|
Manolo Diaz, Comandante en Sierra Maestra
No seu corpo
aínda se agochan as feridas dunha guerra na que se
involucrou por uns motivos que responden a abusos
laborais e prepotencia das clases ricas. Manolo Diaz
loitou en Sierra Maestra, Cuba, xunto aos seus
irmáns, José e Faustino o Che Fidel Castro.
Amparo Rodríguez Ojea
-Con dezasete anos parte para Cuba e pouco tempo
despois vese combatendo contra a dictadura de
Batista, ¿como e por que se alista?
- A revolución faise cando hai condicións
revolucionarias que poden ser subxectivas ou
obxectivas. No 52 Batista da un golpe de estado
establecendo unha tiranía moi criminal. Fun á Serra
Maestra básicamente porque me decatei de que non
podía seguir vivindo con tanto abuso laboral.
Traballaba nunha cristalería dun leonés que me
pagaba 30 pesos ao mes e me descontaba 5 por temas
de seguridade laboral. Nunha ocasión tiven unha
lesión e non me consentíu quedar de baixa así que me
cambiei para unha vaquería. Alí diante miña
despediron a un pai de familia que eu ía substituir
e obrigáronme a asinar un contrato, xamais vira un
contrato, no que renunciaba a calquera tipo de
indemnización por despido. Logo fun para a casa dun
arcebispo e vín como algún crego se quedaba a esmola
dos pobres, así que lle dixen que me ía a Sierra
Maestra.
-E como reaccionou?
-Díxome que me denunciaba e logo preguntoume que
era o que eu defendía e con que medios?. Tiven que
enganalo para poder irme sen máis.
-Naceu
en Pobra de Brollón, Lugo...
-Sí, un dos pobos máis fermosos de Lugo pero
hoxe non vive case ninguén e tan só quedan algúns
maiores que xogan ao tute.
-Foi membro do primeiro Comite Central do Partido
Comunista de Cuba. Na actualidade xunto a Faustino é
militante do P.C.C. e directivo da Sociedade
Artística Galega da Habana. Que quedou polo camiño?
-Un irmán, José, e moitos amigos pero a vida
segue e hai que vivila con alegría.
-A súa historia é a dun rapaz que se arma e mata
para loitar contra unha dictadura, que conciencia
deixa matar?
-Dispararlle a unha persoa que nin coñeces é
terrible pero é máis terrible perder a vida e deixar
que che disparen. A guerra semella irracional pero
tes que pensar que ou deixas os ósos na serra ou
loitas e te defendes.
A guerra é sempre unha carga emocional que non só se
descarga con tiros.
-Cre que haberá unha evolución despois de Fidel?
-Sí, claro, pero non porque xa non estea Fidel.
Os norteamericanos adoitan dicir que cando morra
Fidel haberá un gran cambio pero, insisto, non
porque morra Fidel. Simplemente por evolución
histórica.
-Cal é a solución aos problemas actuais de Cuba?
-A solución é que nos quiten o bloqueo
económico, político e financieiro. Non podemos
vender nada. Por exemplo, somos a segunda potencia
en producción de niquel. Calquera produto que teña
niquel cubano EEUU non o merca. Eles dirixen o banco
mundial e panoamericano e estamos vetados. Todo é de
manufactura norteamericana e non podemos mercar os
recambios. Eles chámano embargo pero é un bloqueo
que non permite nin a compra nin a venda. O pobo
norteamericano é un dos pobos máis capaces, mais eu
estou contra a política deste goberno e doutros
satélites que teñen arredor.
-Como sería a revolución hoxe, pacífica ou violenta?
-Polas urnas a xente que ten non da. Ogallá
poidera ser pacífica pero os que teñen a terra non a
dan aos que non a teñen aínda que así o diga unha
lei.
-Como lembra a figura do Che agora que se lembra o
40 aniversario do seu asesinato?
-Unha persoa temeraria, bo xefe, bo compañeiro,
bo revolucionario e moi bo soldado.
|