‘As cooperativas deberían ser a base da economía rural para fixar poboación’
Marchou a Madrid con 14 anos e traballou na hostalería. É unhas das cabezas visibles do proxecto da cooperativa e a adega “Coto Redondo” de Rubiós (As Neves) que está a revolucionar a producción do viño no sur de Pontevedra.

Antonio Méndez
-Cal é o segredo para facer un bo viño?
-Ter unha materia prima moi boa e logo tratar a uva e o viño tan ben como tratarias a unha persoa querida.
-En Rubiós temos esas condicións?
-Si. Somos unha parroquia con moita tradición de viño tinto desde hai moitas xeracións. Fálase de que somos “unha illa de tintos nun mar de brancos”. Levamos moitos anos coa inquedanza de poder relanzar os nosos tintos. Temos variedades autóctonas como é o Sousón con máis do 90 % da producción da mesma parroquia. Logo temos Pedral, que agardamos que se coloque no DOG, Espadeiro e Caíño. O que queremos potenciar é o “Señorío de Rubiós” de toda a vida. O que foi o Condado dos nosos avós. Temos tamén o “Terra de Xuliana”, un monovarietal con cepas vellas e escollidas de Sousón. É un viño extremadamente coidado. Logo estamos a facer 12.000 botellas de mencia con uvas de Salvaterra, Arbo e As Neves. Este ano comezaremos a tratar unha nova finca para producir viño ecolóxico.
-Canto tempo leva facer un viño?
-Nós nos tintos empezamos tarde. Temos unha filosofía diferente aos brancos. Tentamos que os tintos saian embotellados como moi cedo entre abril e xuño. Uns dez meses despois da vendima. Os brancos embotellámolos en marzo ou abril.
-O viño galego ten que competir con bebidas de fóra. Como o potenciaría entre a poboación que non o consume?
-Nós aquí non o tivemos difícil. Rubiós en tinto ten unha sona impresionante en toda Pontevedra, na zona da costa da Coruña, en Lugo e nalgúns lugares de Ourense. Primeiro tes que romper a desconfianza e explicarlle que se fai con todas as garantias sanitarias e as tecnoloxías modernas. Nós temos dous proxectos diferenciados: unha cooperativa para producir uva tinta e unha Sociedade Limitada para a explotación da Adega. A propia Cooperativa é socia da adega, logo están os viticultores a título individuales e varios accionistas que sobre todo son productores de uva branca. Atopamonos con xente que desconfiaba do viño ao seu paso por unha adega. Despois de probalo cambiaron de opinión. Agora mesmo a xente pide o noso viño nas taperías. Estamos a facer moitas catas e degustacións para que se coñeza no exterior. É un traballo de tempo e moita constancia. Tamén é fundamental a distribución. A xente identifica Rías Baixas, non moi acertadamente, co albariño. Nós potenciaremos variedades autóctonas cuidando as castes.
-É importante que os consumidores coñezan “in situ” as adegas?
-Si. Mesmo se podería montar un circuito de adegas no Condado do Tea, igual que en todas as Rías Baixas. Podería ser unha aportación máis ao turismo rural e zonal. Hai moitas adegas e moi interesantes para visitar.
-As cooperativas poden ser unha saída para o sector do rural?
-Debería ser a base da economía rural para fixar poboación, pero é dificil. O sentido do cooperativismo non está de todo comprendido pola xente. Hai quen pensa que é entregar o producto e xa está. Ata hai xente negativa que non entende que moitas veces non podes pagar a uva ao momento. Nun proxecto coma o noso non podes estar pedindo créditos todos os anos.
Temos unha materia prima moi boa e tratamos a uva e o viño tan ben como tratariamos a unha persoa querida.
Rubiós en tinto ten unha sona impresionante en toda Pontevedra, na zona da costa da Coruña, en Lugo e nalgúns lugares de Ourense.
Antonio Méndez, Presidente Adegas Rubiós