‘Procuro que a persoa non fale nunca coa cámara’
Antonio Caeiro (Gondomar, 1960) continúa a traballar por recuperar a memoria histórica a través dos seus documentais. Agora, despois de “A memoria do wolfram” e “Aillados”, está a rodar “A volta dos nove” e “Lola” no sur de Pontevedra. Asistir a un día de gravación é descubrir como a cámara pode formar parte do día a día dunha persoa.

Antonio Caeiro
-Estás a gravar un novo documental, non?
-Si. É un traballo que leva como título provisional o nome da persoa que o protagoniza, "Lola". A través das vivencias dela faremos unha historia de Cangas na época da República e a Guerra Civil. É como unha acta de toda a súa vida e da súa familia tendo como marco a todo Cangas.
-A historia dela e da súa familia e de moitísima represión...
-Si. Non gravaremos en todas as zonas relacionadas coa súa familia porque nos levaría mesmo ao forte San Cristobal en Pamplona. En realidade aproveitamos a súa prodixiosa memoria para que leve todo o peso cun monólogo contínuo dela contando as súas experiencias. Levamos ata o momento gravadas cinco horas de entrevistas e aínda nos faltan. O outro día estivemos coa temática das cancións, tanto da etapa da monarquía como na etapa da República. Moita canción republicana que lle ensinaron os seus pais.Lola é unha persoa cos sentimentos moi a flor de pel, entón acada que todo o que conta ti o vives. Lola tivo ao seu pai preso, á súa nai presa, o irmán maior estaba loitando no bando republicano e o irmán pequeno foi o que fusilaron aquí.
-É difícil gravar este tipo de traballos que teñen tanta forza emocional? A xente responde?
-Atopas de todo despois de tanto tempo gravando... No caso de Lola e parte da súa familia, que xa sairon no documental "Aillados", responden moi ben. Hai unha familiaridade e unha participación extraordinaria. Noutros traballos non acontece o mesmo. No documental "A volta dos nove" que estou a facer atopas de todo: xente que participa e xente á que lle é moi dificil participar. Esta dificultade ten que ver con que son familiares moi directos dos mortos. Hai xente con familiares mortos ou represaliados que cambiou moito e atopas familiares en campos ideolóxicos totalmente diferentes. Din. "é mellor esquecelo, que non se fale máis". Eu insisto e ao final falamos con case todos. Procuro no posible que haxa unha familiaridade aproveitando as novas tecnoloxías. Levo unha cámara pequena que non da a sensación de que os estés gravando. Disimulas máis. Procuro que a persoa non fale coa cámara nunca.
-Cando se vai a estrear o documental "A volta dos nove"?
-Temos vinte horas gravadas pero o problema que atopamos é a falta de imaxes. Logramos entrar no Arquivo Pacheco e atopamos dúas fotografías de 60.000 que hai alí. Decidimos facer un cambio radical: xa que non hai imaxes vamos a inventalas. Estamos a facer debuxos animados co que a xente conta alí. Outro dos problemas dese documental é que está contado por segundas ou terceiras persoas. É curioso xa que é o que levo menos tempo facendo e o que máis xente leva falando del. No do "wolfram" tardei dous anos e neste aínda non fixeron o ano e medio... De todos os xeitos sempre podedes ver anaquiños na rede.
-Como facer chegar os documentais á xente?
-Na televisión vense documentais porque alguén tomou esa decisión. Hai un problema que é o sistema de distribución de todos estes traballos, sexan documentais ou non. Ás veces a falta de información da a sensación de que non pasa polos sitios, que non hai proxeccións. Da a sensación de que non se exhibe e , en realidade non te enteras.
Levo unha cámara pequena que non da a sensación de que os estés gravando. Disimulas máis. Procuro que a persoa non fale coa cámara nunca.
Hai un problema que é o sistema de distribución de todos estes traballos, sexan documentais ou non. Ás veces a falta de información da a sensación de que non pasa polos sitios, que non hai proxeccións.
Antonio Caeiro, realizador de documentais