no acordo de goberno asinado polos dous
partidos que conforman a nova Xunta. Todos eles
requiren dunha actuación transversal por parte do
Goberno autonómico que implique a todos os
departamentos. Queremos que a voz de Galicia sexa
oída en todos os planos. Isto significa ter en conta
o plano literal, o do uso do galego, e tamén o plano
figurado, o do noso peso en España e Europa á hora
de defender os nosos intereses.
Creo que nos dous ámbitos empezamos a traballar con
forza, e a nosa intención é seguir neste liña, por
suposto. Así, agora a Xunta ten unha Secretaría
Xeral de Política Lingüística que depende
directamente da Presidencia e que ten como obxectivo
fundamental a posta en marcha do Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega, que foi aprobado xa
en 2004 por unanimidade de todos os grupos
parlamentarios sen que o anterior goberno decidise
desenvolvelo. Neste sentido, impulsamos o uso da
nosa lingua autóctona en Bruxelas e iniciamos un
cambio na política exterior de Galicia que conduza á
nosa plena participación nos debates europeos e
mundiais nos que teñamos intereses.
Con respecto ao noso papel no conxunto de España,
dende o primeiro momento a nosa principal
preocupación foi impulsar, xa antes de que rematase
2005, o proceso de reforma estatutaria. Convencidos
de que se trata do mellor instrumento para avanzar
no autogoberno e evolucionar dentro da España plural
que foi posible gracias ao Estado das Autonomías,
temos as miras postas na consecución dun novo
Estatuto consensuado por todas as forzas políticas
galegas. Teño o firme convencemento de que pode ser
posible recuperar o espírito dos Pactos do Hostal
que fixeron posible o Estatuto que hoxe temos, e que
poderemos conxugar a defensa da nosa identidade
nacional co principio inexcusable de solidariedade
interterritorial.
O executivo galego
está comprometido con Vigo, queremos unha gran área
metropolitana do sur.
-
Paco Vázquez deixou a Alcaldía da Coruña; en Vigo
non houbo entendemento cos nacionalistas e os
populares fixéronse coa Alcaldía. ¿Como ve, para o
seu partido, estas dúas cidades clave para as
próximas eleccións?
- Polo que respecta á Coruña teño plena confianza en
que a cidadanía saberá ter en conta o inxente
traballo desenvolvido polo anterior alcalde e o
Grupo Municipal Socialista ata o momento.
É
ben certo que a figura de Francisco Vázquez ten un
gran carisma e, polo tanto, un tirón indiscutible.
Pero creo que os coruñeses son conscientes de que o
labor á fronte dun goberno municipal corresponde a
un equipo, que agora ten á fronte a Javier Losada e
que continuará traballando como a cidade herculina
merece.
Con respecto a Vigo, todos sabemos da complexa
situación política que vive esta cidade dende hai
anos. Vigo está chamada a ser o motor do crecemento
económico de Galicia do século XXI e tamén o eixo da
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Xunta de
Galicia está a facer unha clara aposta neste sentido
para que este afán se convirta nunha realidade. Non
obstante, e a falta de candidatos definidos para
esta Alcaldía, paréceme prematuro apuntar cal será o
destino da cidade olívica nas municipais de 2007.
- Área Metropolinata ou consorcio, ¿por cal aposta o
señor presidente? ¿Non teme que esta discusión lles
prexudique nas próximas eleccións municipais?
- O executivo galego está comprometido con Vigo,
queremos unha gran área metropolitana do sur, unha
gran área para Vigo, queremos máis e mellor área
metropolitana. A decisión da Consellería de
Presidencia de retirar a proposta inicial é unha
mostra de xenerosidade e de vontade política de
levar a cabo o proceso dende o consenso e o diálogo.
O fundamental é que hai unha vontade do Goberno de
apostar por Vigo e de atopar a mellor forma de
modelo territorial para a área viguesa. Esa é a
clave. O importante e que por parte do goberno
galego hai unha disposición clara de liderar un
proceso en diálogo, acordo e consenso cos ámbitos
locais da área Sur de Galicia sobre cal debe ser a
mellor formulación para crear esa gran área que o
sur precisa. |