Actualizado 09:26
20 de novembro

economia

Máis de 19.000 familias galegas recibiron o 'cheque bebé', situando a Galiza como a quinta autonomía máis beneficiada
"As axudas están ben, pero sería importante que se ampliasen as baixas"

redacción



A paga de 2.500 euros que concede o Goberno estatal por nacemento ou adopción de fillos, o coñecido como 'cheque bebé', beneficiou a un total de 19.104 familias galegas desde o 1 de xullo de 2007 ata o pasado 30 de xuño, e supuxo un desembolso en Galiza de 47,6 millóns de euros. De feito, Galiza ocupa o quinto lugar entre as comunidades máis beneficiadas por esta paga.

No conxunto estatal, 401.371 familias recibiron o "cheque bebé", o que supuxo máis de mil millóns de euros, o equivalente a case a cuarta parte do déficit ao termo do primeiro semestre (4.683 millóns de euros e o 0,42% do PIB), segundo datos da Axencia Tributaria. As comunidades autónomas máis beneficiadas polas axudas foron as de Andalucía (con 80.692 beneficiarios que se repartiron 201,5 millóns de euros), Cataluña (65.195 perceptores, con 162,8 millóns) e Madrid (55.995 receptores, cun desembolso do 144,6 millóns de euros). En cuarto lugar situouse a Comunidade Valenciana, con 43.891 familias.

Nos últimos postos da lista, que pechan Ceuta e Melilla, atópanse Extremadura, con 9.107 beneficiarios (22,6 millóns de euros); Asturias, con 6.993 (17,4 millóns de euros); Navarra, con 5.608 (13,9 millóns de euros); Cantabria, con 4.810 (12 millóns de euros) e A Rioxa, con 2.719 (6,7 millóns de euros).
O secretario de Estado de Facenda e Orzamentos, Carlos Ocaña, advertira xa que o saldo negativo das contas do Estado é resultado, en parte, das medidas económicas adoptadas polo Goberno en casos como este, destinadas a minimizar o impacto da suba de prezos.

"É unha boa axuda"
Entre as receptoras do cheque bebé en Galiza atópase Montse Rodríguez, que foi nai por primeira vez o pasado 12 de febreiro. Os 2.500 euros, "moi útiles", foron directos á conta de gastos correntes. "Non gastámolos de golpe, pero si supoñen unha boa axuda", sinala. Os gastos mensuais en cueiros (entre 60 ou 70 euros), alimentación, roupa... son os responsables de que o 'cheque bebé' vaia diminuíndo co paso dos meses.

Sobre o sistema, sinala que o proceso de solicitude é "fácil" e relativamente rápido. De feito, tardaron en recibilo un mes, unha vez realizada a solicitude. Tamén se acolleu ás axudas para mulleres traballadoras dispoñibles no mesmo documento e que supoñen a recepción de 100 euros mensuais.

Na súa opinión, este tipo de axudas son positivas, pero preferiría que se activasen outro tipo de medidas, como a ampliación do prazo das baixas de maternidade e paternidade. "Debería ser maior a duración dos permisos, para conciliar a vida laboral e a familiar", sinala, permitindo aos pais unha maior corresponsabilidade nas tarefas.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986