|
Borja Neves, secretario da Asociación Cultural Casco
Vello-Libredón
“Casco Vello-Libredón”
é unha asociación que naceu en Compostela en Xuño do
ano pasado. Entre os seus obxectivos principais ten
a promoción de actividades culturais e de tempo
libre ligadas aos xogos de rol e de
estratexia, aínda que tamén aos relacionados coa
literatura histórica, fantástica e de ciencia
ficción. Tentan realizar boas e fieis recreacións
históricas nas súas actividades sen esquecer a
promoción da lingua nas mesmas.
Bástiám Carreira/COMPOSTELA
-Aínda
que vos poda parecer mentira hai moita xente que non
sabe o que é o rol, ou os xogos de rol. Poderías
explicar brevemente de que se trata?
-Os xogos de rol son, en poucas palabras, contos
interactivos nos cales hai un director de xogo que
chamamos Máster. Este director crea un fío
argumental fantástico no que participan personaxes
con características definidas que interactuan nese
mundo dirixido e creado polo Máster, facendo que ese
mundo evolucione e que se vaia construíndo unha
historia.
-É importante, por tanto, ter imaxinación, non é?
-Con certeza. A pesar dos tópicos que mostran os
xogadores de rol como seres isolados nunha especie
de mundo interior, nada máis lonxe da realidade.
Aquí todo é imaxinación, o que conta non é gañar
senón pasalo ben, crear unha trama divertida e
amena. Xa ten pasado que obras da literatura
fantástica se teñen baseado en grandes partidas de
rol.
-A que se dedica unha asociación de rol?
-Bon, “Casco Vello” é unha asociación de rol e tempo
libre, tentamos abranguer un algo mais. O importante
desta asociación é pór en contacto xente, combinar
para xogar ao rol, tanto en partidas oficiais da
asociación como noutras, coñecerse, trocar ideas e
experiencias,...
-Desde cando existe a vosa asociación como tal?
-Fai xa algún tempo, desde o verán pasado. Entre as
nosas primeiras actividades, organizamos unhas
xornadas de dous días na Chocolatería en outono, un
pouco para que se coñecese o que era o rol.
-Que mais actividades tendes feito?
-Desde a nosa primeira actividade, que foi algo mais
ambiciosa, o que temos organizado sobre todo son
xogos de rol, algún deles en vivo. Destes últimos
podo destacar un de vampiros que tivo bastante
repercusión na cidade. Agora que xa temos local, no
C.S. “O Pichel”, supoño que tentaremos avanzar mais
e en novos proxectos.
-Falanos algo desas ideas que tendes para o
futuro?
-Agora mesmo estamos xa con un ciclo de cinema
fantástico todas as quintas ás 21:30. Non é un ciclo
dunha temática concreta, senón filmes que nos teñan
inspirado e marcado como xogadores de rol. Desde
Conan a Blade Runner,... filmes de directores e
produtores que eu acho nun 90 % teñen xogado ao rol
algunha vez.
Aínda que non é unha iniciativa da asociación mais
si de dous dos socios fundadores, podo anunciarche
que en breve vai saír o primeiro xogo de rol galego,
e en galego, ambientado nunha Galiza céltica e
mítica, que levará por título “As Crónicas de Gáidil”
-Coñecedes outras asociacións similares noutros
puntos do país? Tendes relación con elas?
-Sei que existe unha en Pontevedra coa que nós temos
relación e contacto. E que eu saiba existe tamén
outra en Ferrol. Temos na cabeza o proxecto de facer
unha federación a nivel nacional, mas aínda está
todo moito no ar.
-Que nos podes contar dos apoios institucionais a
este tipo de iniciativas? Como está o tema?
-En principio non nos apoia ninguén. O rol tivo moi
mala publicidade nos 90. Aínda así, e sobre todo a
partir da partida de vampiros na que participaron
mais de 500 persoas, xa se ten algo de apoio das
institucións. Para as actividades da Chocolatería
tivemos unha ajuda económica da Concellaria de
Cultura. A nível galego a Dirección Xeral de
Xuventude ten apoiado a organización dunha partida
de rol en vivo, a dos irmandiños, que foi todo un
éxito. Supoñemos que unha vez superadas as primeiras
desconfianzas a colaboración irá a mais. Sobre todo
para proxectos que teñan a ver con recreación
histórica, algo que está moi de moda e que se fai
moito nos países do Norte de Europa.
|