‘En xeral os historiadores estamos no punto de mira dos familiares da dereita’

Premio "Roberto Vidal Bolaño" correspondente á edición 2007, Dionisio Pereira será homenaxeado o sábado 23 de xuño ás 12 horas no salón de actos do antigo local da Cámara Agraria de Cerdedo.Á espera de xuizo por publicar os seus traballos sobre a represión do 36 en Galiza, o seu caso causa preocupación no eido da investigación histórica.



Dionisio Pereira

-A estas alturas hai falta de liberdade de expresión?

É evidente. Eu teño que escribir coas precaucións propias dunha normativa que é a Lei de enxuizamento civil que nos sitúa no punto de mira de calquera persoa que pense que unha obra prexudica o seu honor. Estamos á mesma altura que as revistas sensacionalistas. No meu caso a denuncia veu pola publicación das actas do Congreso de Narón nas que puña nun apartado “persoas sinaladas pola súa participación ...”. Na demanda de conciliación figuraba outro libro posterior do 2006 no que xa se dicia “pesoas sinaladas pola súa suposta participación ...”. De aí que se retirara a do 2006 e quedara a anterior.

-Cando un investigador se dedica a facer xustiza rescatando o pasado agarda unha coacción deste calibre?

Os que vivimos en zonas rurais do interior sabemos o que hai. Sabemos que existe a intimidación polo fino. Xa non che meten unha pistola na cabeza nin vas a prisión pero hai outras maneiras de intimidar, sobre todo ás persoas maiores que son os informantes. Sabes que esa intimidación existe. Recibo correos de moitas zonas do estado que me din que en xeral os historiadores estamos no punto de mira dos familiares da dereita e dos xuices que teñen unha visión “paralela”, por dicilo suavemente, á do vello réxime.

-Algún medio de comunicación acusouvos de ser “arqueólogos do odio”…

Nós o que procuramos é a verdade e a memoria das persoas que foron represaliadas inxustamente polo seu compromiso coa democracia. Eu non coñezo investigadores “revanchistas”. Non vexo por ningures que se pidan xuizos. Só queremos saber o que pasou.

-Casos como o seu poden sentar un precedente?

Si. De aí saiu a grande alarma dos historiadores e a movilización solidaria non só de aquí senón doutros países como México, Portugal, Estados Unidos, Francia, ... Hai certa alarma porque a liberdade de creación científica pode ser coartada e non se nos deixe facer o noso traballo mediante as hipóteses que necesitamos establecer. Se non podemos establecer estas hipóteses en base ás mortes paralegais que teñen que ver con persoas significativas das milicias parapoliciais da falanxe, polo tanto dando nomes, poderíamos chegar á conclusión errónea de que estes feitos tiveron que ver con motivos persoais (mover un marco, odios veciñais, etc). Para iso temos que dicir nomes: aquel é o xefe local de Falanxe, aqueloutro era un camisa vella. Senón quen vence non só é a impunidade senón unha nova lectura revisionista da historia.

-Semella como se neste tema aínda non chegara a transición democrática..

A nivel oficial estes días se está a loubar a transición. A nivel de rúa non se ten esta sensación tan optimista. O que se si sabemos é que se certificou o esquecemento. Non se igualou nunca o réxime de Franco ao réxime fascista de Mussolini ou ao nazi de Hitler como se fixo en Europa. Aqui se certificou coa Lei de Amnistía de 1979, asinada polos partidos maioritarios daquel intre incluidos o PC e o PSOE, a impunidade e se xustificou a política do esquecemento. Grazas ao labor investigador individual e sen axudas de historiadores e ao traballo de asociacións de recuperación da memoria hoxe hai outra sensibilidade, sobre todo en Galiza. Aqui aínda foi peor polos anos de goberno da dereita.

-Fálenos dos informantes. Será negativa a demanda para seguir investigando?

Quizais habería que pensar que, no meu caso, o que se se está dando é unha “chamada a navegantes” para que os historiadores non se metan en problemas. Tamén podería haber un aviso aos informantes que son sensibles á presións. Ten en conta que os informantes son persoas de bastante idade que viviron a represión e saben o que é o medo. Eu sei os informantes que teño e as informacións contrastadas que me dan. Por outro lado en zonas como a que eu traballo, onde segue gobernando a dereita, onde non houbo un proceso de deslixitimación do franquismo a nivel munipal e hai fios condutores entre as corporacións actuais e as dos anos 60, os informantes son susceptibles de todo tipo de intimidacións. Moitas veces estas intimidacións son indirectas a través das súas familias. Por iso eu me nego a meter ás miñas fontes nun xuizo porque non o merecen. En moitos casos son famliares de persoas que foron asasinadas sen xuizo e me nego a que se vexan nesa tesitura desagradable. Máxime cando non teño ningunha constatación de que podan ser tratados dunha maneira agarimosa.

-Cal foi a resposta das diferentes institucións públicas e organizacións sociais ao seu caso?

O apoio veu fundamentalmente das asociacións que están a traballar neste eido. A nivel de universidade recibín moitos apoios de compañeiros e xa a outros niveis académicos deixariao en interrogante. A nivel de institucións públicas hai uns meses, cando saiu a nova da demanda de conciliación, tiven unha resposta positiva por parte de Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. Agora ben, cando está a chegar o xuizo non obserbo tanta dilixencia.

Eu teño que escribir coas precaucións propias dunha normativa que é a Lei de enxuizamento civil ... Estamos á mesma altura que as revistas sensacionalistas.

Recibo correos de moitas zonas do estado que me din que en xeral os historiadores estamos no punto de mira dos familiares da dereita e dos xuices que teñen unha visión “paralela”, por dicilo suavemente, á do vello réxime.

Dionisio Pereira, Historiador