‘‘Deberiamos ter empresas fortes en clave galega’’
A Asemblea Xeral do Clúster do Produto Gráfico e do Libro, contituida por unhas 60 empresas do sector, escolleu o 25 de xuño nas instalacións da A.E.T. en Compostela a súa primeira xunta directiva definitiva. O cargo de presidente foi para Jacobo Bermejo de Tórculo Artes Gráficas. Nesta primeira entrevista concedida a un medio de comunicación amosa as inquedanzas e preocupacións do Clúster en acadar un proxecto de futuro esperanzador para o sector en Galiza. .

Jacobo Bermejo
-Cal é a principal razón da creación deste Clúster?
A principal razón é a inquedanza, a preocupación que temos as diferentes empresas que conforman estes sectores: publicistas, impresores e editores. Ter unha competitividade cada vez maior para sobrevivir nun mercado cada vez máis global. Que os nosos negocios sexan cada vez máis rentables para darlle unha viabilidade nun futuro. Temos que ser cada vez máis competitivos e de ir tecendo unha redefinición dos sectores desde un punto de vista de país. Aqui, en moitas ocasións, as concentracións empresariais fanse coa compra das empresas galegas por outras. Nós entendemos que á metade do proxecto teríanse que formar novos grupos empresariais e novas iniciativas. Deberiamos ter empresas fortes en clave galega.
-Nos últimos anos xurdiron en Galiza varios proxectos empresariais asociativos. A que se debe?
-Supoño que cada un dos sectores ten a súa lectura. Non é o mesmo a situación que teña o sector do automóvil que a que teña outro. Hai un feito evidente, polo menos no noso caso, de que existe un minifundismo empresarial. Cara unha maior competitividade os Clúster son elementos facilitadores da cooperación empresarial. Nese sentido parécenos moi importante fomentar este tipo de asociacións.
-Que proxectos inmediatos afronta o Clúster despois da celebración desta primeira asamblea?
Temos proxectos en cada un dos catro eixes principais: formación, innovación, competitividade e internacionalización. No eixe da formación estamos a falar dun curso superior para profesionais do noso sector; nos temas de innovación estamos a facer un estudo de necesidades das empresas con vistas á creación dunha plataforma tecnolóxica. os primeiros pasos que teriamos que dar sería detectar, dentro destes eixes, cales son os elementos polos que comezar a traballar.
-O Clúster mantivo reunións con varios departamentos da Xunta. Cal foi a resposta a este nivel institucional?
En xeral con bastante entusiamo. Agora temos que ver como se traduce nos proxectos que presentemos. Contamos tamén co apoio verbal de varias entidades financeiras do país.
-Son todos os que están pero non están todos os que son. Agardan que se incorporen novas empresas ao Clúster despois de terse constituído?
É posible. Hai algunhas empresas que faltan e outras caerán. Para nós o noso número está entre 50 e 60 empresas. Neste momento estamos en 60. Eu estou satisfeito co número de empresas coas que contamos. Coido que hai algúns sectores mellor representados que outros. Podemos dicir que está un pouco flouxo no eido da publicidade e está por concretar, aínda, no da edición. No gráfico si podo dicir que están todos os que deberían estar. É un Clúster bastante representativo do sector.
Temos que ser cada vez máis competitivos e de ir tecendo unha redefinición dos sectores desde un punto de vista de país’
Para nós o noso número está entre 50 e 60 empresas. Neste momento estamos en 60. Eu estou satisfeito co número de empresas coas que contamos. Coido que hai algúns sectores mellor representados que outros. Podemos dicir que está un pouco flouxo no eido da publicidade e está por concretar, aínda, no da edición. No gráfico si podo dicir que están todos os que deberían estar.
Jacobo Bermejo, Presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego