"Unha lingua está viva se se utiliza"

Traballa para Topagunea, unha federación de asociacións locais de euskera, que traballa en promover o uso social da lingua. Estivo en Compostela para participar no ciclo conversascon organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, onde compartiu o proxecto que se está a levar a cabo en Euskadi, mintzapraktika, sobre os voluntariados lingüísticos.



Iker Martínez

-Fálenos da escolarización en euskera?

-Pouco a pouco vaise avanzando, están planteados tres niveis de educación. Depende un pouco da zona, pero en Euskadi elíxese en que nivel se quere estudar, existe a posibilidade de formarse unicamente en euskera; ao 50%, euskera - castelán; e exclusivamente en castelán. As opcións monolingües establecen unha materia de castelán ou euskera, segundo sexa o caso. Pero nos últimos anos observouse unha evolución moi importante e a maioría dos alumnos estudan ou ben todo en euskera, ou ben metade e metade.

-O coñecemento do euskera cada vez e maior, e o seu uso?

-O uso da lingua tamén está medrando, pero non ao mesmo nivel que o coñecemento académico, e é precisamente nese ámbito no que nós traballamos. No uso social vaise subindo pouco a pouco pero aínda hai moito traballo que facer e é aquí onde traballa Topagunea. Cremos que unha lingua está viva se se utiliza, e iso é o que pretendemos, creando situacións para que a xente empregue a súa lingua.

-Cal é o nivel de amor á lingua en Euskadi?

-A xenreira cara a lingua non existe, quizais nalgúns tempos había auto-censura, pero iso agora non pasa. A xente ten unha opinión favorable do euskera, aínda que logo na práctica iso non se aplique tanto. O que hai que conseguir é que esas eivas desaparezan e que se empregue o euskera. E iso é o realmente complicado, porque unha cousa é estar a favor e outra, facelo.

-É dificil aprender euskera?

-Ben, é dificil aprender galego? É dificil aprender castelán? Nós dicimos que non. Seguramente para unha persoa que fale castelán é máis dificil aprender euskera que aprender galego, pois posiblemente si, porque ambas teñen unha raíz común, pero para unha persoa holandesa ou que fale unha lingua bantú que lle será máis fácil? Pois posiblemente a que máis se fale na rúa. Se existen opcións para que a lingua saia á rúa e a xente a fale, pois será máis fácil aprender e falar euskera.




“Seguramente para unha persoa que fale castelán é máis dificil aprender euskera que aprender galego, pois posiblemente si, porque ambas teñen unha raíz común”




Iker Martínez, membro de Topagunea