|
Isabel Diz e Marta Lois, politólogas
Kate Schlegel/Compostela
As profesoras Marta Lois González e Isabel Diz Otero
(Facultade de Ciencias Políticas e da Administración,
da USC) fundaron, con Ramón Bouzas Lorenzo (USC) e
Xosé Mahou (Universidade de Vigo), o Equipo de
Investigación Muller e Política. O grupo lanzou con
este proxecto un estudo sobre a presenza política
das mulleres nas distintas comunidades autónomas,
centrándose no papel das mulleres na toma de
decisións políticas nos gobernos, parlamentos e
administracións autonómicos. Celebrarán este 8, 9 e
10 de marzo as súas segundas Xornadas. Aquí
comparten as súas experiencias coa investigación e
perspectivas sobre as relacións mulleres-política.
-
¿Como xurdiu o Equipo de Investigación Muller e
Política?
- Marta Lois: Xurdiu ao redor de tres anos atrás,
cando investigadoras e investigadores de diferentes
ámbitos dentro da ciencia política coincidiron nun
interese común, que era facer unha proposta de
investigación onde a perspectiva de xénero fose
central. Entón presentamos un proxecto ao Instituto
de la Mujer e ao Ministerio de Educación y Ciencia,
co que conseguimos unha importante financiación que
nos permitiu abrir ese camiño para prantexar as
nosas preguntas sobre o impacto das mulleres e poñer
en marcha os nosos estudios sobre muller e política.
- Isabel Diz: Realmente eramos profesores e
profesoras que cada un investigaba noutra área da
ciencia política: uns estabamos máis centrados en
parlamentos e elites políticas, outros en políticas
públicas, e Marta por exemplo na teoría normativa, e
o único que queríamos era abrir un debate entre
estas distintas areas no tema de xénero en concreto.
- ¿En que proxectos de investigación estanse
centrando agora?
- Diz: Fundamentalmente estamos centrando a análise
na presencia política das mulleres nas institucións
autonómicas. En principio son sete ou oito
comunidades autónomas, e estamos analizando, por
unha banda, a presenza das mulleres nos gobernos, e
a presenza das mulleres en parlamentos; e despois,
as elites administrativas, os cargos de designación
política e a muller nos partidos. Trátase non tanto
de contar cántas mulleres hai, aínda que cremos que
iso é importante, senón do impacto destas mulleres á
hora de desenvolver tanto o seu rol político coma
mulleres como o impacto tamén nas políticas públicas
que se están a levar a cabo.
- ¿Estanse dedicando fondos á investigación sobre as
relaciones entre as mulleres e a política?
- Lois: Eu penso que nos últimos anos houbo unha
vontade política de destinar fondos e axudas, tanto
no ámbito europeo como dentro do estado español, a
estudos sobre mulleres, no ámbito da política e
noutros ámbitos. Neste sentido temos que dicir
efectivamente que estamos atravesando unha etapa
satisfactoria e interesante; aínda que ás veces os
recursos só non nos chegan para levar a cabo unha
investigación, porque tamén necesitas que os propios
actores políticos colaboren nestes temas que en
ocasións, tanto dende dentro das institucións como
na opinión pública, parecen temas menores. Entón ás
veces a batalla non está tanto nos recursos, senón
en convencer aos representantes das institucións
políticas e xerar unha mensaxe no ámbito da opinión
pública de que é necesario tamén contar coa
colaboración e cos datos que se nos poden
proporcionar dende as propias institucións e dende
os propios actores políticos.
- ¿Notaron algún cambio cualitativo no seu traballo
coas institucións despois do cambio de goberno en
Galicia?
- Lois: Nós pensamos que é evidente o cambio de
escenario, a vontade que se está producindo de levar
a cabo un goberno paritario e unha presencia máis
igualitaria de mulleres e de homes no ámbito da
política. Nese sentido xa é positivo. Quizais aparte
dese primeiro punto de partida necesitaremos un
pouco máis de tempo para ver o impacto deses cambios
de escenario, eses logros en materia de paridade
política. Habería que ver se detrás, digamos na "trastenda"
das consellerías, tamén se traducen en igual
representación de homes e mulleres nas diferentes
secretarías xerais, direccións xerais, etc. Aparte
desa análise máis cuantitativa, creo que é o momento
para empezar a analizar e a ver qué propostas de
medidas, de recursos, de cambios, vai propor este
novo goberno.
