‘O españolismo utiliza tópicos para manter
as súas ideas nacionalistas e imperialistas’
Este verán varios grupos soberanistas galegos presentaron o proxecto “Causa Galiza” como proposta unitaria de acción. Silenciados polos grandes medios de comunicación do país, un dos seus compoñentes dentro da formación Primeira Linha, Carlos Morais, ten claro que decidir desde Galiza pode resolver a maior parte dos problemas cotiás da xente traballadora.

Carlos Morais
- Por que independentismo?
Consideramos que a inmensa maioría dos problemas cotiás da xente traballadora están ligados á carencia de soberanía, de poder decidir dende a Galiza e para Galiza. A función da esquerda independentista é ser un instrumento de defensa dos intereses da Galiza e da súa clase traballadora.
- Fálase de fragmentación do independentismo. Que cambiou despois con “Causa Galiza”?
- A fragmentación da esquerda independentista é unha das características históricas do movemento como tal. Está dividido en diferentes correntes. Nós, Primeira Linha, sempre defendimos que para que deixe de ser marxinal e pase a ser minoritario, que consiga articular a ese 8 % da poboación que din as enquisas que se declara sobiranista-independentista, hai que conseguir a unidade plena de toda a esquerda independentista. Baixo unha plataforma, unha estrutura sociopolítica a debater mais na que teña cabimento todo o mundo e na cal ten que haber tres premisas fundamentais: a pluralidade ideolóxica, encadrado dentro da esquerda anti-capitalista e que rompa co autonomismo neoliberal representado hoxe polo BNG. Hoxe isto é posible. Nos últimos dez anos houbo diferentes tentativas mais ata agora seguimos fragmentados. Neste 2007 foi posible a unidade da esquerda soberanista por medio de "Causa Galiza" e pensamos que podemos continuar por isa liña aberta. A medida que vaiamos logrando máis iniciativas unitarias terian que ir reducíndose as diferenzas.
- Os detractores do independentismo din que non ten sentido dividir o Estado español agora que existe unha U.E...
- O españolismo utiliza ese tópico para manter as súas ideas nacionalistas e imperialistas furibundas. Diante dese tipo de posicións habería que preguntarlles porque dentro do actual modelo da UE non disolven a nación española e pasan a unirse con Francia ou Portugal. Mais non, a xente que di iso son os máis defensores dunha España unitaria que nega a pluralidade do conxunto do Estado e que quere impor pola forza a cultura española sobre a cultura galega, vasca e catalá. Nestes momentos non lles chega con oprimilas senón que pretende incorporar a Portugal dentro do proxecto nacional español igual que nos tempos de Felipe II. Emprega para iso a penetración de capital español para logo atraer ás élites. Saramago é unha evidencia de todo iso. Fronte a isto a unha defensa é a existencia dun Estado propio..
- Que vía debería seguir o independentismo galego? A catalá ou a vasca?
- Galiza coincide coa opresión deses dous pobos, o enemigo é común. Cada un ten as súas tácticas cuns ritmos diferentes. Aqui levamos un retraso considerable en parte pola claudicación do autonomismo fronte ao españolismo nos últimos 15 anos e noutra pola menor masa crítica fronte ao proxecto españolista. Nós non podemos copiar, todo proceso ten que partir da propia realidade do pobo que o pon en marcha. Podemos, iso si, incorporar cousas positivas.
Neste 2007 foi posible a unidade da esquerda soberanista por medio de "Causa Galiza" e pensamos que podemos continuar por isa liña aberta.
Nós non podemos copiar, todo proceso ten que partir da propia realidade do pobo que o pon en marcha. Podemos, iso si, incorporar cousas positivas..
Carlos Morais, Secretario Xeral de Primeira Linha