“Queremos para a institución municipal unha xestión baseada no diálogo”


Néstor Rego, Tenente Alcalde e candidato do BNG á alcaldía

A asemblea do BNG avalou a lista de Nestor Rego, actual tenente alcalde do concello de Compostela, á alcaldía desta localidade. Rego ve así reforzada a súa postura no BNG logo de 25 anos de militancia: participou como representante do BNG na Comisión Constituínte do Bloque Nacionalista Galego no ano 82, foi responsable comarcal entre 1987 e 1990 e membro do Consello Nacional do BNG.. Entrou a formar parte da Corporación do Concello de Santiago en 1995. Un posto que agarda revalidar este ano como alcalde “cun equipo de goberno pensado para toda a lexislatura”. Contao en exclusica para A Peneira.

Antón Fernández/Compostela

- O BNG leva xa varias lexislaturas no goberno do Concello de Compostela. Que balance pode facer?
Un balance realmente positivo. Nestes oito anos que levamos no goberno municipal demostramos que non só somos capaces de gobernar e de xestionar con eficacia senón, tamén, de facelo de maneira diferente, con diálogo e promovendo a participación a partir dunha sensibilidade cara a cidadanía. Tivemos capacidade de desenvolver proxectos novidosos e políticas sociais que realmente inciden na calidade de vida da xente.

- Fálenos da área de Cultura. Continuáronse algúns proxectos e introducíronse outros. Destes últimos, de cal se sinte máis orgulloso?
Máis que de propostas concretas, eu falaría de que conseguimos poñer en práctica unha liña de política cultual diferente. Fomos máis alá da concepción anterior dunha programación cultural fundamentalmente sustentada en produtos traídos de fóra.

- Que valoración fai da experiencia de goberno deste "bipartito municipal"?
É unha experiencia globalmente positiva, con independencia de que como en calquera relación deste tipo poda haber "luces e sombras". Sobre todo porque ao BNG lle posibilitou traballar desde o goberno no desenvolvemento do seu programa en áreas importantes. Podemos facer referencia á área de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Mercados onde sentamos as bases do desenvolvemento económico da cidade na creación de empresas e polo tanto de postos de traballo. Podemos falar da área de Educación e Mocidade especificamente polo desenvolvemento dun programa de educación infantil que xa conseguiu que haxa dúas escolas municipais funcionando e outras tres en fase de construción ou desenvolvemento en colaboración coa Xunta e aínda outras dúas programadas. Tamén na área de Deportes onde se conseguiu un desenvolvemento importante.

- Preséntase de novo como candidato á alcaldía e a elección da lista electoral do BNG foi conflitiva. Que valoración fai deste proceso? Pode afectar ao BNG no electorado?
Eu máis ben diría que foi complicada. É bastante habitual na confección de listas. O importante nunha formación política non é que poida ter complicacións, ou incluso dificultades, senón que saiba resolvelas adecuadamente. Neste sentido o BNG deu unha lección ao resto das forzas políticas e ao conxunto da sociedade de como somos capaces de afrontar as dificultades e de como somos capaces de resolvelas. Fixémolo a través da decisión democrática do conxunto das afiliadas e afiliado. Nós queremos para a institución municipal unha xestión baseada no diálogo, a participación, a toma de decisións democrática e a transparencia. Creo que eses catro principios foron os que aplicamos en todo este proceso. Presentámonos diante da cidadanía demostrando que practicamos aquilo mesmo que predicamos. Contrasta con outras candidaturas ao concello de Santiago que teñen algún candidato non elixido polas bases senón designado a dedo polo presidente, ou mesmo unha candidatura que foi elixida por un reducido comité electoral nomeado polo propio candidato. Evidentemente, coido que son estilos totalmente diferentes de entender o funcionamento da sociedade e das forzas políticas. Por iso este proceso non debilita ao BNG, nin merma as súas expectativas, senón todo o contrario.

- Da lista escollida finalmente que elementos podería salientar?
O equipo de traballo está pensado para toda unha lexislatura. É coherente e coesionado que reúne os requisitos de capacidade, de dispoñibilidade, de eficacia e de ilusión de traballar por Compostela. Son persoas de probada solidez, solvencia, capacidade e demostrada dispoñibilidade ao proxecto político. Combina equilibradamente experiencia de xestión coa presenza de tres concelleiros que levan anos no goberno municipal con renovación a partir de persoas novas que teñen suficiente con ampla traxectoria. Apostamos pola presenza das mulleres mesmo sobrepasando a paridade no primeiro tramo da lista.

- Aínda que non se presentou o programa electoral do BNG, pode adiantarnos algo das liñas básicas de actuación do mesmo?
Priorizamos políticas sociais e que o fai sobre tres eixos fundamentais. O primeiro é a creación de postos de traballo, o desenvolvemento económico da cidade. Estamos convencidos de que é a principal política social. En segundo lugar, unha política de accesibilidade á vivenda. Expresámolo así porque moitas veces se fala de "política de vivenda" e o que queremos é o acceso de todas as persoas a unha vivenda. No caso de Compostela no PXOM hai previstas ata 12.000 vivendas protexidas que desde logo o BNG vai
priorizar. E en terceiro lugar está a universalización e a mellora de funcionamento de servizos públicos que poden conseguir, de maneira rápida e eficaz, garantir boas condicións de vida da cidadanía. Todo isto fronte a grandes obras que seguramente son moi vistosos e que, outras forzas políticas nos teñen acostumados a presentar a modo de escaparate no seu programa electoral. Poden ser interesantes pero hai que priorizar e o BNG ten moi claro cales son as necesidades da xente.

 

 

“O importante nunha formación política non é que poida ter complicacións senón que saiba resolvelas adecuadamente”