“Haberá que axudar aos medios que o fan todo en galego”


Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística

Diego Giráldez
Marisol López é a nova secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e, polo tanto, responsable de todo o que teña que ver coa defensa da nosa lingua. Unha muller sinxela e amable, coa que mantivemos unha conversa para tentar coñecer cales son os proxectos que o seu departamento está a argallar para cumprir co seu cometido. Cuestións económicas como os orzamentos ou as subvencións, ou cuestións de tinte máis político como as relativas ao uso do galego na vida cotiá, formaron parte desta conversa, que reproducimos de seguido.

- ¿En que situación atopou a Secretaría Xeral á súa chegada?
- Había cousas que se fixeron dun xeito aceptable, pero o que atopei foi bastante descoordinación e sobre todo unha Secretaría Xeral que se dedicou fundamentalmente á subvención. Obviamente hai cousas que se foron facendo e que son unha realidade, pero basicamente o problema foi ese, que se deron subvencións a todo o mundo sen ningunha planificación, sen coordinación e sen programación.

- ¿Que lle pareceu a partida orzamentaria para 2006 adicada á súa Secretaría?
- Xa dixen publicamente que non me parecía suficiente. Mantendo eso, sí quero matizar que eu cheguei á Secretaría e en oito días debía presentar xa unha proposta de orzamento, e practicamente non tiven tempo de facer unha proposta coordinada, ben pensada. E tampouco houbo tempo por parte de Economía para reflexionar sobre as miñas propostas. En canto aos orzamentos, sempre son mellorables e, ademais, sempre todos queremos máis, pero imos intentar aproveitalo para sacar adiante os proxectos que vexamos viables en 2006 e a partir de aí ver cales son os resultados, que creo que é o que non se fixo ata agora. Eu estou máis preocupada polo número de persoas que temos na Secretaría, creo que aí é onde falla máis e imos ter que resolvelo con apoio externo ou como sexa, pero para o ano que ven sí temos que mellorar.

- ¿Que parte do orzamento vai estar adicado aos medios en galego?
- Neste momento estou á espera dun acordo xeral do goberno para establecer unhas liñas para os acordos de apoio aos medios. Independentemente dos cartos que nós destinemos a esa partida, e aínda que non coñezo a proposta do goberno, o que sí está claro é que o criterio a empregar deberá de ser de apoio á lingua, e que haberá que axudar aos medios que o fan todo en galego, e para que os que non o fan intentar que se vaian incorporando.

- Véñense publicando datos sobre a diminución do emprego do galego pola cidadanía. De seren certos, ¿que proxectos ten a súa Secretaría para deter esta tendencia?
- Iso é algo que temos que ver cos datos reais para ver por onde podemos enfrontar eses proxectos. Os nosos proxectos terán que ir enfocados basicamente ás cidades. Os datos confirman esa tendencia á perda do uso, pero non de competencia, e estamos nunha situación na que temos que buscar mecanismos para lograr que esa persoa o fale. Nos informes de competencia dísenos que máis do 98% enténdeno e poden falalo, que o escriben e o len máis do 60%, etcétera. E son datos espléndidos. Agora, se o pode falar pero non o fala, teremos que estudar por onde podemos intervir, porque é cuestión de mostrar que é unha lingua útil.

- Na reforma do novo Estatuto ¿como pensa vostede que debe quedar reflectido o uso do galego?
-Ao meu modo de ver creo que todo o mundo debe ter a obriga de coñecelo.

- Acaban de ser publicadas as axudas en materia de promoción do galego para as entidades sen ánimo de lucro. ¿Vai haber un seguimento de que as que reciban axudas empreguen realmente a nosa lingua?
- Si, eso seguro. Falaba antes dos problemas de persoal e iso, obviamente, é importante: para poder facer un seguimento necesitamos xente. Pero a nosa intención é, evidentemente, a de facer ese seguimento, algo que, dalgún xeito, xa reflectimos na propia orde. Iso é o que queremos e esa é a nosa intención. Somos conscientes de que este ano as normas van modificadas, e de que neste ano non podemos cambiar todo porque non temos literalmente tempo, pero o que sí queremos é realizar un maior control, iso para nós é fundamental.

- A ese respecto, houbo algunhas voces que cualificaron de continuistas estas axudas. ¿Cal é a súa opinión?
- Insisto no que dixen antes. Eu no mes que vén teño que presentar no Parlamento o que vai ser a programación, mesmo con orzamento, do ano que vén. Hai determinadas liñas de actuación nas que imos ter todo o ano para ver os resultados que conseguimos, pero co tema das ordes tiñamos dúas posibilidades: unha  sería non sacalas, pero entón habería que mirar como as substituímos para apoiar a esas entidades que están facendo cousas en galego e polo galego e non había tempo real para pensalo, e a outra sería modificar as ordes que xa había, que foi o que fixemos. Se non o facemos así, e tendo en conta que o que é a tramitación dunha orde supón a lo menos tres ou catro meses, o atraso levarianos cáseque ao mes de xullo, e non quedaría tempo para axudar a esas entidades. Polo tanto optamos por modificar a orde existente e por intentar un control maior do que se solicita. Eu creo que nese aspecto non somos continuistas. Tamén hai que ter en conta que cando chegamos, non podemos darlle a volta a todo. Haberá cousas ás que non haxa que darlle a volta..