|
María Dolores Rodríguez, Presidenta do Consello da
Xuventude
Texto: Antón
Fernández Escuredo
Foto: Miguel Penas
-Que
función ten o Consello da Xuventude?
-O seu obxectivo fundamental é representar á xente
moza diante da administración autonómica, sobre todo
á xente moza que está asociada. Estamos formados por
entidades xuvenís de ámbito autonómico, creadas por
lei.Tamén temos actividades propias que podan ser de
interese da mocidade en todos os ámbitos imaxinables,
comezando pola saúde, igualdade, de xénero, medio
ambiente, novas tecnoloxías, comunicación,
intercambio con outros países da Unión Europea.
-Hai a idea na sociedade de que a xuventude non
está moi implicada en proxectos asociativos, que
simplemente está como consumidora...
Eu creo que a visión que ten a sociedade da
xuventude é tremendamente negativa, que os medios de
comunicación axudan moito a estender esta visión
negativa. Estou xeneralizando, non todos os medios
son iguais. Só saímos nos medios por noticias
negativas, eu sempre digo que somo noticias polos
botellóns que se fixeron en toda España pero non
fomos portada, por ser mozos, cando limpamos o
chapapote do Prestige. Fomos portada igual que foi
moita outra xente.
-O problema máis importante da xuventude na
Galiza é o traballo. Que facedes ao respecto?
É un tema moi complexo, ao cal desde o Consello da
Xuventude non lle podemos dar unha solución. Son os
poderes públicos e as administracións os que teñen a
capacidade de executar políticas para que non haxa
emigración. Nós o que facemos é apuntar posíbeis
solucións, mais alá diso pouco podemos facer. Si que
é certo que comezamos a introducir, desde hai dous
anos, a filosofía emprendedora.
-Na renovación dos cargos do Consello houbo certa
polémica pola presenza de entidades
preconstitucionais...
-Fíxose dunha situación de normalidade algo que
parece que non é tan normal. O Consello da Xuventude
de Galicia está formado por todas as asociacións de
caracter autonómico e xuvenil que cumpren unha serie
de requisitos. Neste senso todos os que forman parte
do Consello cumpren estes requisito porque senón non
estarían. Non só os que marca a nosa propia lei,
senón os que marca a Constitución e as leis xerais.
Entón dicir que hai asociacións preconstitucionais
dentro do Consello da Xuventude de Galicoa paréceme
que é ter un descoñecemento absoluto da realidade.
En concreto isto se dicía pola OJE (Organización
Juvenil Española), que si que é certo que ten unha
memoria dun determinado tempo que se asocia ao
franquismo, foi a organización xuvenil do franquismo
e iso eles tampouco o esconden porque é a súa
historia. A OJE para nada é unha organización
preconstitucional, é unha organización xuvenil que
traballa con xente moza en Galicia e paréceme que
iso é tan respectable como poda ser calquera outra
organización do Consello da Xuventude. E por iso
forman parte do Comité Permanente.
Con respecto á composición do Comité Permanente,
pois hai moitas organizacións xuvenís, de diferentes
ideoloxías, que traballan en ámbitos diferentes, e
iso é a pluralidade. Ou ao menos así a entendo eu.
Hai organizacións de tempo libre, de estudantes,
organizacións relixiosas, organizacións
políticas,... entón creo que é unha permanente
plural. Isto non é un parlamento, non hai tres
partidos políticos no seo do Consello da Xuventude
de Galiza. Non creo en absoluto nas críticas que se
verteron contra nós. |