Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

"A independencia é unha opción xurídica e política que non se pode desbotar"

Lugo, 1953. Doutora en Filoloxía Galega, profesora na Universidade da Coruña, escritora, investigadora, política, pero ante todo, muller. Estivo en Compostela para falar de "O papel da mulher na transmissom da língua e na socializaçom lingüística" no simposium "Língua e Género" organizado por AGAL (Associaçom Galega da Língua).



García Negro

Mulleres e lingua, que relación teñen mulleres coa lingua galega?

As mulleres somos a metade da humanidade galega, da nazón galega e, entón somos corresponsables, e queremos selo, dos nosos destinos, tamén no que toca á necesaria recuperación da lingua. Nese sentido sendo, aínda por tradición e por peso social, as mulleres en maioría responsables da primeira socialización das crianzas, sería fundamental que nos sumasemos moito máis a ese proceso de normalización e de recuperación da lingua e sobre todo de familiarización dos pequenos e das pequenas na súa primeira infancia co idioma. Polo tanto, sumarmos a ese proceso de non furtarmos o galego aos nosos fillos e a todos os pequenos. Naturalmente, non só na casa senon tamén na escola ou en calquera ámbito de actuación.

Poderemos desligar algún día a política da lingua, para que a lingua poda medrar soa?

Dáse a circunstancia de quen politiza para mal a lingua, a lingua galega na Galiza, son os que discuten, negan ou exclúen o seu uso, porque naturalmente a lingua galega na Galiza é onde ten que existir con plenitude funcional, ao servizo de todos os cidadáns sen distincións de clase social ou de lugar de residencia: aldea, vila ou cidade. E dito isto, claro, esa é a política excluínte do galego e naturalmente a que sobra, mais a política feita desde o campo nacional e nacionalista xa desde moi distantes tempos no pasado foi a que se ocupou de restaurar o galego. Hai que distiguir a minoría claramente con vontade nacional dende o punto de vista nacionalista activo que restaurou o galego nunca quixo ser minoria, nin quixo patrimonializar a lingua, todo o contrario, porque senon faría unha lingua de elite. E iso non é o que se quere. O que se pretentende é expandela e darlle a capilaridade que precisa. A existencia do galego en toda a sociedade de todo o territorio.

Podería ser a solución para o galego, a independencia de Galiza?

A independencia, naturalmente, é unha opción xurídica, política que non se pode desbotar só que na situación actual e dende o punto de vista estrictamente lingüístico ou sociolingüístico, o que nos compre, a necesidade vital que temos é a de elevar o galego, o de darlle toda a independencia necesaria, a autodeterminación necesaria a base dun uso multiplicado, visible, audible socialmente e cos poderes públicos que traballen nesta direción, porque hai por todo o mundo adiante paises nominalmente independentes que non teñen a súa lingua, que non a normalizaron no seu momento, ou que acabaron consolidando un proceso de asimilación. Hai que dicir que a independencia formal non sería, con non o foi noutros casos historicamente, unha garantía. É unha posición complexa.

 

-O galego, como lingua, é machista?
-Non. En absoluto. Machistas son as actitudes e as conductas dos que usando o galego ou usando o español pretenden seguir a discriminar e a segregar unha parte da sociedade da outra.

A lingua galega na Galiza é onde ten que existir con plenitude funcional, ao servizo de todos os cidadáns sen distincións de clase social

Pilar García Negro , Doutora en Filoloxía Galega