'Eu non recibín nunca ningunha presión'
A 'Oficina de Justificación de la Difusión' é a empresa máis grande encargada do control da tiraxe e a difusión de varios tipos de medios de comunicación no Estado. Fundada durante o anterior réxime en 1964, os seus datos serven para sinalar a importancia dos medios cos que traballan. Por este motivo foi protagonista de varias críticas e un certo número de polémicas.

Eusebio Serrano
Antón Fernández Escuredo
Cales son as maiores dificultades que ten a OJD para controlar a tiraxe das publicacións?
Dificultades técnicas non existen. Estamos preparados para establecer os procedimentos de auditoría non só da tiraxe senón tamén da distribución. O dato máis importante non é a tiraxe senón a difusión. A tiraxe é a base da que parten as empresas de comunicación pero logo hai que poñelos en distribución. A diferencia entre ambos datos pode estar nun 20 % para xornais e mesmo algo máis para revistas xa que chegan aos quioscos pero non se venden. Eses exemplaren non teñen ningún efecto para nós posto que ninguén os viu e non ollaron a súa publicidade. É un dato que temos que eliminar. Se cadra a maior dificultade está aí. Hai certa tentación para moitos, sen ser unha norma xenérica posto que os editores son profesionais, de tentar enmascarar esa devolución para ver a maneira de incrementar a difusión para conseguir máis inversións publicitarias. De todos os xeitos hai moitos mecanismos que nos axudan como é o imposto "chivato", o 4 % de IVE de todos os xornais vendidos.
Coa competitividade que hai hoxe no sector recibiron algunha vez presións dalgún tipo?
Eu non recibín nunca ningunha presión. Presión…Quizáis houbo tentacións pero hai unha traxectoria moi obxectiva e clara que fixo desistir calquera presión.
Porque non teñen moitos datos de medios en lingua galega?
Non só galegos, pásanos con outras rexións excepto con Catalunya. Fóra de Madrid o que temos é datos de prensa diaria e algunha gratuita. As outras publicacións están concentradas en Madrid e Barcelona. Hai moi pouca alternativa para outro tipo de publicacións. Agora hai algo máis de prensa gratuíta local.
Fala da OJD como dunha auditora. Pódese dicir que o que vostedes aseguran vai a misa?
Eu entendo que sí. Polo menos poñemos o empeño. Outra cousa é que se cometan erros pero tamén é verdade que como é un traballo tan transparente e estamos metidos nun medio moi competitivo se cometemos algún erro automaticamente nolo vai dicir a competencia para que o corrixamos. Cometemos algún erro de vez en cando, como todos, pero os métodos que temos afinan moito máis. Os medios ademais coñécense e non van permitir que OJD dé datos incorrectos doutros medios que son competencia.
Hai certa tentación para moitos de tentar enmascarar esa devolución para ver a maneira de incrementar a difusión para conseguir máis inversións publicitarias
Cometemos algún erro de vez en cando, como todos, pero os métodos que temos afinan moito máis.
Eusebio Serrano, Director Xeral de OJD