-
Fai varios anos que esas políticas de paridade de
xénero están no debate público e nas institucións.
¿Este tema segue ocupando un lugar central na
polémica sobre as relacións mulleres-política?
- Lois: Por suposto que si, este tema da paridade é
un tema que é relativamente recente dentro do que é
a axenda política: os movementos de mulleres
iniciaron nos anos oitenta un debate e unha presión
importante sobre os partidos e as institucións para
que as mulleres acadasen a igualdade de
oportunidades. Os cambios producidos nos últimos dez
anos son moi notorios, e iso ten que ver
precisamente coa aplicación desas medidas, ou como
poderíamos dicir pola utilización das cotas: tanto
das cotas formais dentro do que son os propios
partidos e as institucións, como as que tamén
podemos denominar cotas tácitas ou informais, que
por intereses de campaña e loxicamente de acadar
votos, partidos que non as defenden no fondo tamén
as utilizan tacitamente. Quizais o que sería
interesante prantexar máis alá da reivindicación
cuantitativa das mulleres na política é se soamente
coa presencia igualitaria de mulleres en política
emerxen claramente os intereses das mulleres, as
preferencias das mulleres. Penso que é unha pregunta
complexa que esixe un debate amplo, porque aparte de
que efectivamente para que a axenda política cambie
se necesitan un gran número de mulleres na política,
por iso a necesidade das cuotas, tamén é certo que
as mulleres como un todo non garantizan
automaticamente unha reivindicación de intereses ou
de preferencias para as mulleres. Penso que os
cambios non se producen soamente a nivel simbólico,
senón que se están producindo cambios no contido das
axendas pola mera presencia das mulleres; pero se
esas mulleres teñen a maiores unha conciencia clara
en termos dunha orientación máis feminista, eses
cambios son máis sustantivos. Entón, a disxuntiva
non estaría en cantidade ou calidade, senón
cantidade e ao mesmo tempo unha maduración dentro do
conxunto total dos cidadáns e das cidadás para
profundizar nos intereses e nas necesidades das
mulleres para garantizar a igualdade, ou a igualdade
de oportunidades.
“Moitas veces nin os propios alumnos nin a
sociedade en xeral
coñece as cousas que estamos facendo”
- ¿Estas son as súas segundas Xornadas. A que
esperan contribuir con este encontro sobre as
mulleres e a política?
- Isabel Diz: Sempre é o caracter divulgativo.
Normalmente os académicos estamos pechados nos nosos
despachos facendo investigacións, e esas
investigacións as coñecen outros académicos a través
de congresos e de artigos científicos. Pero moitas
veces nin os propios alumnos nin a sociedade en
xeral coñece as cousas que estamos facendo. Sempre
que organizamos unhas xornadas é para que os alumnos
e as alumnas da Facultade de Ciencias Políticas e o
público en xeral coñezan o que se está facendo no
eido da investigación de muller e política.
- ¿Por que elixiron o tema das políticas de
igualdade como enfoque das Xornadas deste ano?
- Diz: Fundamentalmente trátase de divulgar o que
xa se sabe: este é o eido onde máis se ten avanzado
na ciencia política actual. Sábese algo sobre a
presenza numérica das mulleres en política, e sábese
algo tamén sobre como están influindo esas mulleres
en política; pero sobre o que máis se ten
investigado é sobre as medidas que se están tomando
desde os estados e desde as institucións autonómicas
e locais de cara a corrixir as desigualdades da
sociedade. Veñen as principais estudiosas, e tanto
nos temas das políticas públicas como de
institucións de igualdade é xente que leva xa moitos
anos e ten producido investigacións moi importantes
sobre o tema. |