“Empregábase máis o galego na transición nos medios escritos diarios que na actualidade”


Carlos Callón, Presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística

Pouco antes da presentación da Fundación Vía Galego nun coñecido hotel compostelán, Carlos Callón atende as nosas preguntas sabéndose un dos protagonistas do eterno debate da lingua. Só temos que mirar ao noso redor para decatarnos da importancia do seu traballo: entre os xornais a disposición dos clientes non  hai ningún en lingua galega e sí varios editados en Madrid.

Antón F. Escuredo
¿En que situacion se atopa hoxe A Mesa?
En actividades levamos un ritmo moi acelerado porque hai unha base programada a tres ou seis meses vista ao longo do curso escolar. Despois atopámonos con chamadas de socios e socias e de xente preocupada pola lingua que nos explican os seus problemas para poder vivir en galego. Discriminacións, por exemplo, á hora de casarse posto que teñen que facelo cun tradutor ou coa resposta de que se é en galego “vai tardar varios meses máis”. Casos como o da xente que quere facer o testamento na súa lingua e a resposta do notario é "si lo quiere en gallego tradúzcalo usted". Son agresións contra cidadáns por razóns de lingua ás que A Mesa ten que tentar dar resposta.
No referente a socios e socias estamos agora mesmo no teito dos 3.200 e desexamos seguir aumentando. Que a xente vexa na nosa entidade unha "casa común" en defensa da lingua.

Hai pouco foi reelixido Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. ¿Que liñas de traballo pensa seguir?
O obxectivo primeiro é o do Estatuto. Entendemos que A Mesa se ten que centrar como nunca posto que o que se consiga para o Estatuto. Para nós non é unha campaña máis xa que o que se consiga no estatuto pode ser por vinte e cinco anos: recoñecer os dereitos lingüísticos de verdade. Dicía Castelao que "todo dereito non garantido deixa de ser dereito". Puidémolo ver ao longo destes anos onde en teoría podíamos ter dereito a facer uso do galego mais na práctica se non hai un deber para a administración ¿como se garante ese dereito?. Se un xuiz pode dicir que para casar en galego precisas un intérprete logo ese dereito non está garantido. Entendemos que no Estatuto se pode garantir ese dereito e por esa razón é o obxectivo prioritario para os vindeiros meses.
Estamos no camiño da complexización da organización. Había seccións creadas que esperamos afortalar ao longo destes anos: a sección da mocidade pola Normalizazción Lingüística que é esencial para garantir o futuro, a sección de nais e pais polo ensino en galego que é fundamental para o futuro dos máis pequenos. Agora presentamos a Fundación Vía Galego que vai representar unha liña de traballo complementaria. Traballará na idea da circulación cultural entre os territorios que pertencen ao esquema lingüístico galego-portugués. Tanto que aquí se coñezan os produtos culturais brasileiros, angoleños, mazambicanos ou portugueses, como que calquera adolescente que sabe ler galego entenda que tamén pode saber portugués. Non esquecemos tamén a relación cos territorios que, fóra da comunidade autónoma, falan galego como é o caso de zonas de Asturias, Zamora, León ou Extremadura.

A lingua foi unha das bandeiras de reivindicación dalgúns partidos políticos nas pasadas eleccións autonómicas. ¿Notou cambios de sensibilidade no actual executivo galego?
No conxunto do executivo si que hai un cambio con respecto ao que era o do PP, que era "insidiosa desidia". Que é o que acontece. Departamentos como o de Industria non empregaban o galego e agora hai un proceso de galeguización. Mesmo no tema das subvencións vaise ter en conta como elemento prioritario o da nosa lingua. Nese sentido vemos un cambio. Pero lamentablemente onde non vimos cambio e onde este sería desexábel: en Política Lingüística. Cambiose o rango e a cara da persoa que o leva pero nada máis. Nós o que agardamos é que haxa un cambio de verdade. Ver os comunicados de prensa de caracter propagandístico que sacan... cáesenos a alma aos pés. Por exemplo, hai pouco anunciaron un proxecto piloto en Ourense para a galeguización da administración cun concurso de ideas no que entraban certames de relatos ou de autocolantes. É a mesma idea que empregaba o PP, aquela de homenaxe lingüística, darlle voltas pero que á hora da verdade non recupera falantes. En temas importantes como o de Ensino polo de agora só enviaron unha circular. En casos graves como o dos medios de comunicación de momento o que sabemos é que se pensan repartir as axudas como en anos anteriores. ¿Se publicas un 2 % en galego podes recibir 2 millóns de euros? Iso non ten lóxica ningunha. Pódense facer campañas sensibilizadoras que non se están a facer. Tampouco hai declaracións da Secretaria Xeral de Política Lingüística. A única importante que realizou hai pouco foi polo tema do Estatuto, e grazas á presión de A Mesa e o BNG. Desexamos un cambio e se ela non se ve capaz pedímoslle que recapacite e que non continúe.

Os medios de comunicación son fundamentais nunha normalización lingüística. ¿Cómo se ve na Mesa a política da Xunta no tocante aos medios de comunicación en galego?
Por unha banda temos os medios públicos. Nós mantivemos unha entrevista coa nova directiva da RTVG na que lles solicitamos que poñan en marcha a segunda cadea da TVG para poder diversificar contidos ademais da plena galeguización da publicidade. No tocante a TVE en Galiza pedímoslle que cumpra o papel de servizo público empregando máis a nosa lingua que facendo programas de "Corazón de primavera", "Corazón de verano", "Corazón de otoño" ou "Corazón de Navidad" que non fan nin as privadas pola súa pobre calidade.
Por outro lado á propia Secretaría Xeral de Política Lingüística demandámoslle que mude o criterio de concesión de subvencións aos medios de comunicación para o uso do galego. Segundo a lei ten que ser un uso progresivo e tense que primar aos medios que empreguen, cando menos, o 50 % con normalidade a nosa lingua. Non hai excusa posible para que este ano se continúe co mesmo reparto de axudas de anos anteriores. Queixábase a Secretaría Xeral de Política Lingüística de que no seu departamento había pouco diñeiro. Hai que recordarlle que do que ten tres millóns de euros van para a TVG e os outros tres millóns de euros van para medios de comunicación que empregan o galego nunha porcentaxe moi reducida. Segundo algúns estudos empregábase máis o galego na transición nos medios escritos diarios que na actualidade.  ¿Ese é o resultado da política de axudas? Entón haberá que repensalo.

A Mesa convocou unha gran manifestación para o día 17 de maio. ¿Que obxectivos ten?
Agardamos que sexa unha xornada histórica xa que que é un obxectivo histórico o que nós formulamos. Animar a toda a cidadanía a que participe, sexa ou non galegofalante. A xente que queira vivir en galego. Unha movilización que consiga que non haxa máis protestas por vinte e cinco anos, ou polo menos que haxa moitas menos. Podemos conseguir que se garanta nunha lei orgánica como o Estatuto os dereitos lingüísticos de todos e todas.

 

 

 

 

 

 

 

 

“¿Si publicas un 2 % en galego podes recibir 2 millóns de euros? Iso non ten lóxica ningunha”