'A este ritmo á humanidade quédanlle poucos anos de existencia'
Sufriu cadea e persecución polas súas ideas e loitou contra a invasión dos Estados Unidos no seu país en 1965. Este político e ensaísta dominicano comparte estes días na Galiza, convidado por 'Primeira Linha', as súas experiencias de revolucionario.

Narciso Isa Conde
Voste de forma parte dos Círculos Camañistas da República Dominicana. De onde ven o nome?
De Caamaño que tiña ascendentes galegos. Foi o coronel que cuestionou discretamente primeiro o golpe militar contra Juan Bosch, o primeiro goberno democrático post-tiranía e unha figura literaria, coa consecuencia de ter que exiliarse. Daquela anulouse a Constitución democrática de contido máis adiantado de toda a historia republicana. Caamaño rebelouse contra as forzas armadas. Fixo un contragolpe democrático xunto a Rafeal Fernández Dominguez no denominado movemento militar constitucionalista. Militares e pobo únense cando Estados Unidos envia tropas. Caamaño é o noso Sandino ou o noso Bolívar. Nos últimos anos da súa vida abrazou o socialismo.
Seguen vixentes os principios fundacionais do marxismo?
Si, cada vez máis. O único que podería levalo ao arquivo da historia sería que o capitalismo poidera eliminar as causas que deron orixe ao pensamento socialista. Hoxe hai sobreexplotación. O capitalismo tornouse máis brutal e destrutivo. A humanidade está condenada non só ao empobrecemento dos seres humanos senón á destrución do seu entorno natural. A este ritmo á humanidade quédanlle poucos anos de existencia. Este socialismo tamén evoluciona do mesmo xeito que o capitalismo de Marx non é o mesmo que o imperalismo de Lenin, nin tampouco o capitalismo dos paises centrais é o mesmo que o dos países dependentes. O propio Marx dicía "eu so sei que non son marxista" querendo dicir que o seu portentoso pensamento non estaba pechado. Houbo neste tempo unha loita entre o marxismo creador e outro determinista e dogmático que é o que tratamos nós de superar posto que lle fixo moito dano ao movemento revolucionario.
O futuro da revolución está hoxe en América Latina?
América latina colocouse á vangarda das loitas contra o neoliberalismo que é a variante do capitalismo actual. Os modelos neoliberais resultados da estratexia de globalización. A pesar do crecemento económico América Latina ten o record no tocante á desigualdade social. Tamén hai un elemento cultural recuperado do que foron os próceres da primeira independencia deses países xunto aos novos niveis de opresión e marxinación que deu lugar a unha resistencia. Mesmo catapultaron a movementos como o indíxena.
Pode extenderse a outras zonas?
O caso latinoamericano está a chamar a atención en moitas partes do mundo. Ten valor mesmo para os pobos oprimidos no mesmo centro capitalista. É o caso de España onde pobos como o galego foron marxinados, oprimidos e subordinados ao Estado español por intereses do gran capital.
E os Estados Unidos?
É un imperialismo altamente consumidor ao tempo que deficitario que saiu fortalecido da bipolariedade en termos militares. Emprega a súa forza militar como factor para a súa política de conquista de territorios e recursos. O feito de que nas eleccións latinoamericanas gañen os movementos que os USA non prefiren indica que os pobos van por outro lado.
Hoxe hai sobreexplotación. O capitalismo tornouse máis brutal e destrutivo.
América latina colocouse á vangarda das loitas contra o neoliberalismo que é a variante do capitalismo actual.
Narciso Isa Conde, ensaísta