"O cambio que estamos a pedir, estámosllo a pedir aos homes"

Arxentino, fillo e neto de galegas. O profesor Corsi, especialista en Psicoloxía do Xénero Masculino e Violencia Masculina, estivo en Compostela para ofrecer a conferencia inaugural do 1º Congreso Internacional sobre a Violencia de Xénero. A súa ponencia "Aspectos visibilizados e invisibilizados da violencia de xénero" abre camiños cara a solución dunha enfermidade social, e convídanos a non quedar na superficie, no evidente do problema



Jorge Corsi

-De que falamos cando falamos de violencia de xénero?

-Cando falamos de violencia de xénero non estamos a falar de discusións nin de disputas, nin de pelexas. Moitas veces, intentase confundir estes termos para diluir o problema. É un proceso moito máis complicado que ten que ver co dominio, co control que se exerce dunha persoa cara outra cando se intenta entender á muller como unha posesión, como alguén da posesión do varón; e o varón exerce, para manter esa posesión, unha serie de conductas que a someten e a manteñen baixo control. O importante é que cando se fale de violencia de xénero non só pensemos nos efectos que son os que presentan as mulleres que atravesaron por eses problemas, se non que tamén dediquemos un tempo de reflexión á responsabilidade de quen exerce esta violencia e que nos preguntemos porque exercen esa violencia; e, aí é, cando nos atopamos coa búsqueda de respostas que nos conduzan a preguntarnos como se constrúe na nosa sociedade ao xénero masculino. Como se lle habilita ou se lle dá permiso para o exercicio do dominio, e como as mulleres son percibidas, na nosa cultura, como obxecto de dominio. Se isto logra revertirse, e lógrase que haxa un cambio na concepción acerca do poder masculino, iso sería o único que podería modificar a situación de violencia na nosa cultura.

-Que poden facer as mulleres para que esta situación mude? Cal é a responsabilidade feminina nesta situación?

-Non se trata de que as mulleres adopten os modos abusivos de uso do poder que caracterizaron o masculino durante tantos séculos. Trátase de que os homes sexan os que cambien os seus modos de vinculación, os seus modos de relación para adoptar modos igualitarios de vinculación. Polo que, o cambio que estamos a pedir, estámosllo a pedir aos homes, basicamente.

-As situacións individuais non son patolóxicas, non son enfermidades, pero as situacións grupais si. Cal sería a vacina que teriamos que empregar para comezar a atoparlle solución a esta enfermidade social?

-A vacina principal pasa pola educación, por estructuras educativas diferentes, e cando falo de estructuras educativas diferentes non me refiro soamente á educación formal, a que se imparte nas escolas. Refirome á que se imparte dende o momento mesmo que unha persoa nace a través de todos os medios de socialización: da familia, dos medios de comunicación, etc. que comecen a rachar con eses estereotipos masculinos e femininos cos cales nos estivemos formando durante tantas xeracións. Hai que rachar con eses estereotipos, e hai que lograr que os homes podan ser máis sensibles, que os homes podan ser máis empáticos, que os homes podan expresar os seus sentimentos con máis naturalidade, que se lles permita a expresión dos seus sentimentos, e que polo tanto, sexan menos machos e máis humanos.

O importante é que cando se fale de violencia de xénero non só pensemos nos efectos que son os que presentan as mulleres que atravesaron por eses problemas, se non que tamén dediquemos un tempo de reflexión á responsabilidade de quen exerce esta violencia

A vacina principal pasa pola educación, por estructuras educativas diferentes

Jorge Corsi, psicólogo