‘Unha sociedade democrática debería ser moito máis participativa’

Xurde unha nova entidade cultural e é unha boa nova para o país. Chámase Almuíña en lembranza daquela praia que existía onde hoxe está o porto e a alameda de Marín. Polo de agora contan con algo máis de 30 persoas asociadas pero moitas ganas de traballar. Agra coméntanos as inquedanzas e arelas que teñen por diante a partir do día de hoxe.



Jurjo Agra do Paço

-Porque unha asociación?

-Por necesidade. En Marín facía falta. Foi a idea dun pequeno grupo de persoas que despois transmitimos á sociedade a través dunha asamblea convocada nos medios de comunicación. Sorprendeunos porque asistiron máis de 30 persoas.

-Trataredes temas variados. Entre eles a promoción da lingua e a cultura galega...

-É o máis importante. Partimos dunha diversidade xa que traballamos coas dúas normativas. Pretendemos aglutinar neste sentido. Pensamos que o importante é o uso da lingua. Se non se fala tampouco se vai a escribir de ningunha das maneiras. Temos un verdadeiro equilibrio neste sentido na asamblea.

-Tamén falades de procurar a igualdade plena de todas as persoas con independencia de xénero, orientación sexual e nacionalidade...

-Si, entramos tamén en temas sociais. Aínda hai moitas cousas que facer no tema da muller, da inmigración, a homosexualidade. Poderiamos resumilo co respecto á igualdade entre as persoas. Pretendemos que non se discrimine a ninguén polo feito de ser inmigrante, ser muller, ... todos temos que ter os mesmos dereitos. Pensamos que é importante traballar este tema sobretodo nas vilas onde se está máis pechado a esta idea.

-Igualdade entre pobos...

-Consideramos que un dos principios básicos que ten que haber no mundo é o respecto entre persoas pero tamén entre pobos. Máis alá dos estados os pobos son entidades que hai que respectar. Moitas veces o que se tenta é esmagar a diferenza. Nós defendemos a nosa identidade da que estamos orgullosos e que reivindicamos.

-Protección do medio ambiente...

-Había bastante xente interesada neste tema xa que temos o problema de ENCE aquí na ría. Teríamos que poñerlle freo porque o planeta non da. Estamos asistindo á primacía dos intereses privados de certos grupos, por exemplo en todo litoral galego. Constrúense grandes complexos turísticos, portos deportivos que nos afectan bastante.

-Todo isto enmarcado nunha perspectiva de país...

-Si. Somos galegos e estamos orgullosos diso.

-Que papel xogarían as institucións? Todas teñen departamentos dedicados a estes temas...

-É certo. O que pasa é que nós pensamos que a sociedade non ten que deixar en mans das institucións a responsabilidade de solucionar os nosos problemas. Teñen moitos recursos, moitos máis medios e polo tanto máis facilidade para facer máis pero desde a base, desde a propia sociedade temos que colaborar. Unha sociedade democrática debería ser moito máis participativa.

-Hai certa idea de que a sociedade actual é moi individualista e polo tanto que as asociacións van á baixa. Que opinas?

-No mundo en que vivimos o sistema favorece actitudes individualistas e de pouco traballo en común e sobretodo voluntario. Pero tamén coido que na Galiza estamos asistindo a unha especie de activismo en moitos sentidos. Un deles é o cultural. Queremos rachar esa tendencia e dentro das nosas posibilidades tratatremos de construir este proxecto colectivo.

-Algunha actividade prevista?

-Celebraremos unha charla sobre o tema da Día da Muller traballadora para o día 27 de marzo.


Pretendemos que non se discrimine a ninguén polo feito de ser inmigrante, ser muller, ... todos temos que ter os mesmos dereitos.

No mundo en que vivimos o sistema favorece actitudes individualistas e de pouco traballo en común e sobretodo voluntario.

Jurjo Agra do Paço, coordinador da A.C. Almuíña de Marín