“Para un actorzuelo de medio pelo como son eu,
é un luxo poder escoller os personaxes”

Avelino González (Vigo, 1962). Actor. Acaba de recibir, xunto con Olga F. Nogueira, o Premio Maria Casares 2008 á mellor adaptación-traducción polo texto "A bombilla máxica" de Woody Allen, que puxo en escena Teatro do Atlántico baixo a dirección de Xulio Lago.



Avelino González

Por que o teatro?

Por casualidade, porque me aburría. Porque un ano fun a un pasarrúas que organizaba unha compañía de teatro que había en Coruxo, en Vigo, que se chamaba A Farándula e alí enganchei. Como estaba de repetidor de nada, porque suspendera a selectividade e tiña que esperar un ano a que me tocara, pois… pasei alí o ano empezando a fedellar e ata agora. Ah! Presenteime á selectividade, iso sí, e aprobeina, pero o teatro non me deixou acabar a carreira.

Logo de levar case trinta anos no mundo do teatro, de ter vivido moitos momentos bos e malos, cal sería o Momento co que se quedaría Avelino González?

A primeira vez que meu pai me felicitou por un espectáculo. Porque meu pai, en principio, non miraba con bos ollos que me dedicara a isto. E a primeira vez que foi a miña nai a verme, e que me fixo unha crítica. Esa primeira crítica da miña nai foi sobre o vestiario. A miña nai vai ao teatro e en determinados espectáculos a primeira crítica que ela fai é do vestiario.

De todas as facetas que ten o traballo actoral, mesmo o mundo do teatro, con cal delas quedaría Avelino?

Todo. A min, todo. Desde vender as entradas ou pegar os carteis para anunciar a obra ata limpiar a sala cando xa marchou o público. Desde que se empeza a ensaiar ata que se queima a escenografía. Todo.

Logo de recoñecementos, en forma de premios como actor, director ou autor. Cal prefire Avelino?

Como teatreiro.

Que supón este María Casares para ti?

Moita ilusión, é unha honra. A min o María Casares faime moita ilusión, unha polo propio obxecto en si, que me gusta moito a xerra, e outra tamén pola figura de María Casares, por quen sinto unha admiración profunda.

Se Avelino González puidese elexir calquera papel do mundo. Que lle gustaría facer?

Ha!! Para un actorzuelo de medio pelo como son eu, é un luxo poder escoller os personaxes. Entón un soña cos personaxes, pero non soña con un, soña con varios e en calquera caso sempre escollo facelo o mellor posible en calquera personaxe que me encarguen.

E agora preguntaríache por un disco, por un libro, unha cidade ou por unha rúa, pero a realidade do teatro é outra é pídoche que elixas ti…

Ese caos denominado… Vigo.

 

A miña nai vai ao teatro e en determinados espectáculos a primeira crítica que ela fai é do vestiario.

A min o María Casares faime moita ilusión, unha polo propio obxecto en si, que me gusta moito a xerra, e outra tamén pola figura de María Casares, por quen sinto unha admiración profunda.

Avelino González, actor