|
Iria Aboi Ferradás, Secretaria Xeral de Galiza Nova
O pasado 31 de
Marzo e 1 de Abril celebrouse na faculdade de
Psicoloxía en Santiago de Compostela a X Asemblea
Nacional de Galiza Nova onde se escolleu unha nova
dirección nacional e un novo secretario xeral. Iria
Aboi Ferradás (Marín, 1982) foi a eleita para
comandar a organización xuvenil nacionalista. Na
asemblea concorreron dúas listas que reflectian dúas
sensibilidades dentro de Galiza Nova. A lista
apoiada por Isca! e Esquerda Nacionalista,
encabezada por Macías López Igrexas, foi a derrotada
frente á lista apoiada pola Unión da Mocidade Galega
(UMG). O resultado final foi de 177 votos para a
lista de Iria frente aos 111 da lista de Macías. A
Peneira estivo ali e falou con ambos protagonistas.
Miguel Penas/ Antón F. Escuredo
-
Fáganos unha valoración de como foi a Asemblea?
- O noso obxectivo era ter unha Asemblea Nacional
moi participativa que se recollera toda a inquetude
dos militantes e de como tiñan eles vivido a
experiencia de Galiza Nova, así como recoller todo
tipo de análise sobre o papel que ten que desempeñar
a nosa organización neste novo proceso político,
unha vez que se produce tamén un cambio no goberno
da Xunta de Galiza e que temos que enfrontar o reto
das eleccións municipais. Para nós esta Asemblea
Nacional foi un punto de inflexión para tentar
abordar este tipo de problemáticas, nunha
organización que sempre se caracterizou pola súa
concreción nos problemas da mocidade, das análises
concretas, das respostas concretas, e en tentar que
se verificaran na súa concreción.
- Sobre a participación?
- Moi positiva. Foi unha asemblea moi numerosa e
cunha participación de moita militancia nos debates.
- Houbo máis debate que noutras asambleas? Hai
quen fala de certa división interna...
- Eu agardo que logo dun proceso de debate tan
pormenorizado, tan longo e onde se puido expresasr
calquera militante con liberdade sobre os pareceres
da organización e sobre como está evolucionando a
organización entendendo o debate como un debate
constructivo. Eu creo que Galiza Nova empeza unha
nova andaina tentando unir a toda a militancia,
entendendo que o pluralismo é un feito conxuntural a
Galiza Nova e que a posibilidade de ter diferentes
interpretacións de como chegar á mocidade pois é
lexítimo nunha organización tan rica e tan viva como
a nosa.
Desde o momento en que hai unha dirección que tamén
é reflexo desa pluralidade pois tamén os organismos
de dirección van a tentar facer o mandato da próxima
Asemblea Nacional
- Qué obxectivos hai para este período que comeza
agora?
- En primeiro lugar normalizar a vida interna da
organización, que o feito de facer crítica e
autocrítica non sexa un inconveniente á hora da
práctica militante e que, nese sentido, iso sirva
para mellorar á organización na súa incidencia coa
mocidade, na súa incidencia práctica. Entón, nese
sentido, este período terá que vir marcado por
reaxir organizativamente máis que nunca e sobretodo
trasladar a nosa menssaxe de cara a fora para entrar
en contacto con moita máis mocidade e que máis
mocidade se achegue ao noso proxecto.
- É a primeira secretaria Xeral de Galiza Nova,
cómo se sente?
- Cunha responsabilidade bastante grande porque
moitas veces o feito de sermos mulleres as persoas
que temos determinadas responsabilidades parece que
se nos está máis enriba.
- Un dos problemas da xuventude hoxe en día é o
traballo. Existe a emigración de xente nova?
- Sí, a día de hoxe existe a emigración xuvenil.
Unha das características estructurais que existe a
día de hoxe na mocidade é a emigración, tamén a
temporalidade e a falta dun emprego digno. A
emigración é un feito que a día de hoxe se segue a
producir e xa non só para buscar traballo senón
tamén a hora de cursar estudos universitarios. A
declaración de Boloña vai nese sentido, de propiciar
esa traslación de Boloña a nacións colonizadas como
a nosa, pois vai a supoñer que moita xente prefira
acadar a súa formación noutro país porque ademais aí
xa vai poder ter un posto de traballo.
- Qué lle pide ao goberno para que cese esa
emigración xuvenil?
- O que parece pertinente é unha interrelación do
goberno galego, neste caso da Consellería de
Traballo, coas interaccións xuvenís, e neste caso
nomeadamente con Galiza Nova, que é a primeira
organización do país en actividade e en número de
militantes. Neste sentido nós xa temos manifestado
propostas moi concretas sobre o emprego e temos
presentado un plan de emprego xuvenil. Entre esas
medidas están moitas das que defende Galiza Nova e
das que defendeu. Con só intentar aplicar esas
medidas xa se tentaría dar un paso importante. outra
cousa sería modificar unha serie de elementos
estructurais que requiren un traballo moi importante
e neste caso deberíaa realizar a Consellería de
Traballo e o Goberno galego no seu conxunto.
- Hai unha frase que se emprega moito en
manifestacións e que tamén escoitouse nesta Asemblea
e é a de "Galiza Ceibe Poder Popular". Que
significado ten a día de hoxe?
- Significa tentar que o noso país conte co dereito
de autodeterminación, que sería que o noso pobo
puidera decidir por el mesmo sobre o que quere ser e
como quere establecer as súas relacións co resto dos
pobos do mundo e co resto do estado español. Neste
sentido, a segunda parte, o de Poder Popular, é a
concreción deste dereito. Se os galegos e galegas
exercen ese dereito de autodeterminación estaríase
verdadeiramente levando o poder ao pobo e estaríase
exercendo conforme ao pobo quere.
- Sería necesario, entón, un plebiscito?
- Consideramos que a día de hoxe estamos nun proceso
de concienciación e liberación nacional, e nese
sentido cada cousa ten que ir ao seu tempo. Si que
nun futuro, dependendo da concienciación nacional
que haxa no país, que sería o máis lóxico.
|