Actualizado
Xullo do 2008

economia

Uns 1.500 produtores galegos esixen en Madrid prezos dignos en orixe para leite e carne

redacción



Recente reunión da "Mesa do Leite"

Uns 1.500 agricultores e gandeiros galegos esixiron en Madrid xunto a outros 12.000 profesionais doutras comunidades autónomas prezos dignos en orixe para o leite e a carne que producen nunha manifestación convocada polo sindicato Unións Agrarias (UU.AA) diante dos ministerios de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino e Economía.

A iniciativa marca o arrinque dunha campaña que pretende concienciar á sociedade das marxes abusivos entre a contía que percibe o produtor e o prezo que paga o consumidor no linear de compra.

A organización agraria asegura que o gandeiro cobra agora case tres céntimos menos por cada litro de leite que en agosto do ano pasado. Se a materia prima cotizábase a 39 céntimos ese mes, agora a mesma cantidade sitúase entre 36 e 38 céntimos. E sen embargo, apuntan que o cartón de leite no supermercado está, nalgúns casos ata un 28% máis alto.

Un estudo de Unións revela que o leite de primeiras marcas encareceuse un 14% nos últimos nove meses, mentres que no caso das segundas o seu prezo ascendeu un 28%. Incluso os briks envasados polas propias distribuidoras, as denominadas marcas ‘brancas' aumentaron un 22% o seu importe.

De aí que o secretario xeral de UU.AA, Roberto García, reivindicase rendas dignas para os profesionais agrarios e gandeiros, así como estabilidade. Pola súa banda, lembrou que a función dos produtores é “proporcionar alimentos de calidade, coa seguridade alimentaria garantida”. E, ademais, referiuse ao seu papel como axentes de vertebración territorial no medio rural.

Ademais das protestas que se convocarán, está prevista a recollida de firmas para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular no congreso dos deputados a fin de asegurar as rendas dignas que merecen os traballadores agrarios e uns prezos mínimos en orixe que permitan, polo menos, cubrir os custos de produción das explotacións.

A organización agraria tamén reclama unha lei urxente que regule as marxes comerciais na cadea alimentaria sen ser incompatible coa normativa europea de libremercado, ademais da implantación dun código de boas prácticas entre industrias e produtores cuxo cumprimento condicione a concesión de axudas públicas.

Propoñen adaptar a actual normativa ás relacións contractuais, a través de interprofesionais e contratos homologados e un plan integral para o subsector gandeiro que conceda compensacións fiscais, axudas e outras medidas ás granxas en crise pola caída dos prezos en orixe e o encarecemento dos custos de produción.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986