O caudal ecolóxico do Miño ao seu paso por Lugo é xa 10 veces inferior ao normal nesta época
redacción

O río Miño
O presidente da Confederación Hidrográfica do Norte (CHN), Jorge Marquínez, confirmou que o caudal ecolóxico do río Miño ao seu paso por Lugo é xa dez veces inferior ao que sería normal nesta época do ano, dado que só se rexistran 7 metros cúbicos por segundo, cando en novembro o volume habitual é de 70 metros cúbicos.
Así mesmo, lembrou que a situación de prealerta por mor da seca, que foi establecida pola CHN fai aproximadamente un mes, mantense, porque todos os caudais seguen estando moi baixos, tanto no Miño como no resto das súas afluentes. “Seguen sendo suficientes para garantir o abastecemento a Lugo e Ourense, pero moitos pobos do Alto Miño ou do Bierzo, en zonas periféricas do Sil, están tendo xa dificultades”, afirmou.
Xa que logo, Marquínez insistiu en dúas mensaxes, “pedir á poboación e ás industrias que conteñan o consumo, para que os leitos non sufran excesivamente, e solicitar un coidado especial aos abastecedores, porque nas súas plantas de tratamento os vertidos seguen sendo os mesmos, pero hai menos auga, polo que a calidade é inferior á media nesta época do ano”.
“Como xestores, temos que ser precavidos e situarnos sempre no peor escenario posible”, recoñeceu o presidente da CHN, pero, aínda que as previsións meteorolóxicas apuntan “a que teremos un inverno seco, iso non significa que non vaia chover, é impensable nesta comarca, polo que non vexo o futuro con demasiado pesimismo”, subliñou.
Tamén aclarou que os cortes de auga “non son unha solución moi aconsellable tecnicamente”, porque cando se producen hai unha sobrepesión nas tuberías, que pode chegar “a provocar máis perdas que as que se intentan corrixir”, o adecuado “é conter o consumo e evitar os gastos innecesarios”.
Xa que logo, precisou que a CHN pediulle “aos Concellos que adopten as medidas necesarias para evitar os consumos que non son indispensables, fundamentalmente o baldeo de rúas e a rega de xardíns. Tamén habería que acometer actuacións urxentes para corrixir defectos nas redes e evitar as perdas”.