'A cultura sempre estivo moi ben posto que non a fixo o Estado'

O ministro de Cultura de Venezuela participou nunhas xornadas sobre América Latina en Mondariz-Balneario. Dentro da súa apretada axenda tivo un momento para atender á A Peneira .



Francisco Sesto

- Coñécese a realidade cultural de Venezuela en Europa e en Galiza?

En termos xerais está terxiversada. Hai dúas Venezuelas: a que vivimos os venezolanos, unha experiencia ben fermosa e profunda, revolucionaria, de transformación, e outra imaxe que difundiron os grandes medios de comunicación, as grandes cadeas que teñen intereses. Desvirtúan e seguen desvirtuando cada día o que ocorre en Venezuela. Hai movementos sociais, intelectuais que queren saber, que nos visitan, que ven a televisión cunha conciencia crítica e si que nos coñecen.

- En que situación atopou a cultura venezolana cando chegou ao cargo e como pensa que está agora?

- Nós temos unha frase que é "o pobo é a cultura". A cultura sempre estivo moi ben posto que non a fixo o Estado. O pobo é quen a fai e a fixo, de resistencia cando todo conspiraba contra a existencia da diversidade cultural. O pobo conta cunha sabiduría milenaria que defende as súas manifestacións e a maneira de entender o mundo. A xestión pública era a que fallaba, a parte do estado que puña os recursos ao servizo por e para as élites. Agora isto non acontece. Agora faise unha xestión incluínte. Non se descarta ningunha manifestación cultural, ningunha das formas expresivas. Contamos coas máis actuais como poden ser o cine e os audiovisuais e as máis tradicionais como a danza e os rituais. Hai un cambio radical na xestión a partir do momento en que entra este equipo actual.

- Vivimos nunha sociedade dominada por certos parámetros culturais próximos ao mundo anglosaxón. Como amosar neste contexto a cultura latinoamericana en xeral e a venezolana en particular ao mundo?

- Nós vivimos un monólogo que como dis ven do mundo anglosaxón, particularmente dos Estados Unidos. A través do que eles chaman "industrias do entretemento" acurralan ás culturas e inciden na maneira de ver o mundo que teñen outras culturas. Procuran un pensamento único. No fondo o capitalismo tenta convertirnos a todos en consumidores. Para eles é moito máis doado se nos igualan. Pero esta igualdade non é na dignidade, nin na liberdade, nin no acceso aos bens materiais senón na perda da ánima. Convírtenos en consumidores "desalmados". Contra isto o mundo reaccionou e non só Venezuela. Houbo unha loita moi forte na UNESCO contra Estados Unidos para aprobar a Convención internacional pola diversidade cultural. Os gobernos terán o dereito de considerar a cultura non como unha mercancía senón como algo que é susceptible de estar protexido dunha maneira especial polos estados.

- Qué papel xogou e xoga na actualidade a emigración galega en Venezuela no eido cultural?

- Os galegos teñen alí moita presencia. Incorporáronse con moita forza á vida de Venezuela. Gaegos importantes, intelectuais, artistas e xente en xeral acompañan este proceso. Non sou o único ministro de orixe galego, ten habido outros e hai moita xente incorporada no proceso. Agora, en termos xerais, as veces se fala de que a emigración galega é máis conservadora, máis reaccionaria, máis resistente ao cambio. Eu non o vexo exactamente así, costaríame xeneralizalo. Eu a vexo un pouco máis temerosa aos cambios, unha emigración que se deu por razóns económicas máis que políticas, e nese senso poden asustarlles certas cousas, con esa aventura, esa inestabilidade que se forman nos procesos de cambio... pero non me atrevería a calificala como unha inmigración reaccionanria. Diría máis ben que é apolítica nun certo sentido. Tamén hai elementos metidos na oposición, todos eles máis neutros, pero co seu esforzo, co seu traballo, co seu espíritu, están contribuíndo a esa diversidade que temos en Venezuela, que é un país de aluvión, dalgunha maneira.

- É difícil defender un patrimonio cultural cando hai dificultades económicas?

- En patrimonio material, sobretodo o arquitectónico e arqueolóxico e algúns bens inmobles, é máis fácil, en certo sentido, polas axudas europeas. Pero a base fundamental do patrimonio é o intanxible. Para o material sempre aparecen recursos, e para o inmaterial, o espiritual, non se necesitan. O que se necesita e un desenvolvemento da consciencia, que o pobo se apropie do patrimonio, que o faga seu. E iso é o que está a suceder en Venezuela: a comunidade é a dona do Patrimonio.

 

A base fundamental do patrimonio é o intanxible.O que se necesita é un desenvolvemento da consciencia, que o pobo se apropie do patrimonio, que o faga seu.

O pobo conta cunha sabiduría milenaria que defende as súas manifestacións e a maneira de entender o mundo.

Francisco Sesto, Ministro de Cultura de Venezuela